A alcaldesa, Marta Rouco, destaca que será “un recurso fundamental para facilitar a conciliación das familias e responder a unha necesidade cada vez máis presente no municipio”
Vilalba, 26 de maio de 2026. O Concello de Vilalba celebrará este xoves 28, ás 18:00 horas, o pleno ordinario correspondente ao mes de maio. A sesión, que terá lugar no salón de plenos da Casa do Concello, incluirá entre os seus puntos principais a aprobación do regulamento do novo servizo municipal “Concilia na tarde”, paso imprescindible para a súa futura posta en marcha.
Un servizo para facilitar a conciliación
“Concilia na tarde” é un novo servizo público dirixido a facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e persoal das familias con nenos e nenas escolarizados nos centros públicos de Educación Infantil e Primaria.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, subliñou que a creación deste servizo “responde a unha demanda crecente de moitas familias do municipio que precisan recursos públicos adaptados ás necesidades reais do día a día”. Engadiu que os horarios laborais e o ritmo de vida actual “fan cada vez máis necesarios este tipo de servizos de conciliación”.
Centros participantes e funcionamento
O servizo iniciarase no CEIP Antonio Ínsua Bermúdez, no CEIP Manuel Mato Vizoso e na Escola de Educación Infantil de Vilalba, aínda que queda aberta a posibilidade de incorporalo a outros centros públicos no futuro.
O horario previsto será de 15:30 a 17:30 horas, e contará con persoal especializado. Haberá dúas modalidades de uso:
Usuarios fixos: entre un e cinco días á semana, segundo as necesidades de cada familia.
Usuarios ocasionais: para días puntuais, sempre que existan prazas dispoñibles.
A alcaldesa destacou que se trata “dun servizo pioneiro en Vilalba que permitirá ampliar os recursos municipais destinados ás familias e mellorar a conciliación no municipio”.
Outros asuntos da orde do día
O pleno tamén abordará outros puntos incluídos na parte resolutiva da sesión.
Proposta de cambio de denominación dunha rúa
O Instituto de Estudos Chairegos solicita modificar o nome da actual rúa Valeriano Valdesuso pola de rúa Antón Peña Novo.
A proposta fundamenta o cambio na figura de Antón Peña Novo, historiador vilalbés, fundador das Irmandades da Fala e autor de Villalba en el siglo XIX, destacando a súa contribución á defensa do patrimonio histórico e cultural da vila.
Ao mesmo tempo, a iniciativa propón retirar a denominación actual pola suposta vinculación de Valeriano Valdesuso coa intención de derrubar a Torre da Homenaxe do Castelo de Vilalba, finalmente conservada grazas á oposición veciñal.
Melloras en viais municipais
Tamén se someterá a aprobación unha proposta de reforzo de firme, mellora da drenaxe e sinalización en diversos viais das zonas de Gomariz, O Coto, Os Navallos, Mouriz, O Xuncal e Toxeiro, cun investimento superior aos 103.000 euros.
Actualización de prezos públicos
A sesión incluirá ademais a proposta de aprobación dun novo acordo regulador dos prezos públicos vinculados á organización de espectáculos, aluguer de instalacións e participación en actividades culturais no Auditorio Municipal, co obxectivo de actualizar a normativa e adaptala ás necesidades actuais.




















A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



