Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2021. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, compareceu hoxe no Parlamento para dar conta dos efectos que pode ter na pesca a saída do Reino Unido da UE e das actuacións da Xunta ante esta situación. Nesta liña a titular de Mar explicou que Galicia está a trazar unha folla de ruta a longo prazo para defender os intereses marítimo-pesqueiros ante o impacto do brexit. Este labor, especificou Rosa Quintana, estase a realizar no marco do grupo de traballo creado no Consello Galego de Pesca para tal fin e baixo dúas cuestións fundamentais, que son a unidade co sector e a rigorosidade dos argumentos da comunidade autónoma.
Segundo explicou Rosa Quintana, o obxectivo desta tarefa é “mellorar a situación da pesca galega no contexto europeo, tanto en posibilidades de captura coma de mercado” e o primeiro paso reside na fixación de Totais Admisibles de Captura e cotas para as especies compartidas co Reino Unido.
Neste sentido, a titular de Mar lembrou que Galicia considera o acordo do brexit moi negativo tanto a curto como a medio e longo prazo para o sector, pois como consecuencia del o Executivo comunitario cedeu ao Reino Unido o 25% das posibilidades de pesca europeas a cambio do acceso ás augas británicas durante só cinco anos e medio. A isto súmase que a frota galega competirá coa británica en desigualdade de condicións pois os buques do Reino Unido non estarán sometidos á Política Pesqueira Común, moi esixente en termos ambientais. Deste xeito, subliñou a titular de Mar, “Galicia ve como a pesca é de novo empregada como moeda de cambio en Europa, trala entrada na UE”.
Dentro da negociación das posibilidades de pesca en augas compartidas co Reino Unido, engadiu a titular de Mar, “hai que pensar na situación que se pode producir unha vez finalizado o período transitorio de cinco anos e medio que prevé o acordo en materia de pesca e non precipitarse”. Con esta premisa, o grupo creado no seo do Consello Galego de Pesca está a traballar de xeito activo e del xa xurdiron algunhas propostas. Entre elas, explicou a conselleira, a elaboración, coa colaboración do sector, dun estudo sobre o impacto económico da posible perda de intercambios de cota cos países máis afectados polo recorte de posibilidades de pesca no acordo do brexit.
Outras das propostas realizadas por este equipo son o desenvolvemento de encontros con rexións costeiras atlánticas de intereses coincidentes con Galicia e a elaboración, en colaboración coa Alianza Pesqueira Europea, dunha terceira carta de apoio á frota europea tras o acordo.
Ademais, o grupo propón o desenvolvemento dunha liña de emenda do regulamento do Fondo de Axuste do Brexit (BAR) dentro do Comité das Rexións e da Asemblea do Arco Atlántico. En relación a este asunto hai que lembrar que nas notas feitas públicas pola Comisión Europea sobre esta ferramenta establécese unha prioridade para o acceso ás axudas daquelas actividades que sofren un impacto directo. Neste caso, Galicia defende que se teña en conta tamén o impacto indirecto que supón o acordo do brexit, pois ademais de cotas, tamén se perden posibilidades de realizar intercambios con elas entre distintos países, o que axudaba a facer rendibles as frotas que faenan en augas da Unión Europea.
Por outra banda, a conselleira fixo fincapé na importancia de contar co apoio e as achegas do Parlamento Galego, dos expertos e do sector neste camiño de defensa dos intereses do mar de Galicia.
Pasos de Galicia despois do acordo
Rosa Quintana tamén repasou na súa comparecencia os pasos dados por Galicia desde que a UE e Reino Unido acadaron o acordo do brexit, o 24 de decembro de 2020. Entre estas xestións están as reunións que mantivo a conselleira do Mar o 26 e 27 de decembro cos representantes en Galicia da Alianza Pesqueira Europea (EUFA) e do sector pesqueiro galego afectado para avaliar o acordo.
Nestes encontros acordouse encargar dous informes sobre a incidencia do resultado das negociacións do brexit no sector, un de carácter técnico-administrativo e centrado no impacto que terá na actividade extractiva e na comercialización dos produtos pesqueiros e outro sobre as súas implicacións xurídicas. Estes informes foron presentados ao Consello Galego de Pesca o 20 de febreiro e guiarán a estratexia de Galicia para facer fronte aos efectos do acordo.
