A opinión pública galega adoita asistir aos debates sobre o noso idioma como se fosen unha liorta estéril entre filólogos pechados nunha torre de marfil. Porén, a encrucillada lingüística que hoxe enfronta o galego -grande perda de falantes e fenda evidente na transmisión xeracional- require esquecermos os dogmatismos e asumirmos o pragmatismo estratéxico. Non nos xogamos só unha ortografía consensuada, senón a potencia xeopolítica e económica dunha nación periférica que non pode permitirse o luxo de vivir dándolle as costas ao mundo. Os tempos de estéril e fratricida enfrontamento normativo pasaron xa. Estamos noutra conxuntura histórica. Velaí que sexa agora o momento de artellarmos un grande acordo histórico entre o autonomismo normativo e o reintegracionismo.
A construción deste consenso de país non pasa por esixir que ninguén renuncie aos seus principios nin por forzar unha fusión ortográfica inmediata que desconcertaría á cidadanía. O camiño, xuridicamente viábel e politicamente intelixente, atópase na formulación do “binormativismo práctico”. A chamada “vía norueguesa”. No moderno e desenvolvido país escandinavo existen dúas normativas oficiais: o bokmàl, alicerzada na tradición escrita e moi influída polo danés (Noruega dependeu da corte de Copenhague entre 1397 e 1814) e o nynorsk, alicerzado nos dialectos rurais autoctonos.
Un tal modelo binormativo habería establecer por lei o estándar oficial da Real Academia Galega como a norma xeral de obrigado coñecemento no ensino e na administración, mais regulando, ao tempo, o estándar internacional defendido polo reintegracionismo como unha modalidade formal e lexítima para o seu uso oficial, rematando de vez coa súa exclusión da publicación editorial e do abeiro público canto ás subvencións e demais accións de fomento. Deste xeito enfrontaríamos dous obxectivos fulcrais: afortalar o galego dende a concordia normativa e abrírmonos potentemente ás relacións comerciais, institucionais e culturais co conxunto da lusofonía, construíndo a ponte de prata para que empresas e cidadáns poidan interactuar cos mercados de Portugal, Brasil, Angola ou Mozambique dende o noso propio idioma sen penalizacións derivadas da falla de comprensión.
Esta folla de ruta atopa hoxe un contexto inmellorábel por mor da fonda evolución estratéxica da Asociación Galega da Lingua (AGAL). Afastada xa da confrontación dos anos oitenta (xerada nomeadamente pola intolerancia opresiva dos xestores politicos e lingüísticos do oficialismo normativo), a AGAL asumiu un ton integrador e institucional, liderado por voces lúcidas como a do seu pasado presidente (2015-2023) Eduardo Maragoto. O seu discurso, baleiro de rancores, sitúa a utilidade económica e a intercomprensión no centro do taboleiro. Baixo este enfoque, o binormativismo non substituíría á norma oficial, senón que habería de complementala, ofrecéndonos a grande vantaxe laboral e comercial de sermos nativos nun mercado global de máis de douscentos setenta millóns de falantes.
En realidade xa dispomos de cobertura legal: a Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía ( a chamada Lei Paz-Andrade), aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia. Unha lei pensada para marcar o camiño para o aproveitamento dos vínculos luso-brasileiros, mais esquecida canto a súa aplicación e desenvolvemento polos gobernos de Feijóo e de Rueda.
Cómpre, xa que logo, dar un paso adiante desde as institucións codificadoras e o propio Goberno galego. A confluencia require avanzar decididamente na incorporación de léxico común lusófono e na aceptación de dobres formas morfolóxicas, como xa se ensaiou na reforma do ano 2003. Se as tensións do pasado están amortecidas e o respecto mutuo é hoxe a tónica dominante o que compre é a precisa vontade política para superarmos o vello conflito normativo e construírmos esta grande ferramenta de emancipación económica. Un pacto transversal que faga da nosa lingua o máis senlleiro activo internacional de Galicia.


















A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



