Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2021. O conselleiro do Medio Rural, José González, defendeu hoxe, no seo do Consejo Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios -no que participou por videoconferencia-, a postura de Galicia -compartida polo resto de comunidades autónomas da Cornixa Cantábrica- cara o desenvolvemento da futura PAC 2023-2027. Así, González lembrou que onte mesmo Asturias, Cantabria e País Vasco, xunto con Galicia, asinaron un documento conxunto que enviaron ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación no que esixen ao Goberno Central que contemple as particularidades dos seus territorios e explotacións na execución destas políticas comunitarias dentro de España. Na reunión, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, valorou positivamente esta proposta, polo seu “carácter construtivo”.
O conselleiro de Medio Rural reiterou neste encontro de traballo que as explotacións da Cornixa Cantábrica se definen polo seu tamaño pequeno ou mediando, así como polo seu carácter profesional, pero fundamentalmente familiar. Tamén, por unha orientación produtiva marcadamente gandeira, cara sectores coma o lácteo ou o cárnico, polo que cómpre -dixo- que o Plan Estratéxico nacional da futura PAC apoie e recoñeza ese modelo de explotación familiar agraria sustentable.
Neste sentido, en relación cos pagos directos, José González instou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a corrixir o desequilibrio que supón para as comunidades do Cantábrico ter unha porcentaxe de superficie con dereitos de pago da PAC moi inferior á media española. Cómpre, engadiu, tomar esta medida como paso previo a unha eventual transición cara un sistema de pago por superficie, para non prexudicar máis aos territorios do norte de España.
Na mesma liña, Galicia -e as demais comunidades cantábricas- rexeitan que se propoña a incorporación das superficies de viñedo, froitas e hortalizas -ata agora excluídas e nas que a zona mediterránea resulta claramente beneficiada-, e ao mesmo tempo se dificulte a entrada de superficies doutros usos ou sistemas produtivos (como os pastos arbustivos). En parecidos termos, sobre estas axudas directas ás rendas, as catro autonomías demandan unha especial atención ás diferentes realidades existentes dentro do Estado no plano agronómico e socioeconómico, tanto no que atinxe ás dimensións económicas das explotacións como ás diversas orientacións produtivas de cada territorio.
En relación coas axudas acopladas (asociadas aos diferentes sectores), estas comunidades consideran prioritario que se manteñan para os de vacún de leite, de carne e de ovino-caprino cunha dotación cando menos semellante ao período 2014-2020 da PAC. Con respecto ao capping (límite de axudas), deféndese mantelo nos 60.000 euros por explotación, co fin de favorecer ás pequenas e medianas granxas propias do norte peninsular, e vese con preocupación que estes mecanismos pasen a ser voluntarios para os países e non de obrigado cumprimento.
Sobre a definición de agricultor xenuíno, deféndese o establecemento dunha porcentaxe mínima, que se propón do 30%, dos ingresos agrarios sobre os totais, agás para os afiliados á Seguridade Social como traballadores por conta propia no sector agrario, para non prexudicar os pequenos agricultores da Cornixa Cantábrica.
Con respecto ao pago redistributivo, as catro comunidades non comparten que a súa aplicación deixe de ser obrigatoria para facerse voluntaria e reclaman ao tempo un orzamento “ambicioso”, cun maior pago ás primeiras hectáreas. Esta medida tería como finalidade beneficiar ás pequenas explotacións e a aquelas cunha dependencia significativa dos ingresos agrarios, sempre dando prioridade aos agricultores profesionais.
Atención á España húmida
Sobre a nova liña de axudas comunitarias que priman a sustentabilidade ambiental (coñecidas como “ecoesquemas”), os territorios do Cantábrico apoian que se destine a estas achegas o 20% do montante dispoñible para pagos directos. Pero, ao tempo, lamentan que os ecoesquemas propostos polo MAPA aborden problemáticas e realidades produtivas características, principalmente, do centro e sur peninsulares, quedando a España húmida moito máis desatendida. Reclaman, por iso, entre outras cuestións, a modificación das propostas do Ministerio e a introdución doutros ecoesquemas adicionais, para atender a súa realidade. A maiores, defenden contemplar, de modo transversal, melloras como un complemento vinculado á prevención de incendios.
Por último, en relación co segundo piar da PAC, o do desenvolvemento rural, a aposta das comunidades cantábricas céntrase nun reparto equilibrado dos fondos entre os territorios, “dando voz” de xeito efectivo ás distintas autonomías á hora de definir as prioridades de actuación, en función da realidade e necesidades específicas do seu medio rural.










López agradeceu á Academia Galega do Audiovisual por escoller Lugo e destacou a importancia do evento para visibilizar o talento local e o apoio provincial ao sector. A gala contou cunha ampla representación lucense: Nuno Pico e Xaime Miranda polo videoclip Antes fun moi malo; Fran Fórneas e Sergio Marey por Ferido do Xoán; Sabela Ramil e Andrea Mesa por Non cho podo dar; o dúo Fillas de Cassandra; e o burelés Breixo Llano, do equipo de Cos pés na terra. Ademais, a película Sirāt, do naviego Oliver Laxe, foi unha das grandes favoritas con 14
A proposta combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos. As entradas, cun prezo de 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes do inicio. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
O presidente, José Luis Sáez, agradeceu o apoio da empresa, clave para reforzar os equipos nesta segunda volta e garantir a continuidade da entidade, que segue loitando pola permanencia en Primeira División Iberdrola e Segunda División.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



