Os deputados populares seguen a insistir na necesidade de que a Deputación impulsase un plan de promoción do turismo conxunto, e coordinado cos 67 concellos: “É unha mágoa que PSOE e BNG non apliquen na Deputación de Lugo o mesmo que lle demandan ao Goberno galego: un plan a longo prazo para impulsar o sector na provincia dende un punto de vista sostible, un plan de todos e para todos, no turismo non pode haber sectarismo nin cores políticas”
Lugo, 12 de setembro de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide e Demetrio Salgueiro, participaron esta mañá nunha nova xuntanza do Consello Provincial de Turismo na que se deron a coñecer os premiados dos premios de turismo deste ano, pero “na que non se realizou valoración algunha do traballo realizado dende o goberno provincial por impulsar a este sector nos primeiros meses do ano, sobre todo agora que rematou a campaña de verán”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, lamentou que “máis alá dos premios, esta xuntanza do Consello Provincial de Turismo estivo baleira de contido”. “Unha vez máis, realizaron esta convocatoria por puro trámite e volveuse a perder unha oportunidade de traballar de xeito conxunto e coordinado en prol de impulsar este sector fundamental na nosa provincia”, lamentou.
Para os populares puido aproveitarse esta xuntanza do Consello Provincial de Turismo “para buscar consensos e sentar as bases da estratexia turística da Deputación de Lugo para 2026 e o futuro, da man de todos, sen sectarismos e contando cos 67 concellos… pero para iso debería poñerse na orde do día un punto para a escoita activa de propostas dos integrante do Consello, pero non queren traballar nin escoitar a ninguén”.
Unha xuntanza do Consello Provincial de Turismo que contou coa ausencia do BNG que Antonio Ameijide valorou: “Coas súas accións seguen a demostrar o nulo interese que teñen na promoción da imaxe da provincia e de potenciar a este sector clave”.
Unha falta de iniciativa de PSOE e BNG que provoca que o goberno de José Tomé “siga a beneficiarse de estratexias e actividades impulsadas baixo gobernos do Partido Popular” como son as rutas en catamarán que permiten coñecer a Ribeira Sacra.
A pesar disto, PSOE e BNG “non son capaces nin de coidar a herdanza que recolleron xa que xa non están en funcionamento o 100% das embarcacións e embarcadoiros e tampouco se aplicaron melloras nestas actividades”.
SEN MANTEMENTO DAS ESTRADAS E ACCESOS A PUNTOS TURÍSTICOS
Antonio Ameijide recorda como “un goberno preocupado” polo turismo tería en perfecto estado a rede viaria provincial xa que “un ano máis temos que lamentar o mal estado da mesma, que causou problemas aos usuarios” ao que se engade a “falta de desbroces”.
“O goberno de PSOE e BNG o que fai é xerar unha mala imaxe da provincia e poñer en risco a seguridade dos usuarios das vías da Deputación de Lugo xa que este mal estado das vías provinciais dificulta o acceso a puntos de interese turístico e as marxes cheas de maleza diminúen a visibilidade de condutores e peóns” ao que engade que “esta situación dáse tanto na Ribeira Sacra, na Mariña, na Montaña… así como noutras zonas da provincia”, lamentou.
Antonio Ameijide recorda como dende o Grupo Popular xa se realizou en varias ocasións a petición de elaborar un Plan Estratéxico de Turismo da provincia que teña en conta as necesidades e peticións das asociacións, entidades e empresas que participan na actividade turística da provincia e que forman parte do Consello Provincial de Turismo, así como a desestacionalización do turismo co obxectivo de diversificar a oferta turística e activar a economía da provincia durante todo o ano.
Neste senso, “é necesaria maior implicación por parte do goberno provincial de PSOE e BNG no ámbito turístico e afean que non apliquen na Deputación de Lugo o mesmo que lle demandan ao Goberno galego: un plan a longo prazo para impulsar o sector na provincia dende un punto de vista sostible”.
FUNCIONAMENTO DO CONSELLO PROVINCIAL DE TURISMO
O Consello Provincial de Turismo debe ser un órgano con contidos, no que se proporcione documentación e se conte coas ideas dos asistentes e no que se tomen decisións polo ben da promoción da provincia de Lugo “en lugar de ser un ente no que unicamente se promociona a figura de José Tomé e os seus escollidos do PSOE”.