REFERENCIA
Á Mesa do Parlamento
O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), por iniciativa do seu deputado Fernando Xabier Blanco Álvarez e ao abeiro do Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei para o seu debate en Comisión.
Os dados que ven de facer públicos o Observatorio polo Emprego dependente do Ministerio de Traballo e Asociación Española de Traballadores Autónomos, corroboran que no mes de marzo a destrución de emprego entre aqueles que cotizan no Réxime Especial Autónomo equiparouse en Galiza á media do Estado. A situación tornase máis preocupante se atendemos a que no ámbito de Galiza a provincia que encabeza a destrución de emprego autónomo é a de Lugo e, dentro desta, A Mariña Oriental e A Mariña Central. Tanto é así que no último ano na provincia de Lugo cesaron na súa actividade máis de 6000 autónomos, a metade dos cales se concentran nas tres comarcas da Mariña.
A este respecto folga dicir que a crise cebouse de xeito moi particular con este colectivo, destacando a desaparición do emprego no sector comercial e da hostalería, como consecuencia da caída do consumo, así como aquelas persoas que desenvolvían a súa actividade en ocupacións relacionadas co sector da construción e da promoción inmobiliaria. Non nos debe estrañar logo as consecuencias que está a xerar na comarca da Mariña, dada a exposición da mesma, a actividade inmobiliaria e a repercusión que a mesma tiña en todo o resto do ciclo económico. Agora ben, con independencia dos factores vinculados á sobreprodución, a razón central que explica estes dados é os problemas de liquidez que tiveron que enfrontar os autónomos ao cortarse a billa do crédito e non responder os organismos públicos a solventar esta situación para xerar circulante que permitise que a actividade continuase. Mesmamente, hai que ter en conta que o cese da actividade dáse tamén en negocios que mesmamente sendo rentábeis non poden facer fronte aos problemas de financiamento.
Aínda así, seguemos a estar diante dunha actividade vizosa tanto no que ten a ver coa man de obra ocupada como no que representa no PIB da Provincia. Só no caso do sector comercial e da hostalería o número de establecementos supera os 10.000 en Lugo, representando máis do 15 do PIB do noso territorio. Neste sentido hai que ter en conta que a día de hoxe no réxime especial de autónomos en Lugo seguen rexistradas preto de 30.000 persoas que están a atravesar unha situación de fonda dificultade, até o punto de que, de non mediar unha actuación decidida por parte das administracións, poderían correr a mesma sorte daquelas 6000 persoas ás que nos referíamos no primeiro parágrafo.
O Bloque Nacionalista Galego, partindo de que é a Xunta de Galiza quen ten as competencias plenas en materia de comercio e de hostalería e que a súa vez conta con instrumentos financeiros que permiten bombear crédito ao tecido produtivo, demanda un cambio de actitude por parte da mesma e, xa que logo, unha actitude decidida de apoio ao sector dos autónomos. Asemade consideramos fundamental que no seu ámbito competencial é necesario tamén que cumpra e obrigue ao cumprimento do establecido na lexislación, no referido ao cumprimento do prazo dos pagos a fin de que os autónomos non operen como auténticas financeiras e as administracións públicas e a propia empresa privada lle transfira a estes a súa falta de liquidez.
Polo exposto, preséntase a seguinte Proposición non de lei para o seu debate en Comisión:
O Parlamento galego insta a Xunta de Galiza a que poña en marcha un Plano de Apoio aos autónomos da provincia de Lugo creando dentro do IGAPE liñas específicas de financiación para circulante e reestruturación de pasivos que permita o acceso dos mesmos ao crédito.



















A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.



