A Xunta de Goberno licitou dous contratos para o Parque Móbil: un que servirá para adquirir dúas palas cargadoras; e outro para contratar o servizo de mecanizado que permitirá reparar as máquinas que se empregan a diario
Lugo, 10 de outubro de 2025. A Deputación de Lugo aprobou este venres destinar -a través de tres contratos de licitación- un investimento conxunto de case 200.000€ para mellorar a mobilidade e reforzar a eficiencia da Granxa Gayoso Castro. Así o avanzou a Voceira socialista do Goberno Provincial, Pilar García Porto, tras a reunión semanal da Xunta do Goberno, quen detallou que “dous destes contratos están relacionados co mantemento da maquinaria do Parque Móbil e un terceiro co sector primario dirixido á Granxa Gayoso Castro”.
No que ten que ver co Parque Móbil detallou que “demos luz verde a dous novos contratos, por un importe conxunto de 154.100€, cos que continuaremos mellorando o mantemento das estradas que articulan os 67 concellos da provincia”. Por unha banda, a Xunta de Goberno aprobou a licitación para adquirir dúas palas cargadoras cun orzamento de 133.100€ e o prazo de entrega de 30 días naturais.
“Coa adquisición destas dúas máquinas completamos os equipos dos que dispón o Parque Móbil da Deputación, o que nos permitirá seguir prestando un servizo rápido e eficaz aos municipios da provincia. Estes medios permitirannos realizar tarefas de limpeza e mantemento nas estradas: como a retirada de terras, o desbroce de marxes ou a carga e o transporte de materiais”, subliñou García Porto.
Por outra banda, na reunión desta mañá aprobouse tamén a licitación doutro contrato que ten que ver co servizo de mecanizados. Definiu, a Voceira socialista, esta prestación como “fundamental” para o correcto funcionamento do Parque Móbil, xa que permite realizar traballos de reparación nas máquinas, vehículos e equipos que se empregan a diario.
“Grazas a esta prestación é posible substituír aqueles compoñentes danados ou desgastados sen ter que recorrer á compra de pezas novas, o que supón tamén un aforro económico. Ademais, esa actuación garante unha maior autonomía e eficiencia operativa, co que continuaremos ofrecendo aos veciños e veciñas da provincia servizos de máxima calidade no que ten que ver co mantemento e a reparación de vías”.
O orzamento de licitación deste contrato é de 21.000€ e terá unha duración dun ano, que poderá prorrogarse ata un máximo de catro anos.
Mantemento da maquinaria da Granxa Gayoso Castro
García Porto sinalou tamén que a Xunta de Goberno licitouse o contrato de mantemento da maquinaria da Granxa Gayoso Castro que a Deputación ten no concello de Castro de Rei. O orzamento de licitación é de 18.000€ e o contrato terá unha duración dun ano que poderá prorrogarse ata un máximo de catro.
“Un servizo esencial para garantir o bo funcionamento dos equipos e a maquinaria agrícola da Granxa, medios que se empregan a diario tanto nas tarefas de produción, como nas actividades formativas que se desenvolven neste centro. O mantemento axeitado destes recursos é fundamental para traballar con seguridade e eficacia”, recalcou.
Así mesmo, fixo fincapé en que a Granxa Gayoso Castro “é un espazo de referencia para o sector gandeiro da provincia e unha das accións prioritarias do noso Goberno. Unha dotación que combina a innovación, apoio ao sector primario e formación en colaboración coa universidade. E facémolo con iniciativas como: a recría de xovencas ou a granxa experimental de leite”.
Rematou a súa intervención incidindo en que este contrato permitirá manter a pleno rendemento unha infraestrutura “clave para a provincia, para continuar desenvolvendo proxectos que fortalezan o rural e xeren novas oportunidades para o sector agrogandeiro lucense”.





















O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.
A celebración estivo organizada pola asociación cultural Ourofest coa colaboración do Concello do Valadouro e contou co apoio do Goberno galego. Villares participou na celebración litúrxica, que contou coa actuación do coro da Escola de Música ‘Ao Compás do Río Ouro’, e compartiu coa veciñanza esta xornada festiva de especial arraigo na localidade.
O corte afectará ao tramo que vai desde o principio da vía ata o punto quilométrico 0,900. Para facilitar a execución das obras, será necesario que non haxa vehículos estacionados nese treito. Os traballos, executados pola empresa Jose No Mantiñan E Hijos Construcciones, S.A., forman parte dun proxecto conxunto para a mellora e acondicionamento de varias estradas provinciais no municipio de Xove, cun investimento total superior aos 800.000 euros.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Daniel García reafirmou o apoio ao festival, que conta cunha colaboración estable e continuada da Vicepresidencia provincial desde a primeira edición e valorou "o impulso que a Asociación Fanto Fantini lle dá ano a ano ao festival, cun programa que vai máis alá do cartel musical e que profundiza na súa identificación e o seu vínculo con Burela e coa Mariña". A Vicepresidencia da Deputación achega 25.000 euros ao patricinio desta edición do Osa do Mar.



