Lugo, 15 de xuño de 2020. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, deu inicio este luns á cuarta sesión dos foros online Abrindo as portas: o rexurdir do turismo que puxo en marcha a Deputación no marco da campaña EN LUGO, SI, dirixida a impulsar o tecido económico e os sectores produtivos da provincia. Neste encontro, no que participaron representantes de asociacións profesionais do turismo, vencelladas ao aloxamento e ao comercio, manifestaron sentir unha actitude positiva cara a nova temporada de verán que está a piques de comezar. Consideran que agosto e setembro serán meses con boas cifras de ocupación para a provincia de Lugo e poñen o foco nas novas oportunidades que se xeran para o territorio lucense como lugar seguro e sen masificacións.
Xunto a Pilar García Porto, no foro, que se retransmitiu en directo a través da canle de Youtube dos Servizos Audiovisuais da Deputación, interviñeron a presidenta da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, Dulcinea Aquín; o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor; o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas; o representante da Federación Galega de Turismo Rural, Francisco Xabier Almuíña, e a presidenta da Asociación de Profesionais do Turismo de Galicia, Fátima Cachafeiro.
García Porto comezou a súa intervención poñendo en común os puntos de encontro que se abordaron con outros representantes do sector neste mesmo espazo de diálogo. “Para a reactivación do sector a curto e medio prazo é preciso transmitir garantías sanitarias tanto para as persoas que traballan coma para as que nos visitan, tamén a profesionalización do sector e establecer unha rede de colaboración pública-privada que axude a coordinar accións de promoción para poñer en valor a diversidade da nosa oferta turística”, subliñou.
Unha idea que foi respaldada polos representantes no foro deste luns, que coincidiron na relevancia de traballar conxuntamente para sentar as bases do novo escenario que se abre para o sector post-Covid-19. No caso da asociación de Vivendas Turísticas, Dulcinea Aquín puxo riba da mesa que a desestacionalización do turismo é un aspecto co que xa veñen traballando dende hai tempo e que permite manter a actividade durante todo o ano. “Creo que Galicia e Lugo, en particular, é unha oportunidade no panorama actual. A xente está manifestando que quere saír de viaxe e quere ir a lugares onde se garanta a saúde psicolóxica e mental, e esta provincia ten moito que achegar nese aspecto”, subliñou. Dulcinea Aquín engadiu que “temos expectativas de que podemos salvar a temporada, xullo está máis frouxo en canto a reservas por agora, pero en agosto temos case todo completo, percibimos que as estadías serán máis longas este ano e no canto de reservar por 4 ou 5 días a intención é quedar sobre 10 ou 15 días no mesmo sitio, cremos que para non ter que desprazarse”.
Na mesma liña da desestacionalización falou o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor. “Somos o primeiro destino termal de España, traballamos todo o ano de maneira constante, pero agora levamos 3 meses pechados e vemos necesario que todas as administracións establezan colaboracións para axudar á nosa reactivación como lugar seguro. Precisamos axudas de financiación porque só abriron dous balnearios e non contamos abrir a totalidade de balnearios ata comezos de xullo”.
Os que comezaron xa a recibir os primeiros clientes foron os aloxamentos rurais. Así o explicou Francisco Xabier Almuíña, representante da Federación Galega do Turismo Rural. “A xente vén concienciada, o turismo rural xa viña traballando cuns niveis de profesionalidade e de calidade moi bos e somos un modelo a seguir pola nosa forma de entender a forma de viaxar”, explicou. “Non só somos un lugar no que hospedarnos, achegamos un valor engadido coas experiencias, un modelo de vida tranquilo, saudable e que traballa polo desenvolvemento do rural”. Almuíña puxo o foco na dixitalización e na importancia de mellorar as conexións da rede e a formación dixital para que as reservas, os pagamentos e a comunicación coa clientela sexan máis fluídas, un aspecto que mellorará a calidade do servizo.
José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio, incidiu non só en ofrecer as garantías sanitarias, senón na relevancia de, a través delas, recuperar a confianza na cidadanía. Amosou, ademais, a súa preocupación polos negocios de proximidade que teñen mercadorías perecedoiras, coma o téxtil ou o calzado. “É estacional, os comerciantes xa o tiñan nos negocios e o ano que vén a moda é outra, temos que seguir traballando para que a sociedade se conciencie de que as vilas sen tendas perden a vida, e os comerciantes teñen que ver a venda online e as redes sociais como oportunidades, non coma desafíos”. Seijas puxo tamén o foco no período de rebaixas, un novo reto que, dixo, cómpre planificar ben para poder desenvolvelo sen problemas de aglomeracións e primando as medidas de seguridade que teñen implantadas.
Fátima Cachafeiro, da Asociación de Profesionais do Turismo de Galicia, trasladou a capacidade do sector de adaptarse ás novas situacións. “Vemos positivismo logo de meses de incerteza, os nosos asociados están formándose para encarar esta nova etapa reforzando aqueles aspectos que son necesarios”. Ademais, trasladou o resultado dunha enquisa que realizaron entre os asociados, onde as conclusións pasaban por reforzar a colaboración, loitar contra o intrusísimo e apostar polas novas tecnoloxías, entre outras.
Novas xornadas
A través desta programación, a Deputación pretende crear un espazo de debate, de intercambio de opinións e de análise para abordar a reactivación turística da provincia. As xornadas Abrindo as portas: o rexurdir do turismo son unha das accións da campaña EN LUGO, SI que promove a institución provincial para impulsar o tecido económico provincial na desescalada. Pretenden contribuír a incorporar ferramentas e dinámicas que sirvan para reforzar os valores e fortalezas da provincia de Lugo como destino turístico e para afrontar con garantías a chegada de visitantes neste verán.
O último encontro de turismo online será este mércores, ás 11:00 horas, e contará coa participación da Deputada de Turismo. Baixo o título Traballando por unha hostalería segura, neste espazo de debate intervirán representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL), da organización Hostalería de España e da Horeca Data e Proyecto Hostelería Segura.




















Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



