Ribadeo, 24 de febreiro de 2026. O Concello de Ribadeo, a través da Área de Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM), ven de presentar a programación con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, cun conxunto de actividades dirixidas a diferentes públicos e idades, co obxectivo de seguir avanzando na sensibilización, na educación en igualdade e na reflexión colectiva arredor dos dereitos das mulleres.
Obradoiros afectivo-sexuais nos centros educativos
A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, explicou que “a programación arrinca o día 25 de febreiro coa posta en marcha dos obradoiros afectivo-sexuais impartidos pola cooperativa Prisma, dentro do programa O Concello cos Coles. Estes obradoiros están dirixidos ao alumnado de 3° e 4° de ESO, ao alumnado de FP básica e de 5º e 6º de Educación Primaria e abordarán cuestións fundamentais como a educación emocional, o respecto nas relacións, os estereotipos de xénero e a construción de vínculos saudables”.
O equipo está formado por Priscila Retamozo, psicóloga e sexóloga especializada en educación afectivo-sexual e prevención das violencias machistas, e Cristina Louzán, profesional do ámbito social cunha ampla traxectoria en coeducación e intervención en igualdade. Ambas desenvolven un traballo adaptado ás idades do alumnado, promovendo espazos seguros de reflexión e aprendizaxe.
A edil ribadense contou que “dentro deste mesmo programa educativo, o 13 de marzo terá lugar no Cine Teatro unha actividade dirixida ao alumnado de 3º e 4º de Primaria a cargo do grupo Trémola Teatro. A través dun contacontos teatralizado trabállanse valores como o respecto, a diversidade, a ruptura de estereotipos e a importancia de construír relacións igualitarias desde as idades máis temperás, convertendo o teatro nunha ferramenta de sensibilización e transformación social”.
II Certame de Fotografía “Igualdade Ribadeo”
Entre o 5 e o 17 de marzo estará aberto o prazo de presentación de traballos para o II Certame de Fotografía Igualdade Ribadeo, que este ano leva por título Mulleres que inspiran. As fotografías deberán remitirse ao correo electrónico do CIM e as bases completas publicaranse na páxina web do Concello.
O certame contará con tres categorías:
Categoría A: maiores de 18 anos (premio de 400 €)
Categoría B: menores de 18 anos (premio de 300 €)
Categoría C: centros de ensino (vale de 100 € en material para o centro e vale de 50 € para o/a alumno/a gañador/a).
Como na edición anterior, con todas as obras presentadas organizarase unha exposición aberta ao público. Na dotación dos premios dos centros de ensino colaboran A Lusitana e TopCad Ingeniería S.L., ás que o Concello agradece o seu compromiso coa promoción da igualdade.
8 de marzo: manifestación feminista e teatro
Begoña Sanjurjo seguiu a relatar que “o domingo 8 de marzo terá lugar a tradicional Manifestación Feminista, organizada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade xunto con outras asociacións de mulleres de Ribadeo, coa colaboración do Concello. Este ano, ao coincidir en domingo, a convocatoria será ás 12:00 horas, con saída desde o aparcadoiro municipal xunto á rotonda do IES. Trátase dun espazo de reivindicación colectiva no que a veciñanza poderá sumar a súa voz á defensa dos dereitos das mulleres e á loita pola igualdade real e efectiva”.
E engadiu: “ese mesmo día, ás 20:00 horas, o Auditorio Municipal acollerá a representación da obra Manual de Patronaxe, da compañía Teatro do Noroeste. A peza constitúe unha homenaxe ás mulleres coidadoras, ás nais e ás avoas que sostiveron xeracións enteiras co seu traballo silencioso e imprescindible. A través dun relato íntimo e emotivo, constrúese unha viaxe polos recordos da protagonista que propón un diálogo entre xeracións e reivindica, desde unha mirada feminista, o valor deses pequenos xestos e tarefas cotiás que tecen a vida. Está protagonizada por Iolanda Muíños, Susana Sampedro e Raquel Espada. A entrada terá un prezo de 10 € (5 € reducida)”.
9 de marzo: charla Muller e Saúde
A concelleira de Igualdade dixo que “o día 9 de marzo, ás 19:00 horas, o Salón de Alcaldes do Concello acollerá unha charla sobre sangrados xinecolóxicos, que será impartida polo Dr. Ezequiel Cardoso González, xinecólogo. A sesión abordará, desde unha perspectiva médica e divulgativa, as diferentes causas dos sangrados vaxinais nas distintas etapas da vida das mulleres, facendo especial fincapé na importancia do seguimento sanitario, da detección precoz e da resolución de dúbidas frecuentes. O obxectivo é ofrecer información rigorosa que permita ás mulleres coñecer mellor o seu corpo e identificar cando é preciso consultar cun profesional sanitario, contribuíndo así á promoción da saúde feminina”.
Xornadas formativas sobre corresponsabilidade e coidados
Os días 13 e 14 de marzo celebraranse unhas xornadas formativas dirixidas a profesionais dos ámbitos educativo, social, sanitario e das forzas e corpos de seguridade, centradas na corresponsabilidade e na implicación dos homes nos coidados, así como na redistribución equitativa dos tempos e responsabilidades entre mulleres e homes.
