Mondoñedo, 26 de febreiro, 2026. O sábado 28 de febreiro o ensaísta, crítico literario e investigador Luís Alonso Girgado recibirá a distinción de Cunqueiriano de Honra de 2026. Será no Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo ás 12:00h, onde estará acompañado por diversas autoridades, os membros da comisión que o distinguiu e representantes asociativos e educativos da cidade. Converterase, así, no décimo homenaxeado dende que se instituíu este galardón.
Con anterioridade, a partir das 11:00h, no Cemiterio Vello da cidade terá lugar a tradicional ofrenda floral diante a campa do insigne escritor, que estará presidida como anfitrión polo alcalde da localidade, Manuel Otero Legide, e á que asistirán tamén autoridades provinciais, autonómicas e doutros concellos.
O Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro promoven a distinción de Cunqueiriano de Honra co fin de recoñecer o labor daqueles persoeiros que se teñen significado na visibilización e proxección da figura do escritor mindoniense.
Neste 2026 unha comisión designada ao efecto polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro, organizadores do evento, decidiu premiar a longa e vizosa traxectoria dun gran coñecedor da figura de Cunqueiro como é o estudoso e crítico literario Luís Alonso Girgado.
A comisión que o elixiu, por maioría, estivo formada por César Cunqueiro (fillo do escritor), Xosé Manuel Soutullo (director xeral da Editorial Galaxia, entidade Cunqueiriana de Honra do ano anterior), Alberto García Fernández (Concelleiro de Cultura, Educación e Novas Tecnoloxías), Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo), Abel Vigo García (Técnico municipal), Miguel González Somovilla (xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro) e Armando Requeixo (Coordinador da CMAC).
A patir das 12:00h terá lugar o acto de central de entrega da distinción de Cunqueiriano de Honra de 2026 no Salón de Plenos do Concello. Alí intervirán as autoridades presentes, fará a loa do homenaxeado o responsable da CMAC Armando Requeixo e logo tomará a palabra Luís Alonso Girgado. Para rematar, darase lectura pública entre os presentes a unha escolma da obra xornalística cunqueiriana seleccionada polo propio homenaxeado.
Luís Alonso Girgado (Ferrol, 1946) é un dos máis destacados ensaístas e críticos galegos das últimas décadas. Catedrático de Lingua e Literatura, foi durantes anos secretario científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Como estudoso da obra cunqueiriana foi o responsable da edición da articulística do mindoniense reunida en Encuentros, caminos y noticias en el Reino de la Tierra (1992), ‘Los días’ en ‘La Noche’ (2012), ‘Los otros rostros’ (1975-1981) en ‘Sábado Gráfico’ (2013), das colectáneas cunqueirianas Prólogos, epílogos y otros escritos dispersos (2011) e Remuíño de prosas (2011), dos facsímiles da revista Galiza (1999) dirixida por Cunqueiro nos anos trinta e da Soma de craridades por Álvaro Cunqueiro e unha carta a Luís Seoane por Santiago Montero Díaz (2011), da edición do poemario cunqueiriano Elegías y canciones (2013), e do dobre dvd Álvaro Cunqueiro (1911-1981) (2013), tendo animado como director dos Cadernos Ramón Piñeiro a publicación dos epistolarios Saiban cantos estas cartas viren… Álvaro Cunqueiro e Alberto Casal (1955-1961) (2012) e Cunqueiro, destinatario (2014).
Coa designación de Luís Alonso Girgado como Cunqueiriano de Honra de 2026 (que inclúe figura conmemorativa e diploma acreditativo) o Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro consolidan a traxectoria destes nomeamentos, que en anos anteriores recoñeceron o labor de persoeiros como Darío Villanueva, Víctor F. Freixanes , Rexina Vega, César Antonio Molina, Manuel Lourenzo ou Claudio Rodríguez Fer, entre outros.





















Coincidindo co aniversario do nacemento de Rosalía e da morte de Cunqueiro, o restaurante ribadense ofrece unha versión do Caldo de Gloria e dous pratos inspirados na obra gastronómica do mindoniense —empanada e ostras en escabeche— como forma de achegar a literatura galega á mesa.
O Concello de Navia presenta este sábado 28 de febreiro, ás 12:00 h no Casino, o libro Tras las huellas de Campoamor en Alicante, de Luján Martínez Suárez. Ademais, adquiriu un valioso volume da RAE de 1865, que inclúe un discurso seu orixinal. O exemplar incorporarase á Biblioteca Municipal, ampliando o fondo dedicado ao poeta.
O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.



