Con todas as súas limitacións, o desenvolvemento económico e social de Galicia non se podería entender sen a aportación dos emigrantes, tanto daqueles que non regresaron como dos que volveron. No primeiro caso, coas remesas de diñeiro que recibían os familiares permitían pagar leiras, estudos, coches ou casas. No segundo caso, e este é moi habitual reinvestindo as rendas conseguidas fóra no país ou consumindo a través da compra de bens ou servizos.
Máis alá diso, o Retornado é un especime moi complexo porque é de dous lugares, o que ten cousas boas e outras que non o son tanto. Nos máis dos casos, o Retornado é quen de integrarse de novo no país e tecer (ou recuperar) unha rede de relacións sociais. Evidentemente, na súa integración social tamén teñen a ver as características psicolóxicas persoais que ben poden servir para identificalo noutro arquetipo persoal, pero si podemos falar do Retornado como un personaxe arquetípico de seu. A este personaxe podémolo atopar en case calquera lugar do noso país, tanto nas aldeas coma nas vilas e nas cidades; agora ben, é nos dous primeiros ámbitos onde é máis fácil distinguilo do resto da paisanaxe.
Este perfil corresponde a persoais de mediana ou terceira idade porque, cando unha persoa nova emigrou e volveu ao pouco tempo, non é un Retornado. Non é o mesmo botar 5 ou 7 anos traballando en Madrid e volver aos 35 anos para ocupar un posto de directivo que botar 40 anos traballando nunha fábrica en Durango e regresar á Terra coa xubilación.
É innegable que o abaratamento dos custes de transporte contribuíu a relativizar os efectos psicolóxicos da emigración, aínda que o desarraigo é consubstancial á emigración de longa duración. As persoas que a finais do século XIX ou principios do XX marchaban a América tiñan moitas posibilidades de non volver nunca a Galicia, nin tan sequera de visita. Sen embargo, os emigrantes que marcharon a Suíza, Alemaña ou Francia xa tiñan a posibilidade de vir todos os anos pasar as vacacións na Terra. Hoxe en día é perfectamente posible vivir en calquera punto do Estado ou Europa e visitar Galicia cada dous ou tres meses comprando un billete de avión, sempre e cando a economía o permita. A consecuencia é que as persoas que volven da emigración teñen unha idea máis aproximada á realidade do que está acontecendo en Galicia e dos cambios que houbo, aínda que é inevitable unha certa idealización do pasado.
A principal característica dun Retornado é que, aínda que botase máis de 40 anos fóra da súa terra de orixe, cando volve non é considerado por un estraño pola comunidade; el sempre será o Pedro da Corredoira que xogaba cos seus veciños despois das clases, aínda que xa teña os 60 anos cumpridos e marchase despois de facer o servizo militar. Neste senso, é máis fácil inserirse na sociedade de orixe porque hai unha confianza previa polos semellantes. Como a meirande parte dos Retornados non esqueceron falar galego, cando volven poden ter un acento curioso, mais son recoñecidos como membros do colectivo. Aínda que existen casos de emigrantes que deciden establecerse en vilas costeiras ou mesmo en cidades, o soño da maioría dos Retornados é volver á súa zona de orixe ou, se iso non é posible, asentarse preto dela.
Sen embargo, hai un problema de calado relacionado coa adaptación no país. O Retornado botou moitos anos fóra de Galicia, ás veces os máis da súa vida. Traballou, gañou a vida, casou e tivo os fillos fóra, relacionouse con persoas do país de acollida e, en definitiva, fixo alí a súa vida. O retorno é plantexado como o retiro despois dunha vida dura de traballo ou como a oportunidade de reinvestir os ingresos que se aforraron. En ocasións hai un choque de costumes que trae problemas de adaptación e, en casos puntuais, o retornado opta, paradoxicamente, por volver ao lugar no que fixo vida.
O máis común é que o Retornado sexa un melting pot de tradicións culturais galegas e foráneas. Quizais cando estea xogando ás cartas solte un ¡La hostia! ou é posible que sexa un afeccionado ao Mate ou ao pa amb tomàquet. Hai que ter en conta que moitos destes Retornados regresan cos fillos e, aínda que estes non son vistos como foráneos, non deixan de ser persoas que creceron noutro ambiente cultural.
Dos Retornados tense escrito e falado moito e, aínda que Galicia cumpriu en liñas xerais coa súa obriga de atendelos como merecen, son a testemuña das nosas limitacións colectivas como pobo.



















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.