Sanjurjo sinalou que “as xornadas comezarán o venres pola tarde coa participación de Priscila Retamozo e Lucía Erice, e continuarán coa intervención de Towanda Rebels, dúo de activistas, artistas e escritoras feministas creado en 2017 e formado por Zua Méndez e Teresa Lozano. O seu traballo combina divulgación, análise social e creación cultural desde unha perspectiva feminista, abordando cuestións como a desigualdade estrutural, os roles de xénero e a educación en igualdade cunha mensaxe clara, directa e transformadora. O programa incluirá tamén unha mesa redonda na que participarán a Asociación Acougo de Familias de Acollida e Fagamos, asociación de familias monomarentais. Acougo desenvolve un labor fundamental de acompañamento e apoio ás familias acolledoras, visibilizando a importancia do coidado como responsabilidade social compartida e poñendo en valor o compromiso das persoas que ofrecen o seu fogar a menores en situación de vulnerabilidade. Pola súa banda, Fagamos traballa na defensa dos dereitos das familias monomarentais, reivindicando o recoñecemento institucional destas realidades familiares e denunciando as dificultades específicas que afrontan, especialmente no ámbito da conciliación e dos coidados. Será necesaria inscrición previa a través do correo electrónico ou do teléfono do CIM. O programa completo publicarase proximamente. As prazas son limitadas e entregarase certificado acreditativo de asistencia ás persoas participantes. Para estás xornadas contamos coa axuda da Conselleria de Promoción de Empleo e Igualdade da Xunta dentro do Plan Corresponsables”.
Peche institucional
Desde a Área de Igualdade e o CIM de Ribadeo subliñan que “esta programación do 8M non é só unha conmemoración puntual, senón unha mostra do compromiso continuado do Concello coa promoción da igualdade real entre mulleres e homes. A educación en igualdade desde a infancia, a visibilización das mulleres, a posta en valor dos coidados e a formación dos e das profesionais constitúen ferramentas fundamentais para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e corresponsable. Animamos á veciñanza a participar activamente nas actividades programadas e a facer do 8 de Marzo unha xornada de reflexión, reivindicación e compromiso colectivo coa igualdade”.
Na presentación da programación xunto a Begoña Sanjurjo estiveron a avogada e a psicóloga do CIM, Montse González e Patricia Pérez.



























A restrición de circulación manterase durante a xornada mentres se desenvolvan os labores, que teñen como obxectivo garantir a seguridade viaria e facilitar a execución dos traballos. Durante este tempo, as persoas que necesiten acceder ás zonas de Santo Albites, Pénjamo ou San Lázaro deberán facelo polo acceso de Río dos Foles. O Concello de Viveiro agradece a comprensión da veciñanza e recomenda extremar a precaución e seguir a sinalización habilitada mentres duren os traballos.
Félix Jorquera pasará polos micrófonos de RadioVoz ao concelleiro de Mar, Ramiro Fernández; á presidenta de Ledicia (entidade organizadora), Rocío Rivera; ao presidente da Fedaración estatal de confraría de pescadores, Basilio Otero; ao xerente de Expomar, José Manuel González; ao membro de Fanto Fantini (entidade organizadora do Festival Osa do Mar), Diego Campo; á pregoeira Paula Jorge Hora; ao cociñeiro Bruno Pena e á alcaldesa e Presidenta da Deputación, Carmela López.
Comezou o mércores ás 13,35 horas e para a súa extinción mobilizáronse, ata o de agora, 2 técnicos, 10 axentes, 20 brigadas, 17 motobombas, 3 pas, 3 helicópteros e 2 avións.
O obxectivo deste aviso é que a cidadanía coñeza esta circunstancia con antelación e, especialmente, que as persoas con sensibilidade aos ruídos, así como as persoas propietarias de animais de compañía, poidan adoptar as medidas que consideren oportunas. O Concello agradece a comprensión e a colaboración durante estes días de celebración.
A obra, dirixida por Pepablo Patinho e preparada por rapaces de 10 a 14 anos ao longo do curso, servirá de antesala ao certame e permitirá visibilizar o labor formativo da Escola e o compromiso de Cariño co teatro desde idades temperás. O Concello anima á veciñanza e visitantes a asistir a esta cita que marca o inicio dunha nova edición na que o teatro volverá situar a vila como referente cultural galego.
O acto terá lugar ás 18:30 no paseo da Dársena, onde se instalará un hito que lembra a súa distinción como Fillo Predilecto de Navia. Tamén se descubrirá a placa dos gañadores absolutos da LXVII edición do Descenso, celebrada en 2025. “Moreno”, falecido en 2023, dedicou máis de seis décadas a impulsar esta cita deportiva, converténdoa nun referente nacional e internacional. A alcaldesa, Ana Isabel Fernández, destacou que foi “a alma máter do Descenso” e convidou á veciñanza e participantes a asistir ao acto de recoñecemento.
Autoridades autonómicas, municipais e representantes da Apehl acompañaron o anuncio. O estand da marca estará na zona VIP da saída de cada etapa, onde se ofrecerán petiscos con produtos lucenses e material promocional, incluída a guía turístico-gastronómica. Cheché Real destacou a continuidade do proxecto e agradeceu o apoio institucional. A acción conta coa colaboración de numerosos consellos reguladores, entidades agroalimentarias e empresas da provincia.



