Burela, 4 de xuño, 2020. O pasado 30 de Abril debatíase en pleno a aprobación do Plan Provincial Único, cunha proposta de alcaldía que para os nacionalistas non era útil para paliar a situación xerada polo Covid19, posto que era moi similar ó da anualidade anterior. En verbas do voceiro do BNG, Mario Pillado “conseguimos que se modificase o programa de investimentos, substituíndo a obra da segunda fase da rúa Rosalía de Castro, que cremos pode esperar, por outra da metade de importe e de moita maior urxencia coma da rúa Río Cobo, na que se van arranxar deficiencias que sofre a veciñanza a diario. Con esa diferencia de cartos vanse aumentar os programas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ata os 40.000 euros e o programa creado nesta convocatoria para gastos derivados do Covid19 ata os 83.000 euros. Tamén se reduce a achega do concello ó plan de investimentos ó mínimo que marcan as bases da convocatoria”. Pillado indicou que “desta maneira cremos que se aproveitan de xeito mais eficiente os recursos que chegan da deputación provincial e se vai atender mellor as necesidades da veciñanza na situación de crise actual”.
Os orzamentos municipais incluirán este Plan Único para ampliar as políticas sociais.
O plan único engádese ós orzamentos municipais, que para os nacionalistas presentan luces e sombras. Para o voceiro nacionalista “son uns orzamentos que, tralo análise pormenorizado feito, nos deixan unha sensación agridoce. Cremos que existe moita incerteza para valorar o orzamentado pola situación derivada da pandemia; non se inclúe aínda a nova RPT, posto que non se aprobou aínda, co cal non se pode mellorala situación laboral dos traballadores municipais, tampouco se mellora a situación laboral na Escola de Música e nin sequera recibimos resposta ás nosas preguntas por escrito sobre o tema, non hai previsión sobre o servizo de socorrismo, a ocioteca ou os cursos do CIM nin observamos planificación nin previsión a nivel urbanístico en canto a humanización, mobilidade e seguridade viaria como vimos demandando…”.
No entanto, Mario Pillado valora que “se aumenta a área de gasto 2 de política social, nuns 280.000 euros, tamén se incrementa a área 4 no referente ó tecido comercial nuns 20.000 euros. Estes incrementos poden ir a mais de se incorporar no orzamento o superávit de 2019. Nos últimos anos víñamos reclamando que se axustara a área de gasto 1 referente a servizos públicos para poder destinar mais fondos a políticas sociais, de emprego e a nivel comercial. Tivo que vir unha pandemia para que se axustara o orzamento municipal e se nos dera a razón”. Continuou o voceiro nacionalista dicindo que “evidentemente tamén valoramos de forma positiva a inclusión deste Plan Único beneficioso para a veciñanza. En coherencia con toda a valoración que facemos cremos que o mais correcto é a abstención”.
As administracións esquecen Burela e iso acábao pagando a veciñanza.
Despois de analizar os orzamentos de ingresos o voceiro do BNG sinala que “a suma de impostos directos, indirectos e taxas vaise case ó 60% do orzamento, experimentando un aumento de 142.000 euros, 260.000 nos últimos dous anos. En canto as transferencias correntes doutras administracións obsérvase unha redución significativa nos últimos anos. En concreto a Xunta e o Estado reducen a súa achega ó concello en 273.000 con respecto ó ano anterior, 448.000 euros nos dous últimos anos. Isto significa que mentres as administracións esquecen e discriminan a Burela a veciñanza ten que pagar esa situación do seu peto, vía impostos. É curioso que logo na prensa vemos anuncios de grandes inversións e fondos para a vila, pero a realidade e que seguimos agardando por obras tan importantes coma o pavillón polideportivo ou, sobre todo, a EDAR, que xa leva moitos anos de atraso”
Para finalizar o voceiro do bloque, Mario Pillado concluíu que “como solicitamos vía moción, a derogación da Lei de Estabilidade orzamentaria e Sostibilidade financeira liberaría os remanentes municipais, que serían de moita utilidade para facer fronte á crise que comezamos a padecer. Xa que as administracións non cumpren con Burela, polo menos que permitan que empreguemos os nosos recursos”.




















A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.



