Conclúe este sábado, festa de San Francisco de Asís, o “Tempo da Creación”. Esta iniciativa ecuménica, impulsada polo papa Francisco, convócanos á oración, á reflexión e ao compromiso responsable coa nosa casa común na que vivimos. Desde o 1 de setembro e ata a celebración do santo patrón da ecoloxía, promovéronse iniciativas e actividades que nos axudarán a sentirnos realmente conectados e interrelacionados coa obra da creación.
Neste ano 2025 hai dous motivos especiais para a súa celebración. Por unha banda, conmemóranse os 800 anos do célebre Cántico das criaturas, obra do santo de Asís. Trátase dun dos primeiros poemas en lingua italiana e, ao longo dos séculos, acompañou a oración e a pregaria de millóns de crentes. A través dos seus versos emocionámonos, encomiado e bendicido ao Señor pola fermosa obra da creación que nos rodea: “Loado sexas, o meu Señor, por todas as túas criaturas, especialmente o irmán sol”. E non só glorificamos o nome do Señor, senón que nos sentimos parte da súa obra e vinculados uns a outros desde a comuñón e a fraternidade. Unha clave que deriva no coidado, a custodia, a responsabilidade.
Igualmente, neste ano 2025 cumpríronse dez anos da encíclica que comeza precisamente coas primeiras palabras do Cántico: Laudato Si. Aquel documento supuxo unha sorpresa do papa Francisco que marcou algunhas das claves do seu ministerio pastoral: o coidado da casa común e o rexeitamento á cultura do descarte que se converte no paradigma explicativo das nosas relacións sociais e ambientais. Non son dúas crises senón unha única crise socio-ambiental. Aquela encíclica non espertou a conciencia ecolóxica que xa fora promovida noutros documentos de doutrina social. Pero si que nos convidou a traballar e promover unha ecoloxía integral que tivese en conta a realidade ambiental, persoal, social, política, económica, espiritual… Desde entón as súas intuicións acompañaron diversas iniciativas e sensibilidades que contribuíron, sen dúbida, a edificar o Reino de Deus. Quizais sería bo relela no seu décimo aniversario e acoller as súas propostas proféticas.
Desde logo que vivimos tempos marcados polos atentados ao noso planeta, debidos a prácticas despóticas totalmente contrarias á clave do coidado que está no plan divino. A situación de guerra na que nos atopamos complica aínda máis. O control polos recursos vitais fai que se practiquen políticas de “terra arrasada”. Sen dúbida, é evidente que moitas actividades humanas do progreso e a técnica contribuíron á destrución da creación. Pero hoxe fálase desta aceleración nos efectos. É certo que a nivel particular crece unha maior conciencia pero esta faise difícil de harmonizar con prácticas estruturais e un sistema economicista que considera a creación como un elemento máis da produción. O consumo de elite, os modelos empresariais explotadores e as teorías económicas que priorizan o beneficio sobre a sustentabilidade son máis responsables nesta guerra.
Ante esta situación, quizais é bo acoller a invitación de noso papa León que, na súa mensaxe para esta ocasión, convídanos a practicar unha xustiza ambiental como necesidade que vai máis aló da protección do medio ambiente. Trátase dunha cuestión de xustiza social, económica, antropolóxica e teolóxica. E todo desde unha certeza que, ás veces, esquecemos: “Parece que aínda non se ten conciencia de que destruír a natureza non prexudica a todos do mesmo xeito: pisar a xustiza e a paz significa afectar sobre todo aos máis pobres, aos marxinados, aos excluídos”.
Convídovos a implorar ao santo de Asís para que nos dea esa sensibilidade especial que el tiña e que lle permitía acoller o berro da terra e o berro dos pobres. Convídovos a renovar esa conversión ecolóxica porque, como nos dicía a encíclica, “vivir a vocación de ser protectores da obra de Deus é parte esencial dunha existencia virtuosa, non consiste en algo opcional nin nun aspecto secundario da experiencia cristiá”.
O voso irmán e amigo,
Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol