A Mariña, 14 de xullo de 2026. Son moitos os plans e programas que vén desenvolvendo nos últimos anos a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense cun obxectivo principal: acadar un modelo turístico sostible no territorio, que xere valor para as persoas que nos visitan e tamén para a comunidade local, acadando un equilibrio beneficioso e enriquecedor para todos os axentes do sector. Agora que chega a época estival, temporada de maior presión turística no territorio da Mariña, a Mancomunidade aproveita para concienciar e sensibilizar sobre a importancia de practicar un turismo respectuoso, minimizando os impactos negativos naqueles lugares visitados.
Concretamente, a Mancomunidade vén de compartir dúas publicacións lanzadas o pasado ano e que tiveron unha gran acollida por parte da comunidade local e das persoas que nos visitaron. Trátase da Guía do turista responsable e o Decálogo de boas prácticas para a conservación da píllara das dunas das praias da Mariña Lucense, dous documentos que se comparten a través da páxina web da Mancomunidade.
Guía do turista responsable
Trátase dun documento sinxelo e conciso que, máis alá de recompilar recomendacións para viaxar responsablemente, invita a repensar como viaxamos e como influímos nos lugares que visitamos.
O documento xurde como parte do proxecto de Estudos de Capacidade de Carga en 11 lugares de especial fraxilidade deste territorio, impulsado ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense, cofinanciado pola propia Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. É unha ferramenta para favorecer un turismo máis sostible, orientada ás persoas que visitan o territorio, pero tamén a todos os axentes sociais e económicos que forman parte do sector e que, coa súa actuación, contribúen a unha correcta xestión do turismo.
A guía é unha recompilación concisa e sinxela de recomendacións que permitan aos viaxeiros e viaxeiras coñecer o destino, neste caso A Mariña, dunha forma consciente e sostible. Pero, máis alá destas claves, pretende servir como documento base para invitar ás persoas a reflexionar sobre como viaxan e como os seus comportamentos durante esas viaxes inflúen nos espazos e nas comunidades que visitan. Este enfoque está directamente aliñado co turismo sostible ao que aspira A Mariña Lucense, un tipo de turismo que promove unha maneira de viaxar e desfrutar dos destinos minimizando os impactos negativos no medio ambiente, na cultura e na economía local, ao tempo que aumenta os beneficios nos territorios anfitrións.
A Guía do turista responsable está estruturada en diferentes bloques nos que se comparten claves para converter unha visita nunha experiencia positiva para todos os axentes implicados. Ademais, trátase de non poñer o foco nas persoas que nos visitan desde un punto de vista negativo, senón de aproveitar a riqueza e as potencialidades do sector e guialo dentro da transformación global que está a vivir, encamiñada a un modelo máis sostible e de futuro.
Así, desde A Mariña Lucense convídase ás persoas que nos visitan a aproveitar todos os recursos informativos dispoñibles, gozar da cultura local, promover o desenvolvemento local do territorio, contribuír á conservación do patrimonio, axudar á preservación ambiental e elixir produtos e servizos sostibles.
Enlace á guía:
https://amarinalucense.gal/gl/novas/a-marina-presenta-a-sua-guia-do-turista-responsable
Decálogo de boas prácticas para a conservación da píllara das dunas das praias da Mariña Lucense
A praia é un ecosistema natural do que dependen numerosas especies, entre elas a píllara das dunas, común na Mariña Lucense, onde existen áreas prioritarias de conservación da píllara das dunas nos municipios de Barreiros e Foz (praias de Altar, A Pampillosa e A Rapadoira), aínda que calquera areal con sistema dunar é un potencial hábitat para esta especie. Nestes lugares estas aves aproveitan para nidificar, directamente sobre a area, e atopan alimento, tanto en época de reprodución como durante os pasos migratorios e a invernada.
Cuns sinxelos consellos pódese axudar a conservar as praias como espazos de biodiversidade animal e vexetal, garantindo o equilibrio do ecosistema. Así, desde a Mancomunidade trátase de sensibilizar á poboación do valor do patrimonio natural do territorio, un espazo único vital para as persoas que o habitan e para aquelas que chegan a visitarnos atraídas por esta riqueza.
Decálogo:
1. A praia é un ecosistema natural do que dependen numerosas especies para a súa supervivencia; como usuarios debemos asumir que é un ámbito sensible e que é a nosa responsabilidade contribuír á súa conservación.
2. Usa sempre pasos sinalizados ou acondicionados para acceder á praia, evitando abrir novos camiños, en especial a través de zonas de vexetación dunar.
3. Presta atención aos carteis informativos existentes nos accesos ás praias e segue as súas instrucións.
4. Evita molestias ás aves. É moi importante para a súa supervivencia e reprodución.
5. As plantas que crecen sobre a area da praia son sumamente fráxiles. Evita pisar a vexetación dunar.
6. Non deixes lixo na praia. Mesmo os refugallos orgánicos poden atraer depredadores.
7. Non leves mascotas á praia; no caso de que a súa presenza estea permitida deben ir sempre atadas e deben estar sempre controladas
8. Debemos ser escrupulosamente respectuosos cos cercados e medidas de protección para as aves e a vexetación; permanece afastado deles.
9. Se atopas un niño de píllara das dunas avisa ás autoridades ambientais a través do 112.
10. Contribúe a difundir a mensaxe de conservación.
O decálogo foi elaborado no marco das accións de conservación desenvolvidas durante o Encontro de Turismo de Observación da Natureza natureWatch A Mariña Lucense, celebrado en marzo de 2025 en Barreiros. Este evento, que congregou a participantes chegados de toda España, tivo como obxectivo contribuír de forma ordenada ao impulso do turismo de observación da natureza, promovendo as bases sobre as que construír a súa regulación, o emprendemento e o desenvolvemento sostible dos espazos naturais. A súa redacción foi dirixida por María Vidal (Universidade de Santiago de Compostela) e validada polos asistentes ao encontro.




















Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



