Neste Día Internacional da Loita Campesiña e á altura do ano 2020, o obxectivo desta celebración cobra máis sentido que nunca. Sendo unha persoa concienciada na ecoloxía e a miña profesión vencellada ao campo e ao cultivo agroecolóxico, dende hai anos que procuro abastecerme de alimentos ecolóxicos de proximidade en pequenas tendas, grupos de consumo, cooperativas e asociacións de labregos, pero durante o confinamento tiven que trocar hábitos de consumo. Coma min, a maioría da poboación urbana e rural foi obrigada a realizar a merca de alimentos frescos en supermercados e hipermercados preto das nosas casas. Polo principio de precaución cumprimos coas medidas, vendo como a calidade de produtos perecedoiros diminuía, minguando día a día a diversidade nos estantes.
Abraiadas vimos coma se penaliza o desprazamento a unha horta para cultivala para autoconsumo a máis de 500 m da vivenda, limitando a posibilidade de autoabastecemento e autoxestión, pilares da seguridade alimentar1 e da economía galega rural e urbana (hortas colectivas municipais).
Noutro extremo da cadea alimentar, ao comezo, están as labregas e labregos. As medidas derivadas do estado de alarma que levaron ao peche a restaurantes, comedores públicos e á cancelación das actividades de venda en mercados de carácter non permanente, puxeron en xaque os ingresos das persoas que traballan no sector agro-gandeiro e, particularmente, ás que comercializan directamente alimentos de primeira necesidade.
Aos poucos, as alternativas ás grandes superficies fóronse definindo e grupos de labregos de proximidade artellaron sistemas de distribución aos domicilios. Con recursos propios e mediante o boca a boca intentan chegar á cidadanía que, en xeral, descoñece como adquirir alimentos por este método de venda directa2.
A Xunta, como solución de última hora (DOGA de 14 de Abril 2020), abriu outra canle alternativa de comercialización, exercendo esta coma intermediaria, entre os produtores (que teñen que xustificar unha redución do 50% das vendas) e ás grandes superficies. A norma prevé desenvolver unha campaña publicitaria e promover o consumo de alimentos de agricultores e gandeiros galegos, e crear unha marca distintiva para a ocasión: “Mercaproximidade”, amáis, de informar na web da Consellería do Medio Rural sobre as entidades que oferten estes produtos nos seus lineais.
ADEGA anima a procurar produto fresco e agroecolóxico
Dende o “Ecoloxismo da Terra”, en ADEGA cremos que a reapertura de mercados locais (como xa acontece noutras comunidades Euskadi) é necesaria para restaurar a economía labrega e garantir o abastecemento da cidadanía de alimentos frescos e de calidade. Que o mantemento das medidas restritivas non está xustificado por motivos de inocuidade alimentaria3. De feito, os mercados de proximidade desenvólvense con menos aglomeracións, case sempre en espazos abertos e teñen unha trazabilidade máis simple, reducen os puntos de risco de contaxio a un só (unha soa ligazón na cadea: da man do labrego/a á man do consumidor/a).
Amáis, todas as persoas labregas que están de alta no SEVEDI4 teñen que cumprir as boas prácticas en Hixiene e Manipulación de Alimentos e tamén o compromiso, como o resto da poboación, para levar a cabo as medidas excepcionais en materia de hixiene que as autoridades competentes consideren (EPIs e distancias de seguridade).
E por que non realizar una campaña através dos medios de comunicación onde se promova o consumo de alimentos frescos galegos de proximidade, e informar a poboación como e onde conseguilos através das canles xa consolidadas de venda directa?
A maioría das persoas labregas que practican a agroecoloxía na Galiza teñen pequenas ou medianas producións e fan a distribución e comercialización através de postos fixos en Prazas de Abastos, pequenas tendas de alimentación ecolóxica ou de alimentos locais e/ou directamente ao consumidor mediante pedidos de cestas que se reparten a domicilio. Estes sistemas permiten obter prezos xustos para o labrego, evitando intermediarios innecesarios e os abusos das grandes superficies, que marcan os prezos con marxes de beneficio moi elevadas e só mercan grandes partidas de produtos con condición moitas veces excesivamente restritivas.
Só desta maneira, garantiríase a regularidade no abastecemento, a frescura e a calidade do produto pola proximidade das hortas aos puntos de venda, reducindo os custes ambientais no transporte e xerando una economía circular resiliente.
Dende ADEGA animámoste a que procures información: moitas labregas da túa contorna están a buscar solucións para a crise e precisan da complicidade e colaboración de persoas que demandamos outro xeito de alimentarnos e de relacionarnos coa contorna, contacta con eles para averiguar que sistema de pedidos e de reparto manteñen.
Lucía Ferreira, vogal de agroecoloxía de ADEGA


















A interrupción do servizo está prevista entre as 8.00 e as 19.00 horas con motivo dos traballos de conexión á nova obra de saneamento que se está a executar na contorna. Trátase dunha intervención necesaria para avanzar na mellora das infraestruturas e dos servizos básicos na zona.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou o carácter participativo da iniciativa, organizada xunto á Xunta e co apoio do Concello. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor o traballo colectivo e a implicación das novas xeracións. O concerto estivo dirixido por Maximino Zumalave, coa formación Hércules Brass e Rosa Aneiros como mantedora. Ademais, anunciouse que a próxima edición estará dedicada a Xosé Neira Vilas.
Trátase dun programa de actividades para a infancia e a mocidade que se desenvolverá en xullo e agosto con propostas educativas, deportivas e culturais pensadas para facilitar a conciliación familiar. A oferta inclúe ludoteca, talleres creativos e tecnolóxicos, deporte, contacontos e eventos comunitarios como o Mercado Infantil Solidario ou o Carnaval de Verano. As inscricións realizaranse do 1 ao 15 de xuño no Concello, con prioridade para menores empadroados. O programa reforza o compromiso municipal co apoio ás familias e cun verán activo e accesible para a mocidade do concello.
A comunidade educativa convida especialmente a antigos alumnos, mestres e familias a participar nesta xornada de reencontros e lembranzas.
A festa incorporou unha mesa doce decorada con temática de faros e unha sesión de coctelería dedicada á elaboración de vermús. As persoas asistentes recibiron ademais un detalle conmemorativo: unha botella de aceite de oliva virxe extra de Oleonavas, en homenaxe ás raíces familiares do propietario. O evento incluíu numerosos sorteos grazas á colaboración de diferentes empresas, con premios como comidas en O Noso Lar, na Bodega de Ana ou no Restaurante Nito, ademais de licores, paletillas e circuítos termais. Para esta ocasión preparouse tamén unha carta especial con táboas de carne e instalouse un mural conmemorativo no local. O establecemento agradeceu a fidelidade da clientela e o apoio da veciñanza ao longo desta década, fundamentais para acadar este aniversario tan significativo.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos. 



