Lugo, 29 de xaneiro de 2021. A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro presentou esta mañá a programación ilustrarNÓS, que inclúe diferentes actividades arredor da ilustración e das artes gráficas en centros educativos da provincia.
Tomando como punto de partida o Día da Ilustración, que se celebra o 30 de xaneiro coincidindo co aniversario do nacemento de Castelao, a área de Cultura desenvolverá un catálogo de propostas coas que pretende ampliar o coñecemento desta expresión artística, das súas técnicas e creadores e creadoras, e fomentar a creatividade.
A programación inclúe unha vintena de obradoiros, charlas e intervencións artísticas en centros educativos da provincia e un certame escolar, aberto á participación de alumnado de primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos.
Maite Ferreiro sinalou que “por primeira vez desenvolvemos desde a área de Cultura unha programación que pon o foco na ilustración e facémolo de man dos centros educativos porque consideramos que se trata dunha expresión artística que conecta moi ben co público novo, pola súa conexión co mundo editorial pero tamén coa animación, cos videoxogos, co cinema ou coa arte urbana”, explicou.
“Propoñemos aos centros educativos distintas formas de participar nesta iniciativa, que pretende mergullar o alumnado na arte da ilustración, e tamén para poñer en valor a obra de creadores e creadoras galegas deste eido, comezando por Lola Díaz Baliño, a quen se dedica este ano o Día da Ilustración, e por Castelao, que inspirou a celebración desta efeméride desde 2014”.
I Certame IlustrarNós
Co interese de difundir a obra de Castelao, fomentar a creatividade a través da Ilustración e descubrir novos valores, o convocarase o I Certame de Ilustración ilustrarNÓS, dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria, 1º e 2º de ESO, 3º e 4º de ESO e Bacharelato e Ciclos Formativos dos centros educativos da provincia de Lugo.
Como punto de partida para os traballos, ofreceranse citas de Castelao que o alumnado terá que interpretar e plasmar nunha ilustración.Un xurado formado por profesorado da Escola de Artes Ramón Falcón de Lugo e do Máster de Libro Ilustrado e Cinema de Animación da Universidade de Vigo e por profesionais da ilustración de recoñecida traxectoria seleccionará os mellores traballos.
A dotación do premio consistirá en catro lotes (un por categoría) composto por material gráfico e tecnolóxico relacionado co mundo do deseño e a ilustración.
Obradoiros e charlas
Os centros educativos tamén acollerán nos vindeiros meses diferentes actividades relacionadas co mundo do deseño e a ilustración, pensadas para alumnado de diferentes niveis.
As actividades nos centros de Primaria correrán a cargo de “Polo Correo do Vento”, colectivo cunha amplísima traxectoria, especializado en actividades pensadas para o público máis novo co fin de promover a expresión artística e o desenvolvemento da creatividade, así como a lectura e a comprensión oral en galego.
A ilustradora Beatriz Lema visitará os centros de secundaria para falar do proceso creativo e o oficio de ilustrar desde a súa perspectiva profesional e dirixirá un encontro-obradoiro na Escola Ramón Falcón. A escola de arte lucense tamén acollerá unha charla-taller a cargo da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).
Intervencións artísticas
A axenda de ilustrarNÓS completarase cunha ducia de intervencións en centros de primaria e secundaria, a cargo de ilustradoras, muralistas e deseñadores que deixarán a súa pegada en espazos habilitados nos centros que queiran sumarse á iniciativa. Os murais remitirán á figura e obra de Castelao ou da debuxante e pintora Lolita Díaz Baliño, a quen se dedica o Día da Ilustración 2021.
Maite Ferreiro explicou que “estamos en contacto cos centros educativos e coas asociacións de nais e pais para definir os espazos máis axeitados para estes murais, que cremos que son, como o resto das actividades, un bo recurso para traballar sobre a arte e a imaxe, e tamén sobre artistas que amosaron a súa creatividade en distintos formatos e cuxa obra cómpre lembrar como referente para os novos creadores e creadoras”.
