O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou varios establecementos da capital adheridos a unha nunha nova edición deste programa, que busca dinamizar as vendas a nivel local
Lugo, 27 de maio de 2026. A Xunta abriu hoxe o prazo para que os cidadáns interesados soliciten os Bonos Activa Comercio, que poderán empregar en máis de 750 establecementos da provincia inscritos polo momento na campaña, case 250 deles situados na capital. Ata o esgotamento do crédito poden seguir sumándose novos negocios.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe catro tendas lucenses adheridas ao programa, impulsado polo Goberno galego para incentivar as compras nos establecementos de proximidade. As firmas que visitou foron Landra Shop, Mariña, Cepecé e a xoiaría Lamela.
Arias salientou a boa acollida que está a ter de novo a medida, tanto pola cidadanía como polo sector. De feito, adiantou que nas primeiras tres horas dende que abriu o prazo para descargar os bonos – entre as nove da mañá e as doce, aproximadamente – xa se mobilizaran preto de 90.000 euros na provincia de Lugo, arredor de 33.000 só na capital.
Descarga
Cada usuario pode descargar un único bono en formato dixital QR a través da web www.bonosactivacomercio.gal. O importe total dos descontos será 30 euros, que se irán consumindo en función do valor das compras.
Como principal novidade, nesta ocasión sortearanse a través das redes sociais da Xunta catro premios adicionais de 250 euros para gastar nunha ou varias tendas colaboradoras da campaña.
Arias destacou o éxito desta medida iniciada no ano 2021 para axudar a fortalecer o comercio de proximidade, un sector económico estratéxico a nivel local. A actual edición está dotada con 2,5 millóns de euros, coa previsión de mobilizar 8,5 M€ en vendas.
Ao longo do ano 2026 haberá unha segunda convocatoria dotada co mesmo orzamento, pero os comercios que xa se inscribiran este ano non terán que volver a facelo, para avanzar así na simplificación administrativa.
Descontos
En canto aos importes dos bonos, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 corresponderalles un desconto do 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
Non hai límite de usuarios pero unha vez esgotado o crédito, os bonos descargados xa non se poderán utilizar, mesmo aínda que non se teñan consumido na súa totalidade. Ademais, co fin de incrementar as vendas, establécese a incompatibilidade dos bonos Activa Comercio con calquera outra axuda destinada á mesma actuación subvencionable dentro dunha mesma compra.




















O acto celebrarase este venres 4 de setembro ás 20:30 horas na sala de exposicións. Servirase un viño e un pequeno petisco. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 4 de novembro.
Unha iniciativa destinada "a expresar apoio, afecto e solidariedade con Ceuta". A concentración terá lugar diante da Casa do Concello.
O Concello destacou que esta primeira edición nace para impulsar a creación literaria e manter vivo o legado de Manuel García-Galano. A obra gañadora, definida pola autora como unha historia de suspense psicolóxico sobre amizade, lealdade e segredos, engádese á programación cultural da XXXIII Feira Campomar. Con este premio, o concello inicia unha traxectoria destinada a honrar a figura do escritor a través da literatura.
Villares felicitou á entidade lucense polos éxitos acadados na última tempada e puxo en valor “o traballo e dedicación dos nadadores e nadadoras e o esforzo do equipo técnico” do club. Recalcou en especial o impulso ao deporte base dende idades moi temperás, en liña coa aposta da Xunta por fomentar a actividade física entre os nenos e nenas con accións como o programa de deporte escolar Xogade, que no curso pasado chegou case ao 60% do alumnado galego.
A convocatoria enmárcase na iniciativa promovida pola FEMP para trasladar desde as entidades locais o seu apoio e solidariedade coa Cidade Autónoma de Ceuta. Deste xeito, Viveiro únese á convocatoria xunto con concellos de todo o territorio, amosando o seu respaldo institucional á Cidade Autónoma.
A obra premiada aborda a emigración galega desde unha voz feminina, e o pregón destacou o traballo colectivo e a transmisión entre xeracións dentro da Banda. Con este acto, o Concello dá inicio a unha programación festiva que nos próximos días combinará tradición, cultura, deporte e música para todos os públicos.
Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.



