O delegado territorial, Javier Arias, explicou que durante as fins de semana ata o 21 de decembro estes establecementos ofrecen aloxamento e menús elaborados con produtos de tempada a prezos especiais
Monterroso, 23 de setembro de 2025. Un total de 22 casas rurais de Lugo sumáronse á décimo novena edición do programa “Outono gastronómico”, que impulsa a Xunta a través de Turismo de Galicia. O delegado territorial, Javier Arias, visitou hoxe en Monterroso o Pazo de Ludeiro, un dos establecementos adheridos, e explicou que o obxectivo é presentar unha oferta atractiva de calidade que dinamice o turismo rural fóra dos meses de verán.
A campaña estará vixente as fins de semana, de venres a domingo, ata o 21 de decembro, exceptuando a ponte do 6 ao 8 de decembro. Lugo é a provincia que máis establecementos suma a esta iniciativa, seguido da Coruña con 21, Pontevedra con 19 e Ourense con 16.
Os participantes ofrecen prezos especiais en distintas modalidades. En todos os casos haberá dous menús a elixir, exclusivamente concibidos para a ocasión e elaborados con produtos de tempada, moitos deles distinguidos con selos de denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida de Galicia.
A maioría engaden paquetes con aloxamento, para unha ou dúas noites, e algúns mesmo experiencias complementarias, como paseos a cabalo, descenso en canoa ou visitas a puntos de interese turístico da contorna.
Arias salientou o éxito desta proposta, que nas 18 edicións anteriores logrou xerar no sector 6,6 millóns de euros grazas á participación de máis de 100.000 persoas. “Ademais cumpre un importante papel como escaparate do noso turismo rural e da nosa gastronomía”, afirmou, “e este ano é especialmente necesaria nas zonas que resultaron máis afectadas polos incendios forestais, para axudarlles a recuperar a actividade económica”.