Montse Prado advirte que cada día é máis complicado conseguir cita en Atención Primaria e que iso está a tensionar tamén os servizos de urxencias
Santiago de Compostela, 8 de setembro, 2025. A portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento, Montse Prado, reclama á Consellería de Sanidade que adopte de maneira urxente as medidas necesarias para garantir a atención no servizo público de saúde aos galegos e as galegas, que nestes datas xa están sufrindo as consecuencias da saturación nos centros de Atención Primaria pola falta de planificación ante a proliferación de casos de gripe e infeccións respiratorias.
“Aínda non chegamos o pico da gripe e das infeccións respiratorias e a situación nos centros de saúde é máis que preocupante”, advirte a deputada nacionalista, que critica a dificultade que moitos e moitas doentes teñen xa estes días para conseguir unha cita co seu médico/a de cabeceira. “Cada día son máis os centros nos que xa non queda oco en todo o mes de decembro”, critica.
Unha situación que é consecuencia da situación “baixo mínimos” na que se atopa a Atención Primaria consecuencia dunha política sanitaria que escatima en persoal e orzamento, con 141 médicos ou médicas de familia menos que hai dous anos , denuncia a deputada do BNG, que lembra que o Goberno do PP recortou desde 2009 case 1.700 millóns de euros nesta porta de entrada ao sistema público de sanidade.
“Hai centros sen ningún médico, outros nos que tiña que haber catro e hai un; onde tiña que haber sete, pode haber dous”, explica Prado, que tamén denuncia casos nos que non se presta asistencia ou só se presta unhas horas.
Os problemas para recibir atención nos centros de entrada ao sistema sanitario debido aos recortes e á falta de planificación da Consellería fan que moitos e moitas doentes, tanto as crianzas que sofren a falta de pediatras como os adultos, acudan os servizos de urxencias, o que está provocando que tamén a atención hospitalaria estea “tremendamente tensionada”.
“Estamos vendo urxencias con doentes nos corredores, incluídos enfermos con problemas de saúde mental que precisan vixilancia constante, e hai pacientes que teñen que agardar varios días para ser ingresados”, describe a portavoz nacionalista de Sanidade, que denuncia así mesmo situacións como a do hospital Abente y Lago da Coruña, onde están ingresando tres doentes en habitacións de dimensións moi reducidas “imposibilitando unha atención minimamente digna”.
É por iso que a deputada do BNG esixe á Consellería de Sanidade que deixe de actuar “para a galería” e se anticipe ao pico máximo da gripe e outras enfermidades relacionadas con infeccións respiratorias poñendo en marcha as medidas e os recursos necesarios, e habilitando con antelación a totalidade das camas hospitalarias.
“Non se pode agardar a que o problema chegue ao seu punto máximo para abrir camas, porque facelo non consiste en darlle a un interruptor, senón que hai que contratar o persoal, dotar de medicación, de material, de persoal preciso de enfermería, de medicina, de tcaes (tecnicxs de coidados auxiliares de enfermería), de celadores, de limpeza…”, apunta, para engadir que “é imprescindible a planificación e a programación, e ter todos estes recursos preparados e totalmente operativos sen esperar a que se produza o problema”.
“Os galegos e as galegas teñen dereito a unha atención sanitaria de calidade e os profesionais a unhas condicións laborais dignas, sen ter que estar continuamente en situación límite, sobrecargados de traballo, facendo o traballo de tres ou catro e tendo que dobrar quendas”, advirte a portavoz nacionalista de Sanidade, que insiste en que é necesario dotar de máis persoal sobre todo á Atención Primaria, para evitar que cheguen máis casos ás Urxencias.



















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



