Tamén esixirán que o Concello adopte as medidas necesarias para a retirada e correcta xestión dos residuos e contedores depositados nunha parcela xunto á vía pública e execute o desbroce e limpeza da zona para garantir a seguridade, salubridade e boa imaxe do municipio
Vilalba, 28 de xullo de 2026. O PP de Vilalba esixirá no vindeiro Pleno do Concello que o goberno local “lidere” as actuacións precisas para “facer realidade unha nova ampliación do polígono Sete Pontes”. Os populares aseguran que “a dispoñibilidade de solo industrial competitivo é un factor determinante para atraer actividade económica, favorecer o emprendemento e fixar poboación” e afean que “o goberno de PSOE e Vilalba Aberta non avanzaran nada nunha cuestión que é prioritaria para o municipio. Moito se leva falado, pero nada se materializa”, apuntan.
Así, esixen “avanzar” na redacción dos estudos técnicos e urbanísticos precisos, analizar alternativas dispoñibles, definir o ámbito da futura ampliación e elaborar unha proposta de ordenación “que permita incrementar a oferta de solo industrial e responder ás necesidades actuais e futuras das empresas”.
Tamén esixen avanzar na ordenación e “iniciar a instalación e revisión dos hidrantes, bocas de incendio e bocas de rego, aumentando en caso necesario tanto caudal como presión naquelas zonas tanto do casco urbano como do polígono industrial”.
Os populares sempre defenderon a ampliación do polígono industrial como “prioritaria” para Vilalba polo que tamén piden ao goberno municipal “informar trimestralmente á Corporación sobre o estado de tramitación dos traballos realizados e das xestións efectuadas ante as distintas administracións”.
O polígono industrial é un dos principais motores económicos do Concello de Vilalba e da comarca da Terra Chá. E a elevada ocupación das parcelas dispoñibles nos últimos anos evidencia a necesidade de planificar unha nova ampliación do solo industrial. “A falta de espazo limita tanto a chegada de novos investimentos como a posibilidade de que empresas xa implantadas poidan ampliar as súas instalacións, o que supón unha perda de oportunidades para Vilalba”, segundo consideran dende o Partido Popular.
XESTIÓN DE RESIDUOS
O Grupo Municipal Popular de Vilalba tamén esixirá no Pleno que o Concello adopte as medidas necesarias para a retirada e correcta xestión dos residuos e contedores fóra de uso depositados nunha parcela xunto á vía pública, sen ordenación nin acondicionamento axeitado, e execute o desbroce e limpeza da zona para garantir unha boa imaxe do municipio e, sobre todo, seguridade e salubridade.



















Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partirán de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



