A alcaldesa, Marta Rouco, destaca que “queremos que formar unha familia en Vilalba sexa máis doado e que ningunha etapa educativa quede sen apoio por parte da administración local”
Vilalba, 6 de xullo de 2026. O Concello de Vilalba publicou as bases reguladoras das axudas destinadas á adquisición de material escolar para o alumnado de Educación Infantil (3 a 6 anos) no curso 2026-2027. A convocatoria conta cun orzamento de 12.000 euros, co obxectivo de apoiar ás familias nunha etapa educativa na que non existe ningunha liña de axudas por parte doutras administracións.
Segundo explican desde o goberno municipal, esta medida responde á demanda detectada polos Servizos Sociais, que sinalaron a necesidade de aliviar o esforzo económico que supón o inicio do curso para moitas familias con nenos e nenas nesta etapa.
As axudas poderán ser de 75 ou 100 euros, en función da renda per cápita anual da unidade familiar.
👩👧👦 “Era necesario cubrir un baleiro evidente”, destaca a alcaldesa
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, subliña que “un Concello tamén ten que saber detectar aquelas necesidades ás que outras administracións non están chegando. No caso da Educación Infantil existía un baleiro evidente e consideramos que era a nosa responsabilidade dar unha resposta ás familias”.
Rouco engade que “queremos que Vilalba sexa un lugar no que as persoas poidan desenvolver o seu proxecto de vida con garantías. Iso tamén significa apoiar ás familias desde as primeiras etapas educativas e acompañalas nun momento no que os gastos do inicio do curso son especialmente importantes”.
A rexedora lembra que estas axudas se enmarcan nunha liña de traballo máis ampla, coa que o goberno municipal está reforzando as políticas de conciliación e apoio ás familias, mediante medidas como: a ampliación do servizo de madrugadores, o comedor da Escola Infantil, o programa Concilia na Tarde, os campamentos municipais.
📝 Prazo e presentación de solicitudes
As solicitudes poden presentarse: no Rexistro Xeral do Concello, ou a través da Sede Electrónica, onde o procedemento xa está habilitado entre os trámites destacados.
O prazo permanecerá aberto desde hoxe ata o venres 17 de xullo.
O Concello anima ás familias que cumpran os requisitos a solicitar estas axudas, reafirmando o compromiso do goberno municipal cunha Vilalba atractiva para vivir, formar unha familia e desenvolver un proxecto de vida.



















O público poderá desfrutar dunha proposta que parte da música tradicional galega, combinando a gaita e as frautas con instrumentos como o violín, acordeón, guitarra, baixo ou percusión, nunha mestura de tradición e modernidade cun marcado carácter atlántico e celta. A actuación, con entrada libre, ofrece unha noite para gozar da música galega en directo e seguir achegando a cultura e a tradición aos espazos públicos do municipio.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Foi a unhas oito millas de Estaca de Bares. O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso arredor das 22:30 horas deste luns a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, que indicou que se mobilizaba o helicóptero Pesca II logo de que se producise lume nun barco, con tres tripulantes a bordo. Porén, os mariñeiros foron evacuados do lugar a través dun pesqueiro que se atopaba na zona para, posteriormente, ser trasladados en ambulancia. Por outra banda, o barco finalmente afondou no mar. Cómpre mencionar que neste operativo tamén participaron Salvamento Marítimo e a Garda Civil.
Esta actividade, organizada polo Concello de Lourenzá, será na praza César Chavarría Pacio e haberá tres funcións: ás 13:00, ás 18:30 e ás 20:00 horas. A entrada é de balde por orde de chegada ata completar aforo. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, destaca que “a maxia é unha desas propostas que sempre ten unha acollida moi especial en Lourenzá. Gusta aos pequenos, pero tamén consegue sorprender e ilusionar aos maiores, converténdose nun plan perfecto para gozar en familia”.
Ata a Cedofestiña, que tivo lugar onte no Pazo de Cedofeita, se achegaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. O Concello colaborou unha edición máis coas Vacas Fracas.



