Lugo, 14 de xuño de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, felicitou aos usuarios e usuarias, traballadores e familias do Centro de Atención a Maiores que a institución ten en Ribadeo polo primeiro aniversario da apertura da residencia.
José Tomé fíxolles chegar un vídeo no que lles manda mensaxes de alento e os felicita por este ano que acaban de cumprir. “Aínda que a situación provocada pola pandemia xa mellorou, as circunstancias seguen sen ser as que desexaríamos para pasar este día de festa. Hoxe gustaríame estar aí con vós, ao voso lado, falando e conversando xuntos como fixemos xa nalgunha ocasión antes de que chegara a crise do coronavirus. Xa queda menos para volver á normalidade e seguro que pronto poderemos volver a estar xuntos. Vós vivistes momentos difíciles nas vosas vidas e estou convencido de que pronto superaremos tamén esta dura etapa que nos está tocando vivir agora”.
O Presidente deulles ademais a noraboa tanto aos residentes como ao persoal polo resultado negativo das probas de detección da Covid-19. “Hoxe é un día importante no que podemos estar contentos polo primeiro aniversario do centro, pero tamén porque o resultado das probas do coronavirus deron negativas. É o gran resultado dun esforzo conxunto, voso e das persoas que vos coidan. Isto non nos pode permitir baixar a garda, pero si nos permite coller máis forza para seguir sendo disciplinados e cumprindo cos protocolos como ata o de agora. Estádelo facendo moi ben”.
Tomé Roca destacou o traballo de todas as persoas que prestan atencións nesta e nas outras residencias de maiores de titularidade provincial: “Parabéns polo voso labor, pola vosa entrega e pola calidade das atencións que lle dades aos nosos maiores. Estades coidando a quen nos coidou a nós, e estádelo facendo con toda a vosa profesionalidade e todo o voso agarimo, e iso é o noso maior orgullo. Na Deputación queremos que as persoas que viven nos nosos centros o fagan da forma máis parecida ás súas casas. Vós xogades un papel fundamental neste obxectivo e, polo que sei de primeira man, conseguídelo cada día. Coidádevos tamén moito vós. Apoiádevos nas vosas familias e amigos porque teñen que estar moi orgullosos tamén pola vosa dedicación constante e impecable”.
Unha xornada de celebración
As 40 persoas que residen no Centro de Atención a Maiores de Ribadeo arrancaron a xornada cun pregón que deu a directora do centro, Carmen Rubiños, con motivo deste primeiro aniversario. Durante a mañá realizaron un paseo con photocall, tomaron un aperitivo e participaron en varios xogos que o persoal do centro deseñou de maneira especial para este día.
Este domingo serviuse un menú especial, composto por croquetas de marisco, carrilleiras e tiramisú de sobremesa. Xa pola tarde, proxectáronse os diferentes vídeos de felicitación que chegaron ao centro, entre elas a mencionada do Presidente, e participaron nun bingo e nunha xincana todos xuntos. A festa rematou con música e baile para os máis animados.
“Esta pequena festa fai que deste día unha xornada especial, diferente ás outras, e provoca moita alegría para os nosos maiores porque saen da rutina, como nos pasa a todos, pero a eles se cadra máis porque veñen duns meses de confinamento absoluto, non podemos esquecer que só hai uns días que comezaron a ver aos seus familiares”, José Tomé.
O Presidente da Deputación fixo un balance positivo deste primeiro ano de funcionamento do Centro de Atención a Maiores de Ribadeo. “Hai un par de meses tamén celebrábamos o primeiro aniversario do centro de Trabada e reitero as palabras que dixen aquel día porque é a mesma casuística e eu comprobeino en primeira persoa. Vemos as persoas contentas, ben atendidas e que conviven coma se fosen unha familia”, explica Tomé.
A Deputación, coa súa rede de centros de maiores situados nos concellos de Ribadeo, Pol, A Fonsagrada e Trabada, facilita que “cada persoa poda permanecer no lugar no que fixo a súa vida, convivindo cos seus veciños e veciñas e ser atendido por persoal que na súa maioría é da súa zona e mesmo coñecen”, asegurou.




















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.



