Hai un ano, o Partido Popular e Por Viveiro recoñecían publicamente que o BNG estabamos a facer un bo traballo no goberno municipal. E, con todo, decidiron apartarnos do goberno coa promesa de que a Xunta investiría millóns en Viveiro. Hoxe sabemos que aquilo era falso, unha simple cortina de fume para ocultar unha operación motivada polas ansias de poder. A moción de censura non respondeu ás necesidades da veciñanza, senón a un movemento estritamente partidista. E un ano despois, o tempo permítenos comprobar que todo aquilo foi, simplemente, o que xa definín no seu momento como “o pacto do engano”.
Interromperon un proxecto que tiña rumbo e que contaba co aval da veciñanza. Durante o ano e medio que o BNG formamos parte do goberno, fomos quen de executar actuacións concretas e medibles: a renovación do abastecemento en Magazos e Vieiro; asfaltados en Fontecova e Escourido; a mellora da accesibilidade na fachada do parque Pernas Peón; a eliminación das fochancas na variante; a renovación do alumeado no parque empresarial de Landrove; ou a adquisición de maquinaria para reforzar o mantemento no rural. Son só algúns exemplos dunha longa lista de actuacións que están aí, que se poden ver e que demostran que o traballo foi real.
Pero, sobre todo, puxemos en marcha unha etapa de planificación seria e estruturada para o futuro de Viveiro.
Porque o BNG non gobernabamos con decisións improvisadas. Elaboramos unha planificación que incluía auditorías da rede de abastecemento, planificación enerxética, medidas en mobilidade e accesibilidade ou a modernización de infraestruturas básicas. Non eran iniciativas illadas, senón parte dun proxecto de concello pensado a medio e longo prazo, que estaba sentando as bases dun rumbo claro para Viveiro. E ese proceso foi interrompido.
A cambio de que?
Dun modelo do PP sen estratexia municipal definida, sen previsión na xestión e máis centrado na propaganda institucional e na promoción persoal da alcaldesa que nun verdadeiro proxecto de transformación para Viveiro.
Un exemplo claro é o apoio do PP ao lamentable trazado da variante-carreiro proposto pola Xunta, que non garante unha conexión estratéxica e pode deixar a Viveiro fóra da VAC Costa Norte. As comunicacións non poden decidirse a base de titulares; requiren visión de futuro. Pero o PP prefire someterse aos intereses do seu partido, deixando a veciñanza en segundo plano, coa connivencia de Por Viveiro.
O actual goberno aínda non foi quen de executar unha soa iniciativa propia nin de presentar unha planificación clara. O que se prometía como unha nova etapa para Viveiro acabou converténdose nun freo e nun atraso para proxectos que o BNG xa tiñamos en marcha, como a reforma da praza de abastos, a licitación da empresa de servizos enerxéticos ou o saneamento de Landrove, entre outros.
Lograramos tamén unha coordinación real na saca de madeira. Hoxe ese traballo está practicamente paralizado e volven aparecer problemas que xa estabamos encamiñando.
Do mesmo xeito, o PP deixou sen continuidade ordenanzas que xa estaban listas para aprobación —como as de praias, tenza de animais ou mercados—, as bases por concorrencia competitiva para subvencións, o desenvolvemento do plan de mobilidade do bus urbano ou a execución do plan de accesibilidade.
Tamén realizamos unha auditoría da rede de abastecemento e iniciamos contactos coa Xunta para modernizar a potabilizadora de Landrove. Outro traballo que o PP decidiu deixar no caixón.
Son só algúns exemplos da falta de xestión do actual goberno e do retroceso que supuxo a moción de censura.
Tampouco a planificación nin a transparencia son sinais do Partido Popular. No caso do vertido de purín, negáronse reiteradamente a informar aos grupos municipais e, cando finalmente o fixeron, non responderon ás preguntas formuladas polo BNG sobre as medidas de prevención. O tempo acabou demostrando que a preocupación era fundada: Augas de Galicia anunciou a instalación de novos sensores río arriba, exactamente como nós propuxeramos.
No caso da empresa de servizos enerxéticos seguimos sen explicacións claras sobre por que rescindiron o contrato iniciado polo BNG para substituílo por outro sen experiencia no sector, provocando un atraso de case un ano e un sobrecusto que acaba repercutindo na veciñanza.
Ademais, do pacto da moción de censura só se cumpriron dous dos vinte e un puntos acordados. Iso evidencia a falta de planificación e o engano á veciñanza.
