Desde o PP de Lourenzá consideran que este feito supón “un engano ás familias que confiaron nun compromiso público por parte do goberno municipal que finalmente non se cumpriu”
Lourenzá, 29 de setembro de 2025. O Partido Popular de Lourenzá amosa a súa preocupación tras a resposta ofrecida polo goberno local durante o último Pleno en relación ás axudas comprometidas para o transporte escolar do alumnado de bacharelato do IES San Rosendo de Mondoñedo.
O goberno municipal socialista recoñeceu que non se chegou a realizar o pagamento dos 3.000 euros prometidos no seu momento polo alcalde en funcións, malia ter asegurado aos pais e nais que a contía se abonaría directamente á empresa de transporte para repercutila nas familias usuarias.
Desde o PP de Lourenzá consideran que este feito supón “un engano ás familias, que confiaron nun compromiso público por parte do goberno municipal que finalmente non se cumpriu. O peor non é só non cumprir, senón xerar falsas expectativas e non dar explicacións claras ás persoas afectadas”, lamentan os populares.
O PP insta ao goberno local a actuar con responsabilidade e a respectar ás familias, evitando promesas que despois non se fan efectivas.