Ribadeo, 9 de setembro de 2025. Do 12 de setembro o 19 de outubro Acisa Ribadeo repartirá mais de 100.000 premios nunha nova edición da campaña Rasca e Gaña deseñada para fomentar as compras no comercio local.
A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, Carmen Cruzado, subliñou que “presentamos esta campaña, que se vai desenvolver desde este venres, día 12, ata o 19 de outubro co obxectivo de potenciar as vendas neste período do ano tras o verán e coincidindo coa volta o cole. Os premios son moi interesantes e atractivos para a clientela do comercio, da hostalería e dos servizos de Ribadeo. Saír dun bar cun vale para mercar un regalo no comercio de Ribadeo ou ir comprar a unha tenda un agasallo e saír cunha botella de viño para levar para a casa ou cunha cea está moi ben”.
Jesús Pérez, xerente de Acisa, indicou que “con este Rasca e Gaña tamén lle estamos dando as grazas á clientela de todo o ano, que segue confiando en nos e que seguen mercando en Ribadeo, a todas esas persoas que apostan polo noso comercio para facer as súas compras e ás que elixen a hostalería local para as súas celebracións ou para compartir momentos coas amizades. En definitiva estamos dándolle as grazas aos clientes de sempre, aos clientes que están a facer que os negocios locais saian para diante”.
Cruzado Iglesias deu as grazas “especialmente aos establecementos que doaron algún premio. Isto é posible unicamente grazas a eles, á súa xenerosidade coa asociación, pero sobre todo cos seus clientes. Son preto de 80 os locais que están presentes cos seus agasallos neste Rasca e Gaña. Esta campaña ten unha clara intención, agradecer en forma de premio a fidelidade que están a ter os ribadenses e as veciñas e veciños de toda a contorna co comercio e a hostalería locais. Todos xuntos conseguimos que os pobos sigan tendo vida, que dea gusto pasear polas rúas cheas de luz procedente dos escaparates ou do bo ambiente xerado polos bares e restaurantes”.
Pérez Prada indicou que “os rascas estarán dispoñibles nos preto de 80 establecementos asociados a Acisa que colaboraron doando algún premio. Póñense en circulación 125.000 rascas dos que mais de 100.000 conteñen agasallos, mellorando moito a edición do ano pasado na que se editaron 125.000 rascas con algo máis de 50.000 premios. É dicir co mesmo numero de rascas totais, duplicamos os premios e destacamos que 4 de cada 5 rascas teñen agasallo. Se xuntamos o valor económico de todos os premios probablemente esteamos diante dunha das campañas mais importante dos últimos anos. Entre os premios podemos atopar botellas de viño, ceas, merendas e comidas, menús especiais, cañas, copas, almorzos, cervexas, descontos en tendas do 5% ao 50 %, promocións 2×1 ou vales de compra por importe de 5, 10, 15 e 20 euros e tamén hai regalos directos, como produtos personalizados e lotes de verán”.
E engadiu que “a mecánica da campaña é sinxela. Por cada compra un cliente poderá pedir o seu rasca debidamente selado. Se resulta agraciado cun premio terá que reclamalo ata o 19 de outubro no establecemento que lle indica o rasca. Os premios non son acumulables entre eles nin con outras promocións. As bases da campaña poden consultarse nas redes sociais ou na web de Acisa así como os premios en xogo”.
A presidenta de Acisa animou “a aproveitar esta nova campaña de Acisa Ribadeo coa que pretendemos fomentar unha vez máis as compras no comercio local e o consumo na hostalería. E si mercando podemos levar un premio para a casa, mellor que mellor. Todas e todos a rascas e a gañar do 12 de setembro ao 19 de outubro. Esta campaña conta coa colaboración de mais de 80 establecementos doadores de premios e está cofinanciada pola Xunta de Galicia”.
Na presentación participaron o director xeral de Comercio, Gabriel Alén, o alcalde ribadense, Dani Vega, así como Carmen Cruzado, Trinidad Otero e Jesús Pérez, representantes de Acisa Ribadeo.