Calendarios e formatos abertos
A vicepresidenta sinalou que “a pandemia obrigaranos a traballar nos vindeiros meses en condicións diferentes das que nos gustaría, en grupos reducidos, con calendarios abertos, e formatos en liña, se a situación sanitaria o require, pero cremos que a creación artística non poden perder terreo, senón gañalo, por iso convidamos aos centros educativos a participar desta programación, que propoñemos este ano con vontade de darlle continuidade nos vindeiros”, concluíu.
Día da Ilustración
O Día da Ilustración celébrase desde 2014 cada 30 de xaneiro. A efeméride coincide co aniversario do nacemento de Castelao quen, como creador e divulgador, deixou a súa pegada plasmada en numerosas ilustracións, caricaturas e escritos, converténdose en cabeceira dunha grande lista de artistas que a ilustración galega foi dando ao longo do tempo.
Desde 2017, o Día da Ilustración dedícase a homenaxear artistas que amosaron a súa creatividade en distintos formatos e cuxa obra cómpre lembrar. Este ano, a protagonista da efeméride é a debuxante e pintora Lolita Díaz Baliño (A Coruña,1905-1963), que abríu camiño para moitas artistas que viñeron despois. Foi xunto a Carme Corredoyra a primeira muller en ingresar como académica na Real Academia Galega de Belas Artes, en febreiro de 1938.



















Ocorreu pasadas as 15:30 horas. Un traballador tivo que ser evacuado ao hospital logo de caerlle o tronco dunha árbore enriba mentres realizaba tarefas no monte en Cervo. Aínda que estaba liberado e consciente, precisaba asistencia sanitaria. Os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 trasladárono finalmente ao Hospital de Burela. Neste operativo tamén participaron a Garda Civil e a Policía Local de Cervo.
Subliñou o traballo colectivo, o papel do voluntariado e a participación de arredor de mil corredores. Tamén puxo en valor o impacto económico e social da proba e o apoio institucional que permite o seu crecemento, incluída a difusión en streaming que levou a CAMOVI e a Viveiro a todo o mundo.
O presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou o bo tempo e o reencontro do grupo nun percorrido de 22 km entre Pedrafita e Triacastela. A próxima etapa será o 1 de maio, entre Triacastela e Sarria, e xa está aberta a inscrición no teléfono 623 22 68 25.
Ás doce en punto, tres foguetes —un por cada palabra do nome oficial— foron lanzados desde O Castrodouro, capital histórica do termo municipal e orixe da localidade, pois alí, hai 806 anos, Afonso IX concedeu o título de vila e todo un distrito que administrar; episodio histórico do que deriva o nome do concello. Os veciños reunidos mostraron a súa satisfacción pola recuperación da denominación histórica, afirmando moitos deles que nunca deixaran de empregar o nome completo. Do mesmo xeito, os maiores agradeceron aos impulsores da iniciativa a restitución do topónimo que a historia legou ao municipio alfocés.
Viveiro, 20 de abril, 2026. A proba volveu converter Viveiro nun punto destacado do deporte e da convivencia, ademais de supoñer un impulso económico para o municipio. María Loureiro destacou que a Camovi “é un exemplo de colaboración e esforzo colectivo, que sitúa Viveiro no mapa e dinamiza a economía local”. O Partido Socialista lembra o seu apoio histórico á carreira e reafirma o seu compromiso para seguir contribuíndo ao seu crecemento. O PSOE agradece tamén á veciñanza a súa acollida e implicación, fundamentais para que o evento continúe medrando ano tras ano.
Castro destacou o labor da Asociación e o potencial da tradición do ferro como motor económico, social e cultural para Riotorto, subliñando a importancia de impulsar iniciativas que garantan futuro para estes oficios. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa entidade, cunha achega de 14.000 euros. No marco deste apoio, a Asociación avanzou na documentación dos oficios do ferro, catalogando ferramentas, técnicas e a historia das antigas “ferrerías de monte”.
O responsable provincial destacou "o traballo realizado pola organización ao longo destes anos para consolidar unha proba deportiva de primeiro nivel, que atrae tanto deportistas do máximo nivel competitivo como participación popular"



