O tráfico pesado segue a atravesar o núcleo de Figuerido pola falta desta infraestrutura esencial
Cervo, 3 de setembro do 2025. O Concello de Cervo vén de remitir un escrito á Deputación Provincial de Lugo no que lle solicita a reanudación das obras do enlace directo entre a estrada N-642 e o Polígono Industrial de Cuíña, unha infraestrutura considerada esencial para o desenvolvemento económico do municipio e para a mellora da seguridade viaria.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, lembra que a Deputación asumira no seu momento o compromiso de executar esta actuación, chegando mesmo a iniciar un primeiro tramo que quedou posteriormente paralizado.
Mentres tanto, o tráfico pesado con destino ao polígono continúa, en moitos casos, a circular polo núcleo de Figuerido, a través dunha estrada local que non está preparada para soportar ese volume e peso de vehículos. Esta situación xera riscos para a seguridade viaria, danos en vivendas próximas e molestias ambientais e acústicas para os veciños.
Co obxectivo de minimizar este impacto, o Concello de Cervo xa adoptou diferentes medidas, entre as que destacan a instalación de badéns redutores de velocidade e a colocación de sinalización que prohibe a circulación de vehículos pesados por esta vía. Con todo, cómpre subliñar que a administración local non dispón de medios persoais suficientes para garantir un control exhaustivo do cumprimento destas restricións.
No escrito remitido, o Concello de Cervo pide á Deputación que clarifique cal é a súa intención respecto á culminación do enlace, achegando un calendario de actuacións e confirmando que existe un compromiso orzamentario que garanta a súa execución.
“Non podemos permitir que unha infraestrutura clave para o noso municipio quede sen rematar, nin que os veciños de Figuerido teñan que seguir asumindo un tráfico que nunca debería pasar por alí. Agardamos que a Deputación dea unha resposta clara e actúe con responsabilidade”, subliñou a rexedora.
Desde o Concello lembran, ademais, que xa no ano 2021 se presentara unha proposta de Alcaldía aprobada no pleno municipal solicitando avances que non obtivo ningún tipo de resposta, polo que agora reiteran a necesidade dunha contestación en defensa dos intereses de Cervo e da súa veciñanza.