Barreiros, 9 de xullo de 2021. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, lamenta a actitude da presidenta de Augas de Galicia na resposta dada en comisión parlamentaria, ao mostrarse como brazo político dun PP capitaneado por Balseiro en lugar de como parte dunha administración á que se lle supón cooperación e lealdade institucional.
Ermida aclarou que o Concello de Barreiros non recibiu en ningún momento ningunha proposta relativa a fondos europeos e a única “proposta” recibida foi “a famosa regra dos terzos por parte dunha conselleira que dixo non querer facer política coas problemáticas do ciclo da auga.”
O convenio do 2010 que a Xunta non executou liberaba ao Concello de aportación económica.
A alcaldesa explica que o convenio do que fala a Directora de Augas de Galicia non recollía esa regra dos terzos e que non se executou porque o goberno municipal anterior non foi quen de obter aportación ás arcas públicas dos promotores. Naquel entón, o presidente Feijoo deixou claro que só se executaría se os promotores poñían cartos, asumindo a Xunta a parte do Concello, xa que asumía o 40%; a Deputación, o 20% e os promotores, outro 40%.
Con estes datos, que a Directora de Augas de Galicia pode contrastar co propio presidente da Xunta, Ana Ermida advirte aos populares de que “non poden dicir, e quedar con toda tranquilidade, que manteñen un convenio de hai 11 anos nos que o PP gobernou a Xunta e o Concello de Barreiros durante 9 deles e que quedou sen executar. Sen entrar a valorar as razóns de fondo de ter asinado aquel convenio que nunca chegou a realizarse”, afirmou.
Acusacións de mentiras e falta de respecto á representante municipal.
A rexedora tamén esixiu ao deputado popular José Manuel Balseiro un mínimo de educación e respecto cara quen representa á totalidade das veciñas e veciños de Barreiros. “Porque o deputado no Parlamento representa aos seus votantes, pero as alcaldesas e alcaldes representamos a todo un pobo, tras unhas eleccións municipais que gañamos”. Esixiulle así mesmo que retire as acusacións de mentir, xa que “poden deberse a un problema de comprensión lectora do deputado mariñao” e aclarou que ten “plena disposición a explicarlle cada unha das súas palabras e as declaracións feitas tras as distintas xuntanzas sobre o tema.”
Traballo serio do goberno municipal para realizar un proxecto que leva anos agardando.
A rexedora insiste en que o Concello traballa coa intención de sacar adiante este proxecto con axuda de quen sexa preciso; pero non imos deixar que a política do PP sitúe a responsabilidade de non ter executado o proxecto de hai máis dunha década no actual goberno. “A verdadeira falta de dilixencia é dun goberno da Xunta máis preocupado de dar vida a un Partido Popular na UCI en Barreiros ca de axudar a resolver un problema permanente da veciñanza neste concello”.
“Este goberno municipal seguirá traballando con quen teña intención de solucionar os problemas de Barreiros. Quen use os gobernos para facer burda política de desgaste, non merece nin un momento de atención por parte dos representantes de Barreiros”, asegurou Ermida; quen engadiu que “a veciñanza de Barreiros sabe que o goberno local non vai parar de buscar ata debaixo das pedras o finanzamento para a depuradora de San Miguel e se a Xunta prefire buscar escusas para non axudar, non logrará facernos desfalecer.”
Ana Ermida lamenta ademais que, en pleno período de consultas do Plan Hidrolóxico Galicia Costa aberto por Augas de Galicia, o departamento galego non incluíra esta depuradora como investimento prioritario. “Se tanta preocupación e interese teñen, o mínimo é recoller este investimento nos documentos cos que se traballa desde a Xunta para obter fondos”.
A alcaldesa anuncia que pedirán formalmente esta modificación, que xa foi trasladada como unha posibilidade tras a reunión mantida polo goberno municipal no Ministerio de Transición Ecolóxica hai ano e medio sen obter resposta da Xunta e ignorándoo á hora de elaborar o novo documento”.
A esta actitude, contraponse a participación da Xunta de Galicia noutras obras de saneamento ou abastecemento en concellos da súa mesma cor política, nas que financia o 80% do mesmo ou nalgúns casos o 100%. “Agardamos que o PP deixe de secuestrar as institucións que dirixe e actúe nelas con criterios obxectivos e de xustiza social e, se de verdade ten intención de solucionar o problema de depuración de San Miguel e Reinante e de Santiago de Reinante, abandone o fanatismo político e emprenda a vía da cooperación e a lealdade institucional.”





















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.



