O obxectivo da iniciativa é compartir coñecemento e inspirar o futuro da identidade culinaria do Concello
Viveiro, 13 de setembro de 2025. O Concello de Viveiro será escenario o luns 22 de setembro, no Teatro Pastor Díaz, das Xornadas Inspiracionais do ADN Gastronómico, baixo o lema «Cociñar o futuro». Trátase dun encontro dirixido a entidades, profesionais e axentes do ecosistema gastronómico e turístico da vila que servirá para compartir coñecemento, presentar resultados e inspirar o futuro da identidade culinaria de Viveiro.
As xornadas, organizadas polo Concello de Viveiro e Prato_DO, contarán coa participación de expertos e profesionais de referencia no ámbito gastronómico e cultural como Iñaki Gaztelumendi (Spain Culinary Villages), Carlos Nuevo (Cronista Oficial de Viveiro), Lucas Requejo (Prato_DO), Silvia Sánchez e Silvia Timón (ADN Sapiens), Iago Pazos (Abastos), Jorge Guitián (Colectivo Gastronómico A Mariña) ou Daniel Suárez (Asociación de Emprendimiento Rural Sostenible).
A alcaldesa Mariña Gueimunde destacou que «Viveiro ten unha identidade gastronómica que é parte esencial do noso patrimonio cultural e turístico. Con iniciativas como esta reforzamos o noso papel como referente e abrimos novas oportunidades de futuro para a economía local e o benestar da veciñanza».