Os populares defenden que “a Deputación está para colaborar con todos os Concellos en igualdade de condicións”; mentres que “PSOE e BNG insisten en discriminar aos Concellos gobernados polo PP que non poden acceder a fondos provinciais para sufragar gastos correntes ou actos culturais que si apoian con convenios a dedo só cos Concellos afíns ao Presidente”
Lugo, 3 de setembro de 2025. “Unha maior flexibilización para os Concellos á hora de dirixir os fondos do Plan Deputación é o que levamos tempo demandando dende o Partido Popular”, segundo subliña o portavoz, Antonio Ameijide. “Os poucos recursos que aporta aos Concellos máis pequenos a través do Plan Deputación que llelos deixe usar con máis liberdade”, engade.
O popular volve reivindicar esta “flexibilización” e “igualdade de trato para todos os concellos da provincia” tras ter coñecemento de que no convenio aprobado polo goberno de PSOE e BNG e asinado polo presidente Tomé e o alcalde de Taboada se inclúe unha partida de 15.000€ para sufragar gastos correntes coma os derivados de “actuación de música festiva nas festas patronais”.
Ameijide advirte da “discriminación” aos concellos gobernados polo Partido Popular que “non poden sufragar gastos correntes en xeral ou incluso eventos culturais ou actuacións con fondos provinciais porque as bases do Plan Deputación, o único que perciben e a máis obxectiva das ferramentas da Deputación de Lugo para cooperar cos Concellos, non o permiten”. Polo tanto, “PSOE e BNG impiden que a metade dos Concellos poidan sufragar actividade diaria nos concellos con achegas da Deputación” toda vez que “non poden acceder ao resto de fondos que o goberno de PSOE e BNG si reparte a dedo entre os seus amiguetes a través de convenios directos e opacos”.
O portavoz popular subliña que “unha das competencias da Deputación é precisamente cooperar cos Concellos” -especialmente cos de menor capacidade económica-, pero reivindica “o mesmo trato para todos os Concellos da provincia e tódolos veciños e veciñas. O que está a facer en realidade o goberno de PSOE e BNG é dividir aos lucenses en veciños de primeira e veciños de segunda”. De feito, “esta diferenciación tamén a observamos no ámbito socio-sanitario tras aprobar o goberno de PSOE e BNG un coste da praza na residencia de Becerreá de 10.000€ máis ao ano a cada usuario que noutros centros da rede provincial”.
“APOIO AOS AMIGUETES E COMPRA DE VONTADES POLÍTICAS”
Ameijide explica que “Tomé leva máis de dous anos rescatando aos seus amiguetes cos fondos de tódolos lucenses converténdose, incluso, en cómplice da mala xestión dalgúns alcaldes socialistas”. Pero, “ultimamente, vimos outro comportamento novo: convenios a dedo cos alcaldes do PSOE que non son tan amigos, pero aos que precisa para seguir á fronte da Deputación de Lugo e, incluso, do propio PSOE lucense. É o prezo da tregua temporal dentro do PSOE de Lugo despois de que tres deputados socialistas se ausentaran do Pleno de xuño deixando ao goberno provincial en minoría”.
Deste xeito, “pode dicirse que Tomé segue o modelo de Pedro Sánchez de contentar aos socios necesarios coa diferenza de que Tomé ten que contentar, incluso, aos de dentro do seu propio partido. Tomé non deixa de comprar vontades políticas coa chequeira da Deputación”, conclúe.