Foz 06-03-2019.- A depuración de augas residuais é un dos servizos básicos fundamentais que os concellos teñen que garantir a tódolos veciños e veciñas. A actual EDAR de Foz, situada na explanada do porto, non ten capacidade suficiente para a depuración das augas fecais do núcleo e presenta outros problemas como continuos malos olores.
Augas de Galicia vén de presentar o novo Anteproxecto para esta infraestrutura. O PSOE de Foz quere destacar o enorme retraso que leva o Proxecto e a falta de rigorosidade. Hai que lembrar que o anterior documento foi rexeitado en novembro do 2016 por unha declaración de impacto ambiental NEGATIVA – destaca Fran Cajoto – Non entendemos como foron necesarios dous anos e medio para a súa corrección, como todos os anos se consignan presupostos para despois non mover nin unha pedra.
Os socialistas definen o novo anteproxecto como DECEPCIONANTE. Estase a perder unha oportunidade única para resolver os problemas da rede de saneamento de Foz – indica Fran Cajoto – Vamos continuar cos problemas de sempre e vanse xerar outros novos, o que resulta inadmisible. Os socialistas destacan a falta de rigor no Anteproxecto nos seguintes puntos:
1) REDE DE SANEAMENTO DE FOZ
O Anteproxecto non contempla actuar sobre a rede de saneamento en Foz, que é unitaria, polo que as augas fecais continuarán estando mesturadas coa auga de choiva. Isto resulta moi chamativo nestes momentos, xa que se pretende bombear gran parte da auga que chove en Foz ata Froxán, co gran custo que isto vai supoñer para os veciños do Concello. Van continuar os problemas habituais en episodios de tormentas en zonas como Rego de Foz.
2) TANQUE DE TORMENTAS E BOMBEO DO PEIRAO DE FOZ
As augas fecais continuarán discorrendo ata este depósito que se proxecta no peirao de Foz, a carón da actual depuradora. O proxecto estima que ata 9 veces ao ano en episodios de choivas as augas fecais verterán directamente á Ría de Foz, zona LIC e ZEPA, sen ser bombeadas nin depuradas, o que resulta inadmisible. Non se marca no Anteproxecto o aliviadoiro á Ría, polo que dubidamos de que a tramitación sexa correcta, tal e como aconteceu no ano 2016.
Non se contemplan medidas para evitar o ruído e os cheiros destas instalacións, o que constitúe un dos principais problemas na actualidade, polo que esta problemática podería verse incluso incrementada.
A tubaxe de impulsión discorre por varias rúas do casco histórico de Foz -indican os socialistas- e non se marca posición e cota das conducións e dos servizos que existen actualmente: esta indefinición e falta de estudo podería provocar que o proxecto fose inviable na súa execución.
3) BOMBEOS DA PRAIA DE LLAS
Os bombeos de augas situados fronte á praia de LLas son modificados para mellorar a súa capacidade. Sen embargo, o Anteproxecto contempla que ata en 10 episodios de choivas ao ano no caso de Llas 1 e en 8 episodios de choivas no caso de Llas 2, as augas fecais vertan directamente á praia de Llas sen ningún tipo de depuración. Desde o PSOE de Foz preocúpanos moito a saúde ambiental desta praia e a perda que podería supoñer de distintivos de calidade como a bandeira azul, ao que vén renunciando o actual equipo de goberno e que non ondeou no verán do 2018.
4) NOVA DEPURADORA DE FROXÁN
O Anteproxecto non ten en conta os cheiros da nova EDAR, ata o punto de que non considera o impacto que terá o gas metano e confunde as fases de construción coas de explotación. Desde o PSOE de Foz consideramos -indica Fran Cajoto- que debería contarse coa posibilidade de dispoñer dunha planta de desodorización con tratamentos biolóxicos e carbón activo, e non só un secador de fangos.
Ademais, nunha zona de vivendas como é Froxán non se ten en contacto o impacto do ruídos das instalacións, para o que establecen medidas de escaso calado e para o que sería convinte a insonorización da planta. Tampouco se ten en conta o impacto que terá o tránsito de camións polos camiños actuais, que deberían ser ampliados e mellorados, nin a problemática da presenza de fontes e augas freáticas moi superficiais nas fincas onde se proxecta a nova depuradora.
5) EMISARIO DE PEIZÁS
O documento contempla o vertido das augas depuradas a carón da praia de Peizás, cruzando a tubaxe a zona de estacionamento. O Anteproxecto deseña un emisario mariño para que a carga contaminante se verta dunha forma máis dispersa ante o posible fallo da depuradora. O PSOE de Foz considera que este é un punto moi sensible, xa que a praia de Peizás é unha das máis singulares do Concello e habitual bandeira azul, distinción que podería perder definitivamente ante a nova instalación e empeorarse a calidade das augas de baño. Hai que ter en conta ademais que neste tipo de emisarios son habituais as roturas por temporais mariños, polo que teriamos un vertido directo a escasos metros da praia.
Desde o PSOE consideramos que se está desaproveitando a oportunidade de que Foz conte cunha depuración de augas fecais moderna e eficaz -indica Fran Cajoto- Descoñecemos si o actual alcalde vai presentar alegacións ou se vai mirar para outro lado ao tratarse dun proxecto da Xunta, pero debemos esixir que a inversión sexa realmente positiva e que calquera instalación que se faga arranxe problemas e non xere outros novos.



















A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.
Conta con arredor de 90 expositores provintes de todos os puntos tanto de Galicia coma do resto de España e de varias partes do mundo, que exhibirán as súas pezas de tornería en madeira. Tamén acolle a XVIII edición da Exposición CONtornos. Entre os participantes, destaca a presencia dun expositor provinte da cidade arxentina de Córdoba, así coma outros de Reino Unido, Francia e Portugal. Estímase que ata o domingo se acheguen a esta mostra internacional uns 5.000 visitantes, principalmente provintes de toda Galicia e tamén de Portugal.
O horario será o seguinte: Martes, 20 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas e de 15:15 a 18:00 horas. Mércores, 21 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas. As persoas interesadas poden solicitar cita previa a través do teléfono 981 92 80 80 ou da páxina web
A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



