Ribadeo, 1 de setembro de 2025. Ribadeo segue mellorando as pista da concentración dentro do Plan Avanza Rural coa colaboración da Xunta de Galicia. En breve darán comezo traballos en Remourelle e Vilaframil, que suporán un investimento de 100.000 euros.
O alcalde, Dani Vega, dixo que “seguimos xestionando orzamento e mobilizando todos os recursos necesarios para mellorar as pistas de concentración, as pistas de terra que temos en cada parroquia. Son pistas nas que levaba moitos anos sen haber unha limpeza tanto de desbroce como limpeza profunda cos traballos dunha motoniveladora, retirando esa terra cunha pala. Evidentemente, creo que iso é o que hai que facer para que as pistas estean ben conservadas. Todo de golpe non se pode facer. O que vamos facendo é ano tras ano investindo e mellorando”.
O rexedor lembrou que “o ano pasado actuabamos nas parroquias da costa, actuamos en cada una delas. Agora xa hai que facer esa limpeza, ese desbroce, pero xa é conservación. E agora onde vamos actuar? En todas as parroquias do interior. Xa o estamos facendo en Ove e así iremos paulatinamente por cada unha delas e actuando para mellorar todas as pistas de concentración. Vamos actuar tamén nas pistas onde houbo incendios xa hai 2 anos e evidentemente o que se fixo foi esperar a que saíse toda a madeira, aínda queda moita por sacar e actuar no remate, non vamos facelo agora para que se volva destrozar, pero si que se vai actuar en todas as zonas onde houbo incendios”.
Vega subliñou que “este traballo é posible grazas á colaboración da Xunta de Galicia, sería imposible que o Concello con recursos propios o fixera, é imposible, necesitamos a colaboración doutras administracións. Por iso, nosoutros dicimos que nos dedicamos a xestionar e practicamente todos os recursos que nosoutros estamos investindo son da Xunta de Galicia, e neste caso agradecemos moito a colaboración coa achega de motoniveladora, pala e camión”.
O alcalde contou que “o Plan Avanza Rural continúa nas pistas de terra e tamén en breve xa vamos actuar tanto en Remourelle como en Vilaframil en dúas pistas, que son 100.000 euros, que tamén vai aportar a Xunta de Galicia en pistas de aglomerado para unha maior comunicación de todos os veciños. Estamos diante dun Plan Avanza Rural baixo a planificación, é dicir, seguir investindo e mellorando as estradas, esas vías de comunicación fundamentais e tamén actuando en vías secundarias como poden ser as estradas de terra, estas que na súa maioría utilizan os gandeiros, os agricultores e tamén todo tecido forestal, porque nas pistas do monte hai que investir. É verdade que os maderistas teñen que actuar cando destrozan, pero nós temos que facer inversión para ter esas vías de comunicación no monte preparadas para a saca de madeira”.