O voceiro popular pregunta “se habería outro tipo de pagos ou favores que non aparezan nesta documentación” e esixe a Lara Méndez que, en lugar de acusar aos demais, explique “a financiación que realizou a este tecido asociativo durante os seus anos como alcaldesa, así como desde a Deputación”
Lugo, 5 de maio de 2026. Os deputados do Grupo Provincial do Partido Popular de Lugo amosaron hoxe a súa profunda preocupación pola deriva “agresiva e intolerante” dos representantes da Federación de Veciños de Lugo, tras analizar a documentación relativa ás axudas públicas recibidas por esta entidade e a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa desde 2017 a 2026.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, lamentou a actitude hostil amosada no pleno do Concello de Lugo o pasado xoves polos membros destas organizacións, unha situación que ten unha explicación clara baseada en subvencións: dende o ano 2017, a Deputación de Lugo destinou 798.510,63€ euros de cartos públicos a esta federación e a esta asociación, a maior parte a través de axudas directas.
“Isto é só á documentación á que tivemos acceso público, falta saber outros posibles fíos de financiación pública a través doutras asociacións da mesma rede, así como saber o financiamento que deron a través do Concello de Lugo para que estean tan nerviosos”, sinalou, e tamén preguntou “que outro tipo de favores persoais poden ter recibido ou estar pendentes de recibir para que chegasen a eses extremos tan agresivos”.
Pero iso si, “agora entendemos perfectamente a ira e a agresividade coa que se presentaron no pleno. Non defenden os intereses dos lucenses, defenden a quen os financia para non perder a galiña dos ovos de ouro”.
Antonio Ameijide ironizou coa pancarta que os manifestantes portaron durante a sesión plenaria co lema ‘Judas, venderse por 30 moedas’. Para o voceiro popular, esa imaxe foi “o máis representativo do que está a pasar”, coa única salvedade de que nesta ocasión a contía é moito maior: “Eles vendéronse por unhas cantas moedas máis; en concreto, por 800.000, en menos dunha década, a dúbida agora é canto máis recibiron economicamente ou doutro modo dende a Deputación de Lugo e o Concello”.
O popular tamén fixo un recordatorio á rolda de prensa que deron hai uns días Lara Méndez, Pilar García Porto e Ana González Abelleira, na que criticaban subvencións a diferentes asociacións. “É unha mágoa que se lles traspapelase xusto toda a información referida á Federación de Veciños de Lugo e á Asociación de Veciños da Milagrosa”, denunciou, ao que engadiu que “as cifras da Deputación asustan”.
Ameijide recordoulle a Lara Méndez que parece “ter esquecido” a documentación relativa á financiación que ditas federación e asociación recibiron do Concello de Lugo durante a súa etapa como alcaldesa.
PSOE E BNG NON TEÑEN BAGAXE QUE PRESENTAR
Antonio Ameijide cualifica de “lamentable” que PSOE e BNG sigan polarizando a sociedade ante a súa “incapacidade de xestionar”, algo do que afirmou que “tras 27 anos de goberno e 2.700 millóns de euros despois, o goberno municipal non ten exemplos de xestión que dar”. “Os únicos que saen na súa defensa son os mercenarios dunha federación á que lle teñen pagado absolutamente todo”.
Neste senso, Ameijide incidiu en que hai persoas, como a que repartiu os chiflos, un dos principais axitadores da protesta do pasado xoves, ou o propio presidente de ambas organizacións. “Está a soldo da propia Federación Veciñal con cargo a eses 800.000 euros, do mesmo xeito que eses fondos públicos serven para pagar viaxes e prebendas aos directivos, así como manter unha rede clientelar”.
Antonio Ameijide remata o seu repaso á documentación analizada con que a actual directiva da Federación de Veciños de Lugo perdeu calquera ápice de obxectividade: “Non defenden aos lucenses, son mercenarios da política vendidos aos únicos que quixeron pagarlles para que os defendan; os mesmos partidos que non saben facer política sen comprar vontades con cartos públicos”, sentenciou.






















A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.
A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.
Contou con arredor de 90 expositores provintes de todos os puntos tanto de Galicia coma do resto de España e de varias partes do mundo, que exhibiron as súas pezas de tornería en madeira. Tamén acolleu a XVIII edición da Exposición CONtornos. Entre os participantes, destacou a presencia dun expositor provinte da cidade arxentina de Córdoba, así coma outros de Reino Unido, Francia e Portugal. Ata o domingo achegaronse a esta mostra internacional uns 5.000 visitantes, principalmente provintes de toda Galicia e tamén de Portugal.
A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.