Para o BNG, a transparencia significa explicar onde se invisten os recursos municipais ata o último céntimo e informar á veciñanza de todos e cada un dos pasos do goberno municipal. A día de hoxe, por desgraza, nada diso está a ocorrer en Viveiro.
Tamén mudou moito a forma de gobernar. Pasouse dun modelo baseado no diálogo coa veciñanza e cos colectivos sociais e económicos a outro no que se evitan as explicacións, se responde con faltas de respecto e con afirmacións que non sempre se axustan á realidade. Impúxose unha actitude de corte autoritario que parece buscar máis o conflito que o entendemento, cunha ausencia total de diálogo social e democrático.
Mesmo nas sesións plenarias, a alcaldesa evita debater as iniciativas. Convido á veciñanza de Viveiro a ver os plenos na canle de YouTube do Concello. Alí poderán comprobar por si mesm@s o nivel do debate político actual.
O goberno do PP parece máis preocupado pola propaganda institucional e pola promoción persoal da alcaldesa que por impulsar un verdadeiro proxecto para Viveiro. O anuncio precipitado da variante ou o protagonismo institucional nas festas de San Roque son exemplos desa forma de actuar.
Viveiro merece máis respecto e, desde logo, unha alcaldesa centrada nos problemas reais do municipio.
Houbo mobilizacións pola sanidade nas que o goberno municipal non estivo á altura; mesmo chegou a denegar material municipal para unha concentración. Tampouco tomou a iniciativa de escoitar ás familias do CEIP de Covas ata que existiu presión social. Nin falou coa hostalería antes de levar ao pleno a ordenanza fiscal de terrazas, nin cos clubs e entidades antes e despois das subvencións nominativas.
Nós, no BNG, mantemos un contacto continuo coas parroquias, co comercio, coa hostalería e cos distintos colectivos. Dentro ou fóra do goberno, esa é a nosa forma de entender a política: escoitar, planificar e decidir.
Un goberno local debe escoitar antes de actuar. Cando iso falla, é difícil afirmar que se estean priorizando os intereses de Viveiro por riba dos propios.
E, a pesar do pouco tempo no goberno —un ano e medio, non dous, como repiten sempre o PP e Por Viveiro—, o BNG deixou unha pegada fonda en Viveiro. Moitas das iniciativas que puxemos en marcha seguen executándose hoxe, e iso demostra que detrás había planificación, rumbo e traballo serio.
Foi unha etapa breve pero intensa, cun punto agridoce porque quedaron proxectos preparados para catro anos que non puidemos culminar. Estou convencida de que Viveiro tería avanzado moito máis con esa continuidade.
En todo caso, asumimos o papel actual con responsabilidade e optimismo. Demostramos planificación, capacidade de xestión e visión de futuro. E o feito de que PP e Por Viveiro centren boa parte da súa acción política en confrontar co BNG é a mellor proba de que seguen percibíndonos como a alternativa de goberno que Viveiro precisa.
Viveiro merece estabilidade, rumbo propio e decisións pensadas a medio e longo prazo. E estou convencida de que o BNG está preparado para liderar esa nova etapa con seriedade, orgullo e compromiso coa veciñanza.
Iria Cotelo Cociña. Voceira do BNG en Viveiro


















No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.
O 14 inaugúrase o Rincón da Poesía, con música de gaitas e concerto de Xuaco Amieva, ademais da presentación de Viaxe a Dacondo I. O 21 terá lugar un recital poético-musical na Casa de Cultura, con música en directo, participación de autores locais, presentación do libro Tu voz en mi voz e homenaxe a Luis Pérez del Súcaro.
Este domingo, 8M, celebrouse un xantar no restaurante O Noso Lar no que participaron máis de 100 mulleres con posterior baile na Casa do Mar.
Reuniu na xornada deste sábado no pavillón de deportes a 700 ximnastas procedentes de diferentes puntos da provincia de Lugo e tamén dun club convidado de Pontevedra. Foi un día intenso de deporte e de convivencia, que tivo unha importante repercusión na hostalería local. Desde o Concello felicitan a todas as participantes, subliñan o traballo da organización (Escola Porta Norte) e agradecen o apoio das entidades colaboradoras.
Unha comedia orientada para público infantil escrita e dirixida por Bea Campos. Hora: 18h.



