O Pazo de San Marcos acolleu este sábado unha gala que contou coa música en directo de Iria de Cabo e Raquel López e que estivo aberta á cidadanía da provincia
Lugo, 27 de setembro de 2025. O Presidente da Deputación de Lugo e Presidente do Consello Provincial de Turismo, José Tomé Roca, presidiu este sábado, no Día Mundial do Turismo, o acto de entrega dos sextos premios á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia. Unha edición na que destacaron, en palabras do mandatario provincial, as iniciativas “que proxectan a nosa identidade ao mundo”. O mandatario provincial e a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, foron os encargados de entregar os recoñecementos aos representantes das diferentes propostas.
Na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense, o xurado distinguiu este ano ao programa de actividades Descubrir Quiroga, a festa da Queima das fachas de Taboada e tamén á Foliada da Fonsagrada; na de …E para comer, Lugo á gastronomía lucense gañaron a Feira do Queixo do Cebreiro e a Feira Degustación da Tenreira de Láncara. Pola súa banda, Camiño cara a sostibilidade turística da Mariña Lucense foi a recoñecida polo seu traballo ao Turismo Sostible e o Hotel Mogay recibiu o accésit nesa categoría.
“Hoxe, máis que entregar uns galardóns, rendemos homenaxe ao compromiso, á creatividade e ao amor pola provincia de Lugo. Cada proxecto que recoñecemos fala de xente que cre na súa terra, que entende o turismo como unha ferramenta para xerar riqueza, para dinamizar o rural, para coidar o noso patrimonio e para proxectar a nosa identidade ao mundo”, destacou Tomé Roca.
O acto, celebrado no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, foi presentado polo actor e comunicador Alberte Cabarcos e amenizado coa música en directo da guitarrista lucense Iria de Cabo, integrante da Banda da Loba, e a baixista e a cantante Raquel López. Foi retransmitido en directo na canle de Youtube do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo. As entidades premiadas recibiron, como todos os anos, un diploma e unha peza de cerámica de Gundivós, que acreditan este recoñecemento realizado dende o Consello Provincial de Turismo, un órgano consultivo e de participación para favorecer a gobernanza turística da provincia que foi promovido e está presidido pola Deputación de Lugo.
Propostas que unen tradición e innovación
Vicente Parra Vizcaíno, tenente de Alcalde do Concello de Quiroga, recolleu o premio a Descubrir Quiroga, “un programa que convida –en palabras do Presidente- a coñecer a fondo a riqueza natural, cultural e enoturística deste recuncho da Ribeira Sacra”.
Manuel Fidalgo Gayoso, Presidente da Asociación Cultural As Fachas, e Roi Rigueira Agromartín, Alcalde de Taboada, recolleron a distinción pola Queima das Fachas. “Unha tradición ancestral que ilumina as noites de Taboada, símbolo da nosa memoria colectiva e da forza das nosas festas populares”, valorou Tomé Roca.
Jorge López Vázquez, membro da Asociación Cultural Petapouco e a Destempo, e Carlos López López, Alcalde da Fonsagrada e Deputado provincial recibiron o recoñecemento á Foliada da Fonsagrada, “unha cita obrigada para quen quere vivir a verdadeira esencia da montaña lucense a través da música e o baile”.
José Luis Raposo Magdalena, Alcalde de Pedrafita, recibiu a distinción pola Feira do Queixo do Cebreiro. O Presidente destacou unha iniciativa “onde o noso produto máis emblemático é protagonista, levando o nome do Cebreiro a milleiros de mesas”.
Pablo Rivera Capón, Alcalde substituto de Láncara e Deputado provincial, recolleu o recoñecemento á Feira Degustación da Tenreira de Láncara “que pon en valor a nosa carne de calidade, orgullo dun sector gandeiro que mantén vivo ao noso rural”.
Rocío López García, presidenta da Mancomunidade de Municipios da Mariña e Alcaldesa de Lourenzá, recolleu o premio da iniciativa Camiño cara a sostibilidade turística da Mariña Lucense. “Un exemplo de como se pode promover o turismo co máximo respecto polo medio ambiente e polos recursos naturais”.
Jacobo Lorenzo Gay, xerente do Hotel Mogay, recibiu o accésit de Turismo Sostible, “pola súa aposta por un turismo responsable e de proximidade que dinamiza a economía”.




















Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partirán de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



