A Mariña, 16 de setembro de 2025. Este luns deron comezo as escavacións arqueolóxicas en Santo Estevo do Ermo, no concello de Barreiros, que se prolongarán durante unha semana. Nesta ocasión os traballos céntranse na zona onde hai anos apareceu un cuncheiro, un achado que pode ofrecer información valiosa sobre a ocupación humana e a historia deste lugar tan singular.
A intervención é promovida por Mariña Patrimonio e desenvólvese na parcela adquirida o ano pasado grazas ás doazóns realizadas por numerosas persoas, que fixeron posible a súa compra para garantir a conservación e estudo do conxunto. Os traballos son posibles grazas ao financiamento da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través do convenio anual subscrito coa entidade, e tamén contan coa colaboración do Concello de Barreiros.
Esta intervención arqueolóxica conta igualmente co apoio e colaboración da Eira da Xoana – ADEGA e da Irmandade de Santo Estevo do Ermo, entidades que, xunto con Mariña Patrimonio, comparten o obxectivo de recuperar, investigar e dar a coñecer o patrimonio cultural da Mariña lucense.
Co inicio desta nova campaña de escavacións, refórzase o compromiso colectivo coa valorización dun espazo que, ademais do seu interese histórico e patrimonial, posúe unha grande importancia social e simbólica para a veciñanza.