A Mariña, 7 de setembro de 2020. Desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense fan unha valoración moi positiva da visita realizada esta fin de semana por un grupo de bloggers gastronómicos e de viaxes, aos que lles mostraron algunhas das moitas posibilidades que a comarca lle ofrece ao turista.
Os asistentes quedaron moi sorprendidos e contentos coas diferentes propostas, que cualificaron de orixinais e diferentes, destacando especialmente a hospitalidade mostrada polos diferentes anfitrións cos que se foron atopando ao longo da fin de semana. Algo que remarcaron de xeito especial. En canto ás visitas, sorprendeulles a cantidade, diversidade e calidade de experiencias en torno aos distintos recursos culturais e naturais que existen e descoñecían. Algúns deles, afirmaron que tiñan pensado volver con mais tempo e calma para dedicar varios días a coñecer en profundidade a comarca. Outros, aproveitaron para alongar algún día mais a súa estancia e achegarse a outros puntos coma o Monumento Natural da Praia de As Catedrais, a Illa Pancha e Ribadeo. Gastronómicamente falando tamén lles sorprendeu a variedade e calidade de produtos, con moita historia para contar en torno a eles, variedade que non é fácil de atopar en todos os territorios e as enormes posibilidades a desenvolver. Durante o cociñado, os asistentes puideron sentirse por un momento na cociña de calquera mariñán. Para moitos deles, esta fin de semana na Mariña Lucense cualificárona como días de redescubrimento, tanto gastronómico coma patrimonial.
Dende a Mancomunidade móstranse contentos “pola boa acollida e cobertura dos asistentes ás actividades propostas e considérase que, con esta acción e en moi pouco tempo, conseguiuse mostrar aos blogueiros algunhas das moitas posibilidades que existen na Mariña Lucense para viaxar en calquera época do ano en torno ao seu patrimonio tanto cultural coma natural e gastronómico, ademais da hospitalidade e bo servizo, tan característica deste territorio, que a xente tanto valora e que debemos coidar. Esta actuación enmárcase dentro da estratexia que dende a Mancomunidade se sigue co obxectivo de diversificar e desestacionalizar a actividade turística en base a un turismo slow e sostible”.
O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Fran Cajoto, recibiu o sábado en Barreiros (no hotel-restaurante Rías Altas) a este grupo de bloggers gastronómicos e de viaxes, que pasaron a fin de semana na comarca.
Xantar de vagar en terras da Mariña é o nome que recibiu a xornada do sábado e que se enmarca dentro dun proxecto organizado por Slow Food Compostela para AGACAL (Axencia Galega de Calidade Alimentaria) chamado Come Local. Neste proxecto realizan diferentes actuacións para poñer en valor os alimentos certificados de calidade, DOPs, IGPs e Ecos e entre elas atópanse 4 eventos gastronómicos en cada unha das provincias galegas.
O primeiro evento ao que foron invitados tivo lugar na provincia de Lugo o pasado sábado, entre Barreiros e Lourenzá. No hotel-restaurante Rías Altas tivo lugar a recepción ofrecida pola Mancomunidade. O seu presidente, Fran Cajoto, aludiu “á riqueza cultural, paisaxística e gastronómica desta comarca, que agardamos que vos sorprenda, que vos guste e que llo trasladades a todos os vosos e vosas seguidores. A Mariña é unha comarca para visitar ao longo de todo o ano e aquí estaremos encantados de recibir a todas as persoas que se acheguen a coñecer este territorio”.
Ao xantar os asistentes degustaron Faba de Lourenzá, acompañada de cordeiro ecolóxico Km0. Logo coñeceron a leguminosa mais en profundidade facendo unha versión reducida e adaptada ao tempo dispoñible da Ruta da Faba. Pola tarde visitaron o Centro de Interpretación da Faba, o Mosteiro de San Salvador, percorreron unha parte da Ruta do Val ata o Muíño do Pereiro con visita ás plantacións desta leguminosa, ao Pazo de Tovar e á Cooperativa Terras da Mariña cunha demostración do procesado final da Faba.
A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense colaborou con este evento alongando a estancia dos bloggers asistentes no xeodestino nalgúns dos aloxamentos participantes no proxecto Turismo Slow Norte de Galicia. Para onte domingo foron organizadas varias actividades. Os bloggers participaron nunha visita guiada á Basílica de San Martiño; asistiron a unha sesión de Ecogastronomía da Mariña, a cargo de Lucas Requejo, que cociñou 3 elaboracións co obxectivo de mostrarllas aos blogueiros a cociña do mar, da costa da Mariña Lucense, en combinación con produtos da terra, apostando por toques tradicionais e innovadores a un tempo; coñeceron a Cova do Rei Cintolo e visitaron o barco museo Reina del Carmen.
Segundo explican desde a Mancomunidade “o obxectivo das actividades propostas foi a posta en valor da variedade e riqueza dos produtos e da gastronomía local e a diversidade e singularidade dos recursos existentes na comarca, xa que en moi pouco espazo territorial pódese desfrutar de recursos con características totalmente diferentes e moi interesantes”.
























O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
López agradeceu á Academia Galega do Audiovisual por escoller Lugo e destacou a importancia do evento para visibilizar o talento local e o apoio provincial ao sector. A gala contou cunha ampla representación lucense: Nuno Pico e Xaime Miranda polo videoclip Antes fun moi malo; Fran Fórneas e Sergio Marey por Ferido do Xoán; Sabela Ramil e Andrea Mesa por Non cho podo dar; o dúo Fillas de Cassandra; e o burelés Breixo Llano, do equipo de Cos pés na terra. Ademais, a película Sirāt, do naviego Oliver Laxe, foi unha das grandes favoritas con 14
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



