Lugo, 26 de setembro de 2021. A Deputación de Lugo alzouse coa Copa España Creativa 2020 nun evento celebrado na noite de onte, sábado, en Orihuela, o VII Foro de Ciudades y Territorios Creativos de España. O xurado seleccionou o proxecto da institución provincial para recuperar, conservar e poñer en valor os soutos da Reserva dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá de entre a vintena de candidaturas que concorreron como finalistas a este certame de ámbito nacional, no que participan autonomías, concellos, deputacións, colectivos profesionais, universidades ou asociacións sen ánimo de lucro de todo o país con proxectos innovadores para o desenvolvemento sostible do territorio.
A institución provincial xa gañou na primeira fase do concurso, a votación popular, onde recibiu preto do 40% dos votos, moi por diante do segundo clasificado. Esta posición de liderado foi ratificada onte polo xurado experto, despois da defensa do proxecto que realizou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto ao xefe do servizo provincial de Medio Ambiente, Luis Fernández Reija.
O xurado estivo presidido por Darío Villanueva, académico e exdirector da Real Academia Española (RAE), catedrático de Literatura Española e ex reitor da Universidade de Santiago de Compostela, e do mesmo formaron parte persoeiros como Luis García Montero, director xeral do Instituto Cervantes, catedrático de Literatura Española, e poeta, narrador e ensaísta; Rafael Monzó, presidente do centro UNESCO Valencia Mediterráneo; ou Juan José Ruíz, reitor da Universidade Miguel Hernández. No evento de Orihuela tamén estiveron presentes figuras como a escritora Espido Freire.
Recoñecemento a unha estratexia polo rural
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, expresou este domingo a súa “enorme satisfacción” polo premio, que supón “un importante recoñecemento ás políticas e á estratexia que promovemos para apoiar ao rural e ao sector primario, e para favorecer deste xeito o desenvolvemento social e económico sostible do territorio, xerar riqueza e emprego, ordenar o territorio e fixar poboación”.
Promoción da provincia
Agora, a Deputación, como gañadora da Copa España Creativa, será a encargada de organizar o vindeiro ano este evento, que reunirá a colectivos e institucións de toda España. “Sen dúbida, ser a sede deste certame no 2022 contribuirá de maneira moi importante á promoción de Lugo a nivel nacional e mesmo internacional, da nosa riqueza patrimonial, medioambiental, cultural ou gastronómica, o que terá un impacto positivo na actividade do turismo e da hostalería durante a celebración do congreso e tamén a medio e longo prazo”, destacou o Presidente.
O proxecto gañador
O proxecto co que a Deputación de Lugo gañou a Copa de España Creativa 2020 ten como obxectivo a recuperación, conservación e aproveitamento económico sostible dos soutos existentes na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, dentro do compromiso e o traballo que se leva a cabo dende a institución provincial para xerar riqueza e emprego sostible no rural lucense, e fixar así poboación, aproveitando para iso os recursos naturais propios.
O traballo, que foi desenvolvido en colaboración coa cooperativa ancaresa A Carqueixa, consistiu en tres liñas de actuación: a elaboración dun mapa dos bosques de frondosas autóctonas que, segundo os labores desenvolvidos representan o 28% da Reserva con 15.000 hectáreas; a elaboración dun mapa de masas de castiñeiros que, con preto de 5.000 hectáreas, supoñen o 9% deste espazo natural e das cales 1.000 hectáreas están catalogadas como monte comunal de titularidade municipal; e a identificación da verdadeira propiedade dos montes comunais dos soutos de Vilor, en Navia de Suarna, e Vilaver, en Cervantes, para proporcionar a seguridade xurídica que posibilite a súa explotación e conservación.
A recuperación dos soutos supón unha fonte de ingresos complementaria para as explotacións agrogandeiras, pero ademais favorece a ordenación do territorio e a prevención dos lumes forestais, e contribúe á conservación de hábitats protexidos e ao mantemento da súa biodiversidade.
Lugo 2022
A provincia de Lugo será a anfitrioa dun evento que reunirá aos proxectos finalistas dun novo certame que convocará España Creativa para o vindeiro ano para seleccionar o mellor proxecto en innovación e creatividade do país. Será a oitava edición do Fórum de Ciudades y Territorios Creativos de España, onde Lugo será o epicentro dunha reflexión nacional onde se darán cita comunidades autónomas, deputacións, concellos, empresas e organizacións sen ánimo de lucro de toda España.
Un xurado experto de primeiro nivel
O xurado que avaliou todas as propostas deste ano estaba composto por persoas de primeiro nivel dos campos da cultura, a arte, literatura, historia, da mundo académico, expertos a nivel medioambiental e da economía. Estivo composto por Darío Villanueva, académico e exdirector da RAE; Belén Elisa Díaz, presidenta de España Creativa; Enrique Carrero, membro do Consello de Administración do Club Estudantes, Luis García Montero, director xeral do Instituto Cervantes; Jordi Marín, presidente da asociación de Consultores de Cataluña, Asunción Martínez, alta comisionada Agenda 2030 Suez Spain; Rafael Monzón, presidente da UNESCO Valencia Mediterráneo; Manuel Ramírez, director xeral de Universidades do Goberno de Canarias; Enrique Sáiz, ex director xeral de Patrimonio da Junta de Castilla y León; Pedro G. Torroba, coordinador xeral de Economía do Concello de Madrid; Teresa Verdugo, directora de operacións Ceetrus España; e José Ángel Zúñiga, catedrático da Universidade Rey Juan Carlos.
Rede de Cidades e Territorios Creativos de España
A Deputación de Lugo forma parte da Rede de Cidades e Territorios Creativos de España como socia fundadora. Esta entidade foi constituída en 2016 en Monforte de Lemos, e entre os seus obxectivos está a mellora na xestión da diversidade cultural de España e a cohesión social, potenciar a innovación como modelo do desenvolvemento e turismo cultural e creativo, impulsar todos os sectores da economía a partir do valor engadido da cultural, e favorecer o diálogo entre territorios
























A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



