Lugo, 27 de abril 2022. Tan só unha cuarta parte do incremento do prezo do leite nos supermercados se traslada aos produtores. Desde decembro a marzo o litro de leite pasou nos puntos de venda de 79 a 84 céntimos, mentres o prezo base que cobra o gandeiro por producilo pasou de 31,4 a 32,6 céntimos, segundo os datos feitos públicos hoxe por Agromuralla e a Unión de Consumidores de Galicia.
“Nestes catro meses o leite subiu un 6,46% no supermercado e só un 4,04% ao gandeiro. Hai un 2% que non chega ao gandeiro”, explicou Miguel López, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia.
Agromuralla e UCGAL veñen de poñer en marcha un Observatorio de Prezos do Leite co obxectivo de aportar “transparencia á cidadanía para que poida tomar decisións de compra conscientes”, segundo explicaron ambas entidades en rolda de prensa este mércores en Lugo.
“O consumidor cando compra o leite pensa que o que está pagando é para que o gandeiro cobre un prezo xusto, cando realmente non é así”, asegurou Roberto López, portavoz de Agromuralla, que detallou que neste mesmo periodo de tempo o incremento dos custos de produción nas granxas foi de 4 céntimos en litro.
Transparencia para os consumidores
O Observatorio de Prezos bota a andar “con carácter de permanencia” e aportará mensualmente datos sobre a evolución do mercado e como as subas e baixas nos liñais de venda se trasladan aos produtores.
”Queremos que o consumidor saiba a verdade, que haxa transparencia, porque hai axentes intermedios que non están a ser claros co consumidor, que sabe ao prezo ao que está pagando o leite no supermercado pero non ao prezo ao que o está cobrando o gandeiro. Queremos que o consumidor saiba que parte do que está pagando agora polo leite chega a nós”, indicou Roberto López. Por iso, os gandeiros socios de Agromuralla aportarán cada mes as facturas de compra do leite por parte das industrias.
Facilitar decisións de compra
“Queremos ir retratando a cada un dos axentes, porque hai sensibilización por parte do consumidor, que quere un prezo xusto e queremos que saiba cal é a marca de leite que maior porcentaxe do prezo traslada ao gandeiro”, avanzou Miguel López, que sen embargo non quixo dar polo de agora datos concretos de empresas leiteiras e cadeas de supermercados.
A monitorización incluirá tamén aos consumidores, para saber se están dispostos a ir asumindo un pequeno incremento de prezo no leite se iso vai destinado aos gandeiros. “O consumidor galego é un consumidor consciente, responsable e comprometido co seu propio territorio. Esta información vailles servir para tomar decisións de compra en base a información clara e transparente”, afirmou o representante da Unión de Consumidores.
O consumo medio de leite sitúase en España en 80 litros por persoa ao ano, polo que unha suba de 4 céntimos no litro de leite equivalería a que o gasto medio anual por persoa se incrementaría só en 4 euros. “Unha ampla maioría de familias galegas estarían dispostas a asumilo se iso repercute no gandeiro”, asegurou Miguel López.
Soberanía alimentaria
“É fundamental avanzar cara a unha soberanía alimentaria. En só 3 meses comprobamos a gravidade de ter que depender de terceiros países e non ter a capacidade de satisfacer a nosa demanda interna. Segundo os nosos datos, nos últimos tres meses produciuse unha suba dun 15% na cesta da compra media das familias galegas, con algúns produtos que chegaron a subir case un 200%”, detallou Miguel López.
“Como produtores nós defendemos que a gandería de leite siga viva, que non sigan a pecharse granxas e que os mozos e mozas poidan tomar a decisión de continuar na actividade. Porque cando non haxa granxas que produzan leite e teña que vir de terceiros países, non será un produto de proximidade nin chegará nas mesmas condicións de calidade que chega hoxe aos consumidores. Hai que coidar ao gandeiro para que o gandeiro poida coidar do territorio e da alimentación da sociedade”, defendeu o portavoz de Agromuralla.
Ampliación do estudo a Asturias e Castela e León
Agromuralla e UCGAL pretenden que o Observatorio sexa “unha ferramenta útil” e que sirva para comparar o funcionamento do mercado do leite nas distintas comunidades. “Xa estamos traballando para ampliar os datos tamén a Asturias e Castela e León a través de consumidores e gandeiros para ver se hai diferenzas de comportamento da industria e a distribución en función do territorio”, explicou Miguel López.
Deste xeito, dixo, os datos serían representativos a nivel estatal, dado que “máis do 60% do leite orixínase nestas 3 comunidades autónomas”, indicou. Esta colaboración entre UCGAL e Agromuralla representa ademais “un compromiso serio de pervivencia no tempo”, máis alá do Observatorio que a propia Xunta de Galicia está a pór tamén en marcha.
