O programa municipal ofrecerá durante os meses de xullo, agosto e setembro oito propostas para descubrir o patrimonio marítimo, natural, xeolóxico e cultural da localidade
Burela, 26 de xuño de 2026.- O Concello de Burela pon en marcha unha nova edición de «Burela de Ruta», o programa municipal de actividades turísticas que permitirá coñecer durante os meses de xullo, agosto e setembro algúns dos principais recursos patrimoniais, culturais, naturais e vinculados ao mar do municipio.
A programación deste ano incorpora como principal novidade as visitas guiadas ao Molde do Faro, unha estrutura metálica empregada na reconstrución do faro de Burela en 2014 e situada actualmente nas inmediacións da praia da Marosa. No seu interior pode contemplarse unha obra do artista David Catá.
As visitas ao Molde do Faro desenvolveranse todos os martes ás 16.30 horas, terán unha duración aproximada de media hora e serán gratuítas. Debido á limitación de prazas, será necesario realizar unha reserva previa a través da páxina web reservasmoldedofaro.burela.org.
Outra das novidades desta edición será a profesionalización das visitas á lonxa de ABSA, que estarán guiadas por Rutas Galicia Norte. Durante a actividade, as persoas participantes poderán presenciar a poxa do peixe e coñecer o funcionamento e as particularidades dunha instalación fundamental para comprender a identidade mariñeira e a actividade económica de Burela.
As visitas á lonxa celebraranse de luns a xoves en horario de tarde: os luns ás 18.00 horas e de martes a xoves ás 19.00 horas. O prezo será de 8 euros para persoas adultas e de 5 euros para menores de 17 anos, mentres que os menores de 12 anos poderán acceder gratuitamente. A reserva será obrigatoria a través do formulario dispoñible en rutadopeixe.burela.org, xa que non se permitirá o acceso ao recinto sen inscrición nunha visita guiada.
Xeoloxía, aves e patrimonio histórico
O programa recupera tamén as tradicionais XeoRutas, percorridos guiados e interpretados por unha profesional da xeoloxía que permitirán descubrir o variado patrimonio xeolóxico do litoral burelés. Nesta edición ofreceranse tres itinerarios diferentes: A Marosa, O Cantiño e O Perdouro, distribuídos en distintas datas ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro.
As XeoRutas serán gratuítas, aínda que requirirán reserva previa mediante a páxina turismo.burela.org/rutas-xeoloxicas.
A oferta de natureza completarase coas rutas ornitolóxicas, guiadas por un ornitólogo e programadas para finais do verán, coincidindo co paso das aves migratorias mariñas. Durante a actividade prestarase material óptico para facilitar a observación das diferentes especies.
A participación será gratuíta, pero será necesaria a inscrición previa a través do correo electrónico oficinadeturismo@burela.org, que poderá formalizarse desde tres días naturais antes de cada ruta.
A programación inclúe igualmente as visitas á conserveira artesanal Faro de Burela, onde as persoas asistentes poderán coñecer, durante unha explicación de entre dez e quince minutos, o proceso tradicional de embotado do bonito para a súa conservación. Estas visitas desenvolveranse durante as tardes dos xoves e venres dos meses de xullo e agosto, con inscrición previa na Oficina de Turismo.
Pola súa parte, a ruta guiada «Máis alá do mar» permitirá percorrer a Vila do Medio e coñecer a evolución histórica e social do barrio máis antigo de Burela. O itinerario, de menos de dous quilómetros, finalizará na igrexa da Vila do Medio, que conserva pinturas de finais do século XV.
Estas rutas serán gratuítas e celebraranse todos os xoves ás 10.30 horas, con reserva previa no correo electrónico oficinadeturismo@burela.org.
A memoria mariñeira de Burela
A Asociación de Mariñeiros Xubilados A Moncloa continuará ofrecendo visitas guiadas gratuítas ao seu local, de luns a venres entre as 10.00 e as 14.00 horas. Unha oportunidade para achegarse á historia marítima de Burela a través das testemuñas e das experiencias dos seus protagonistas.
A programación complétase co Barco Museo Boniteiro «Reina del Carmen», un pesqueiro tradicional de madeira aberto durante todo o ano que ampliará o seu horario no verán coa incorporación dunha visita ás 19.00 horas.
En total, ofreceranse seis visitas guiadas diarias nas que se explicarán diferentes artes de pesca, os principios da pesca sostible e a forma de vida a bordo dun pesqueiro dos anos sesenta.
A entrada xeral terá un prezo de 5 euros para persoas adultas e de 3 euros para menores de 17 anos, mentres que os menores de oito anos poderán acceder gratuitamente. As reservas deberán formalizarse a través da web reservasbarcoboniteiro.burela.org.
Con esta nova edición de «Burela de Ruta», o Concello continúa apostando por unha oferta turística baseada na identidade mariñeira, a divulgación do patrimonio local, a natureza e a sustentabilidade, permitindo tanto á veciñanza como ás persoas visitantes descubrir Burela desde diferentes perspectivas.
Toda a información sobre as actividades, datas, horarios e sistemas de reserva pode consultarse na páxina web turismo.burela.org, dentro do apartado «Visitas».






















O 112 Galicia tivo constancia do accidente arredor das 13:20 horas deste martes. Segundo varios particulares, dous turismos colidiran no quilómetro 79 da LU-862. Nun vehículo había un ferido, mentres que no outro unha persoa estaba atrapada, aínda que se atopaba en bo estado trala colisión. Desde o CIAE 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Viveiro, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Vicedo. Unha vez no punto, a dotación de bombeiros puido liberar á persoa atrapada.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.
O evento incluirá espicha, queimada, brujo con conjuro e sesión DJ. O prezo é de 50 euros por persoa, con reserva previa no 611 185 336 e prazas limitadas. A organización lembra que “el 12 de agosto cuando caiga la noche la celebración continúa en Los Olivos… la noche culminará con una queimada elaborada por el Brujo Gonzalo, seguida de una sesión DJ para poner el broche final a una jornada inolvidable”.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).