Ademais, a Xunta informou da estratexia de Galicia aos deputados españois da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo e pediu a súa colaboración co obxectivo de coñecer a letra pequena do acordo.
Ao mesmo tempo, a Xunta xa solicitou unha reunión coa directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG Mare) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, e co presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Pierre Karleskind, para trasladarlle o impacto que o acordo ten en Galicia e os informes presentados no Pleno do Consello Galego de Pesca. A maiores, no ámbito europeo, Galicia xa está a traballar co Comité das Rexións e coas comunidades e rexións do Arco Atlántico na busca de aliados para avaliar e reconducir esta situación, posto que a clave está en seguir actuando unidos no seo da Unión Europea.
A isto súmase a carta enviada o 28 de decembro polo presidente da Xunta ao presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, demandando a presenza de Galicia dentro da delegación española que participe nas negociacións das cotas de pesca co Reino Unido. Galicia insistiu tamén nesta cuestión no encontro que mantiveron ambos presidentes a finais de xaneiro. Todas estas accións súmanse ás realizadas por Galicia desde que se coñeceu o resultado do referendo sobre a saída do Reino Unido da UE, en xuño de 2016.





















A concelleira de Cultura, Ana Cartelle, destacou que “es un privilegio para Ortigueira contar con una formación de la talla de Qvinta Essençia”, e subliñou que o concerto ofrece “una oportunidad única para disfrutar de una música que en su día fue la vanguardia de las cortes europeas”. O recital propón unha viaxe pola lírica e a música do Renacemento, con obras de Guerrero, Morales ou Vázquez e textos de Garcilaso, Boscán ou Lope de Vega.
Actuarán Carlos Ares, Celia Becks, Futuro Alcalde e Alcalá Norte, e o sábado será a quenda de La M.O.D.A., Ángel Stanich, Puño Dragón e Repion. López destacou o impacto económico do festival, cun retorno estimado dun millón de euros, mentres que Rouco subliñou a súa importancia turística e a achega municipal de 120.000 €.
O evento celebrarase este sábado 25, de abril, na capital lucense. Durante a xornada matinal, o alumnado asistirá a clases impartidas por profesionais de distintas disciplinas, tanto do ámbito da danza clásica como da moderna. Pola tarde, ás 19:30 horas, o grupo da EMMeD subirá ao escenario do Auditorio Gustavo Freire xunto aos demais centros convidados, nunha actuación que servirá como peche desta xornada de convivencia e intercambio artístico.
Un home perdeu a vida este xoves tras sufrir un accidente cunha res no lugar de Carelle Grande, na parroquia do Burgo (Muras). O suceso tivo lugar sobre as 19 horas, cando un familiar deu a voz de alarma ao 112 Galicia e explicou que o implicado fora aplastado polo animal. De inmediato, activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazaron ao punto o helicóptero medicalizado con base en Santiago, e a Garda Civil. Unha vez alí, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento do home.
Con motivo desta conmemoración, o Concello anima á veciñanza a participar no Certame do Día do Libro, unha iniciativa pensada para fomentar a creatividade en todas as idades. Categorías do certame: Infantil (3-6 anos): creación dun marcapáxinas orixinal. Primaria (7-11 anos): continuación dunha historia proposta. Adultos (12+ anos): relato, anécdota familiar ou continuación da historia proposta. Data límite: 30 de abril. Envío por correo: prensa@concellodecervo.com. Envío por WhatsApp: 683 315 939
A directora, Ana Traseira, e o brand manager, Carlos García, representaron ao centro lucense, que presentou a experiencia “A comunicación: unha nova ponte cara Lugo”, recoñecida co Accésit do Consello Social da UNED 2025. O proxecto destaca pola súa aposta pola innovación, a proximidade e a mellora continua na relación coa contorna. A UNED de Lugo agradeceu a oportunidade de participar nun espazo que reforza a colaboración e contribúe a construír unha universidade máis conectada, accesible e comprometida.
Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.



