Luz verde para investir 20.000€ en converter Burela nunha gran fan zone con motivo do partido entre España e Cabo Verde do Mundial de Fútbol 2026, e outros 25.000€ para celebrar en Lugo o Campionato de España de Barco Dragón de piragüismo en xullo
Lugo, 5 de xuño de 2026. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres reforzar a cooperación cos concellos cun investimento superior aos 526.000€ para impulsar servizos, infraestruturas e grandes eventos na provincia. Así o informou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, tras a sesión do Goberno provincial celebrada pola mañá.
“Seis acordos que reflicten o compromiso que adquirimos na Deputación cos concellos e co tecido asociativo, dúas ferramentas fundamentais para mellorar a calidade de vida da veciñanza e contribuír ao desenvolvemento equilibrado do territorio”, valorou Rivera Capón. O Deputado puxo o acento en que apoiar este tipo de iniciativas “significa xerar oportunidades, dinamizar a economía local e crear condicións que axuden a fixar poboación, favorecendo que as persoas poidan desenvolver o seu proxecto de vida nos seus concellos con servizos de calidade e unha oferta de actividades atractiva”.
En Barreiros, a Deputación achegará algo máis de 40.000€ a través dun convenio de colaboración dividido en varias anualidades –ata o ano 2028- para diferentes cuestións. Por unha banda, adquirir material informático e de oficina; e por outra, poñer en marcha un servizo de podoloxía para as persoas maiores do municipio coa contratación dun profesional e a compra dunha cadeira elevadora.
Aprobado tamén un acordo co Concello de Sarria para reforzar con 10.000€ ás Xornadas Xurídicas Román García Varela. Unha cita que remata hoxe na Casa da Cultura deste municipio e na que participan destacadas figuras do ámbito xurídico e institucional. Explicou Pablo Rivera que a Deputación duplica a achega económica para esta cita de acordo ao seu compromiso cunhas “xornadas que se teñen consolidado como un foro de referencia para a análise, o debate e a reflexión sobre cuestións de actualidade xurídica” e un evento que contribúe “á difusión do coñecemento, fomenta o intercambio de experiencias entre profesionais e proxecta o nome de Sarria e da provincia”.
O Concello de Castroverde recibirá 250.000€ da Deputación para mellorar a mobilidade do municipio, pavimentar o Campo da Festa e instalar unha pista deportiva para xogar ao fútbol sala. Concretamente, no que ten que ver coa mobilidade, a achega da institución provincial servirá para acondicionar camiños rurais nas aldeas de Abelleira e Serés e mellorar o pavimento nunha vía de Pereira e varias estradas en Covelas.
A Deputación achegará tamén 20.000€ á asociación cultural Fanto Fantini para colaborar con eles en converter Burela nunha gran fan zone con motivo do partido que se disputará entre as seleccións de España e Cabo Verde no marco do Mundial de fútbol 2026 o vindeiro 15 de xuño. A cita, que combinará concertos, showcookings, creación contemporánea, actividades deportivas, artesanía ou mesas de debate nun municipio no que unha de cada dez persoas é de orixe caboverdiana.
Lugo será en xullo escenario do Campionato de España de Barco Dragón de 200 metros, un evento deportivo de carácter extraordinario que reunirá a uns 750 deportistas de todo o Estado grazas á Deputación. A institución provincial aprobou achegar 25.000€ ao Club Piragüismo Cidade de Lugo para organizar esta competición, que nesta disciplina conta cunha elevada participación feminina, contribuíndo en palabras de Rivera, “á visibilización das mulleres no deporte”.
Colaboración para dous grandes eventos
O Resurrection Fest de Viveiro volverá a contar un ano máis coa axuda da Deputación de Lugo. A Xunta de Goberno deste venres aprobou o patrocinio do festival, que se desenvolverá do 1 ao 4 de xullo, por un total de 150.000€. “Unha cita consolidada como un dos grandes referentes internacionais no ámbito do rock e do metal”, explicou o Deputado, “que sitúa a nosa provincia no circuíto dos grandes eventos musicais”.
Por último, a Deputación iniciou os trámites administrativos para a organización do Iberdrola Surfing Day en Burela, cun investimento de 31.048,6€. Unha xornada que se vai realizar durante o mes de setembro e que consistirá nunha serie de actividades deportivas, formativas e divulgativas en torno ó mundo do surf.






















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.


