Santiago de Compostela, 4 de abril de 2022. A portavoz de Pesca do BNG , Rosana Pérez interpelou á consellería do Mar ante as dificultades económicas do sector pesqueiro pola escalada de prezos do combustible e cominou a titular de Mar a “publicar as axudas no DOG” e abandonar a propaganda e anuncios baleiros.
A deputada do BNG insistiu en coñecer as axudas e cando entrarán en vigor porque “4.400 buques galegos están vendo perigar o seu futuro”, afirmou.
A estas alturas, explicou a nacionalista, comprobamos que o incremento dos prezos do combustible non responde só a invasión de Ucraína e botándolle a culpa a guerra, o único que se pretende é “agochar a ineficacia e incompetencia dos gobernos galego e español”. Para Rosa Pérez a situación do sector pesqueiro é paradigmática. Ao comezo da pandemia, en marzo de 2020 pagaba o combustible a menos de 30 cts./l e nun ano, de de xaneiro de 2021 a xaneiro de 2022, xa o pagaba un 72% máis caro, nun momento no que “ non había guerra” e a pesar do que estaba acontecendo, a Xunta e o Estado continuaba “sen reaccionar”.
En novembro de 2021, engadiu a nacionalista, o sector pesqueiro xa daba a voz de alarma, e saben onde estaba a Consellaría do Mar e o Goberno galego nese momento? comparecendo neste Parlamento para explicarnos os orzamentos “máis altos da historiapara o 2022”, e “fachendeándo de bater récords orzamentarios cunha rebaixa do IRPF que era outro engano: 1 euro ao mes para a inmensa maioría dos galegos e galegas”.
Parece moito tempo, pero van alá apenas algo máis de 3 meses dende que no debate definitivo dos orzamentos, o 21 de decembro, o BNG advertía “dunha folla de ruta orzamentaria obsoleta” e tras empeorar a conxuntura política conxuntura coa escalada dos prezos da luz e a crise dos subministros e materiais, a resposta dos orzamentos galegos á situación “foi inexistente”.
Hoxe, 3 meses despois da aprobación duns orzamentos que “non previron nada, que non se anticiparon” e un mes e pico despois da invasión de Ucraína, que agravou un escenario que xa era insostíbel cunha inflación dun 6,7% a finais de ano e o gasoil pesqueiro por eriba dos 0,60%, incrementándose até o dobre ao igual que os materiais pesqueiros, nasas, redes, caixas … e ata a carnada, continuamos sen ningunha medida ou axudas despois do Consello da Xunta do 18 de marzo.
“Resulta que mentres Feijóo estaba de campaña, a conselleira de Mar urxía a Madrid a tomar medidas baixo o argumento de que non podían seguir dilatando as decisións porque a situación era extrema”. E aquí, “non só non tomaban decisións senón que dicían que as tomaban e anunciaban medidas que seguen sen poñerse en marcha” reiterou.
“É un escándalo e unha irresponsabilidade que houbera que agardar ao 29 de marzo para que o Consello de Ministros de España tomara unhas medidas que seica non se podían tomar ata despois do Consello Europeo do 24 e o 25”. E resulta “máis escandaloso” que a Xunta teña enriba da mesa “máis peticións de despezamento de barcos que nunca e siga botando balóns fora”.
Despois do congreso do PP, “de cantar a rianxeira e Feixóo presidente do PP de España”, ten pensado poñerse a traballar agora? Vai tomar decisións e poñelas en práctica, ou vai seguir laiándose e vendendo fume? Preguntou.
Por outro lado, considerou “insuficiente” destinar 68M€ para o sector sobre todo en axudas directas cando o combustíbel sigue subindo que antes da suba supoñía arredor dun 35% dos custos de explotación e agora representa case o dobre.
A rebaixa de 20 cts.l no gasoil, ou o aprazamento -que non exención do pago das cotas da Seguridade Social- “son un parche” para un sector baixo mínimos. A activación do artigo 26 do FEMPA é unha medida acaída en situacións extraordinarias pero “moito nos tememos que non sexa utilizada de maneira inmediata”.
A parlamentaria propuxo á conselleira Rosa Quintana, “plantarse en Madrid e Europa e esixir a paralización de todas as normativas que se están poñendo ou pretenden poñer en marcha”. Nomeadamente, a revisión da Directiva de Tributación da Enerxía e o paquete de medidas denominado Fit-For 55 para a redución da emisión de gases de efecto invernadoiro ata 2023 co gravando os carburantes a partir dun mínimo de 3 euros por cada 100 litros. A esta circunstancia, sumou a Acción Medioambiental da UE para 2030, que vén de ser aprobada polo Parlamento europeo para eliminar os subsidios aos combustíbeis pesqueiros e reprochou ao PP e ao PSOE que apoiaran esta iniciativa.
A deputada volveu a reclamar a rebaixa do IVE para os produtos do mar ao 4% como recomenda a OMS, poñer un tope ao combustíbel que non supere os 40ctm/l, compensacións económicas polos amarres da flota, exención temporal das cotas á Seguridade Social e das taxas portuarias e “non un aprazamento como fixeron vostedes na pandemia e que logo acabaron cargando todas xuntas sobre as maltreitas economías dos profesionais do sector”, concluíu.




















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.