Comparativa de datos homoxénea
Os datos empregados para o seguemento do mercado non teñen en conta produtos transformados ou de alto valor engadido. “Para falar de comparativa temos que falar de datos que sexan realmente comparables. Por iso imos facer seguemento do prezo do brick de leite enteiro no supermercado, xa que é o que menos transformación sofre, e o prezo base pagado ao gandeiro por ese leite nos contratos”, detallou Miguel López .
“O único dato que ten natureza homoxénea é o prezo base, xa que é o que marca a referencia sobre a capacidade do gandeiro de desenvolver o seu traballo en condicións de seguridade. As primas ou penalizacións son variables, ademais de que non existe uniformidade entre as distintas industrias para poder facer unha comparativa”, defendeu.
Prodúcese ademais un desfase temporal entre as subas producidas nos supermercados e as trasladadas ás granxas. “Durante ese tempo hai quen se está beneficiando diso”, indicou Roberto López, portavoz de Agromuralla. Por iso, os datos feitos públicos este mércores non reflicten na súa totalidade a revalorización do leite en orixe que se produciu na última renovación dos contratos, que entraron en vigor no mes de abril.
Contratos escurantistas
A revalorización do leite en orixe nos contratos renovados esta primavera non se fixo maioritariamente no prezo base, senón en toda unha serie de primas aparte, de carácter dispar en función da empresa, que dificulta as comparativas entre as ofertas e contratos presentados.
Agromuralla aproveitou a rolda de prensa para denunciar a “política de prezos escurantista por parte das industrias lácteas. “As empresas queren camuflar o prezo do leite a través de primas, é algo que dá inseguridade aos gandeiros. Gustaríanos que as industrias trasladasen esas primas ao prezo base”, pediu Roberto López.
“A industria xoga con primas moitas veces enganosas para dar a sensación de cara á sociedade de que nos sobre o prezo do leite co obxectivo de confundir ao consumidor e de que os gandeiros non saibamos moi ben por que conceptos cobramos. Ademais, estas subas puntuais non se consolidan ao non estar no prezo base e poden desaparecer no momento en que as empresas o estimen convinte ou converterse en penalizacións de modificarse as cláusulas, como aconteceu en moitos contratos esta primavera”, argumentou, polo que asegurou que “a viabilidade das explotacións vén dada polo prezo base dos contratos, que debe ser claro e estable para o gandeiro”.




















A concelleira de Cultura, Ana Cartelle, destacou que “es un privilegio para Ortigueira contar con una formación de la talla de Qvinta Essençia”, e subliñou que o concerto ofrece “una oportunidad única para disfrutar de una música que en su día fue la vanguardia de las cortes europeas”. O recital propón unha viaxe pola lírica e a música do Renacemento, con obras de Guerrero, Morales ou Vázquez e textos de Garcilaso, Boscán ou Lope de Vega.
Actuarán Carlos Ares, Celia Becks, Futuro Alcalde e Alcalá Norte, e o sábado será a quenda de La M.O.D.A., Ángel Stanich, Puño Dragón e Repion. López destacou o impacto económico do festival, cun retorno estimado dun millón de euros, mentres que Rouco subliñou a súa importancia turística e a achega municipal de 120.000 €.
O evento celebrarase este sábado 25, de abril, na capital lucense. Durante a xornada matinal, o alumnado asistirá a clases impartidas por profesionais de distintas disciplinas, tanto do ámbito da danza clásica como da moderna. Pola tarde, ás 19:30 horas, o grupo da EMMeD subirá ao escenario do Auditorio Gustavo Freire xunto aos demais centros convidados, nunha actuación que servirá como peche desta xornada de convivencia e intercambio artístico.
Un home perdeu a vida este xoves tras sufrir un accidente cunha res no lugar de Carelle Grande, na parroquia do Burgo (Muras). O suceso tivo lugar sobre as 19 horas, cando un familiar deu a voz de alarma ao 112 Galicia e explicou que o implicado fora aplastado polo animal. De inmediato, activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazaron ao punto o helicóptero medicalizado con base en Santiago, e a Garda Civil. Unha vez alí, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento do home.
Con motivo desta conmemoración, o Concello anima á veciñanza a participar no Certame do Día do Libro, unha iniciativa pensada para fomentar a creatividade en todas as idades. Categorías do certame: Infantil (3-6 anos): creación dun marcapáxinas orixinal. Primaria (7-11 anos): continuación dunha historia proposta. Adultos (12+ anos): relato, anécdota familiar ou continuación da historia proposta. Data límite: 30 de abril. Envío por correo: prensa@concellodecervo.com. Envío por WhatsApp: 683 315 939
A directora, Ana Traseira, e o brand manager, Carlos García, representaron ao centro lucense, que presentou a experiencia “A comunicación: unha nova ponte cara Lugo”, recoñecida co Accésit do Consello Social da UNED 2025. O proxecto destaca pola súa aposta pola innovación, a proximidade e a mellora continua na relación coa contorna. A UNED de Lugo agradeceu a oportunidade de participar nun espazo que reforza a colaboración e contribúe a construír unha universidade máis conectada, accesible e comprometida.
Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.



