O mandatario provincial participou este xoves pola mañá en Madrid nunha xornada que abordou o futuro das deputacións, onde deixou patente o papel que as institucións provinciais teñen para a cohesión territorial e como apoio “fundamental” para os pequenos concellos
Lugo, 20 de novembro de 2025. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves en Madrid na Xornada sobre o Futuro das Deputacións Provinciais, organizada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e celebrada na súa sede institucional. A cita reuniu responsables provinciais, representantes municipais, persoal técnico da administración local e expertos en gobernanza pública para debater sobre os desafíos estruturais e de futuro das deputacións, nomeadamente o financiamento, a gobernanza e o equilibrio territorial.
Tomé Roca puxo o foco na necesidade de abordar con rigor a situación das competencias impropias que as deputacións están a asumir, en especial no ámbito dos servizos sociais, un eido no que as demandas crecen e a responsabilidade das entidades provinciais é cada vez maior. “É fundamental reforzar o papel das deputacións como institucións de cohesión territorial, garantes da igualdade de oportunidades e do apoio técnico e económico aos concellos máis pequenos. Pero as competencias teñen que estar acompañadas de financiamento. E non o digo eu, é que o di a propia Lei”, afirmou o Presidente.
Subliñou que se trata dun asunto “vital, que todas as deputacións debemos reivindicar de maneira conxunta, desde a cooperación institucional e co obxectivo de garantir servizos públicos de calidade en todo o territorio”. Nese sentido, falou do caso da Deputación de Lugo, que ten unha rede de Centros de Atención a Maiores con 9 residencias funcionando e con outras 9 proxectadas, en construción ou en trámites de apertura.
Ao tempo, defendeu o papel das deputacións como institucións “próximas e imprescindibles para o equilibrio territorial e o apoio ao municipalismo, especialmente no rural”, lembrando que sen elas os concellos carecerían da capacidade necesaria para prestar servizos esenciais en condicións de igualdade.
As deputacións, goberno intermedio imprescindible
Tomé Roca reivindicou tamén o papel estratéxico das deputacións dentro da estrutura institucional do Estado. “Se non houbera deputacións, habería que crear un organismo semellante que exercese como goberno intermedio. Os concellos precísannos; somos fundamentais para que poidan prestar servizos básicos”, subliñou.
Defendeu que o futuro das deputacións depende dunha gobernanza sólida, dunha definición clara das súas competencias e dunha suficiencia financeira que lles permita responder ás necesidades actuais, especialmente nun contexto marcado polo reto demográfico, o despoboamento e a crecente demanda de servizos sociais.
A rede viaria provincial, clave para a cohesión territorial
O Presidente da Deputación de Lugo abandeirou un asunto que cualificou de “estratéxico” para garantir a igualdade entre territorios: o estado das estradas provinciais. Recordou que as deputacións suman en conxunto 67.773 quilómetros de vías, das cales máis de 4.200 km están na provincia de Lugo. “Algunhas provincias temos dificultades importantes para mantelas en bo estado. Hai moitos problemas e necesidades acumuladas”, afirmou. Engadiu que, en clave de cohesión territorial, “é moi importante arranxar as nosas vías de comunicación, sobre todo para conectar aqueles núcleos do rural que están máis afastados”.
Para facer fronte a esta situación, reivindicou unha vez máis a creación dun equipo de traballo dentro da FEMP co obxectivo de solicitar ao Goberno de España unha partida específica nos Orzamentos Xerais do Estado destinada á mellora e mantemento das estradas provinciais. Lembrou que esta liña de financiamento “xa existiu no pasado e foi eliminada durante o Goberno de Mariano Rajoy”, polo que considerou prioritario recuperala “para contribuír a fixar poboación no rural e impulsar un turismo non masificado e sustentable”.
Rematou sinalando que “non pode haber igualdade entre cidadáns se non hai igualdade entre territorios” e insistiu na necesidade de avanzar cara a un modelo de financiamento estable, suficiente e xusto, que permita ás deputacións seguir desempeñando o seu papel imprescindible ao servizo dos concellos e da cidadanía.



















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



