Ribadeo, 27 de abril de 2022. A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, subliñou que Ribadeo é e seguirá a ser un referente en educación en igualdade e defendeu as actividades desenvolvidas ao longo dos últimos quince anos. A edil nacionalista lembrou que este Concello foi pioneiro na provincia ao constituír a Mesa Interinstitucional de Violencia de Xénero na que están representados/as todos os axentes sociais e os centros de ensino ribadenses. Deste xeito responde ás críticas vertidas nesta xornada desde Vox.
Mariluz Álvarez Lastra asegurou que “esta concelleira do BNG en Ribadeo séntese moi orgullosa de todas as actividades que levan feito ao longo destes anos en materia de igualdade no noso concello e desde logo que Vox as teña en conta e hoxe salgan como referente a nivel provincial danos unha satisfacción enorme”.
A edil de Igualdade dixo: “sabiamos que Ribadeo era referente en educación pola igualdade, porque levamos facendo actividades de educación afectivo sexual e traballando cóbado a cóbado cos nosos centros educativos desde hai 14 ou 15 anos. Que teñamos este eco a nivel provincial e rexional para nós é fundamental e moi relevante”.
A concelleira ribadense anunciou que este traballo continuará nas vindeiras semanas e meses: “seguiremos traballando en prol da igualdade do noso concello e do noso país porque cremos que formar cidadáns e persoas libres é o máis importante. A educación é a base para que as relacións sexan saudables. Para ser libres é necesario poder elixir, poder decidir, ter pensamento crítico e estar formad@s”.
Álvarez Lastra sinalou que “a sociedade que temos hoxe en día é unha sociedade diversa, non é unha sociedade so de nenos, é unha sociedade de persoas, homes e mulleres, nenos e nenas, rapaces e rapazas, bisexuais, homosexuais, heterosexuais… estamos nunha sociedade diversa e plural e nós como institucións e como cidadáns de a pé temos a obriga e a necesidade de poñer en valor a todas estas persoas, respectalas ao máximo e desde logo a nivel educativo darlles a formación que necesiten para que se sintan ben e para que poidan decidir libremente”.
E engadiu: “non estamos nas antípodas, estamos na actualidade. Nós no Concello de Ribadeo non vivimos na idade media e ademais teño que dicilo porque ao longo dos vindeiros días seguiremos anunciando actividades relacionadas coa autoestima, coa educación afectivo sexual ou coa violencia de xénero porque nos parece que é o camiño e porque nos está dando moitos froitos”.
Sobre as actividades desenvolvidas ao longo dos últimos quince anos para fomentar a igualdade Mariluz Álvarez indicou que “non é nada que se invente un goberno municipal porque no Concello de Ribadeo fomos pioneiros na provincia de Lugo en crear a Mesa Interinstitucional de Violencia de Xénero, onde están representados todos os axentes sociais e todos os centros educativos, relixiosos, non relixiosos, concertados, públicos… noraboa para eles pola colaboración e polo traballo estreito que facemos entre todos e cada un de nós. Esa programación de actividades non está inventada por esta concelleira nin por unha persoa de a pé senón que están feitas en consonancia con eles, cada un de nós aporta o mellor para dar ideas sobre o qué necesita esta sociedade, sobre o que necesitan as nosas adolescentes e os nosos adolescentes, sobre o que precisa a nosa cidadanía para poder medrar e poder educarse libre sen ningún tipo de coacción”.
E insistiu en que “seguiremos facendo estas actividades, seguiremos traballando a prol diso. Estamos orgullosisimos de que Ribadeo siga e seguirá sendo un referente en educación en igualdade e ademais estamos avalados a nivel educativo por todo tipo de leis que defendemos a capa e espada e polos currículos escolares que están aí, que para algo servirán”.
A concelleira de Igualdade de Ribadeo subliñou que “as actividades que se fan son impartidas por persoal cualificado e especializado na materia para formalos e educalos da mellor maneira posible e para darlles todas as visións: sexólogos, psicólogos, pedagogos, etc… e iso é moito de ter en conta. Grazas a estas iniciativas a mocidade pode aclarar as súas inquedanzas e a ter certo sentido crítico nestes temas. E ao contrario do que apuntan algúns, non se inculca un pensamento, senón que se axuda ás novas xeracións a pensar por si mesmas”.
E rematou manifestando: “benvida sexa a polémica porque desde logo estamos no mapa. Ribadeo foi e seguirá sendo referente en materia de igualdade no século XXI no ano 2022 e non nas antípodas”.
























A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.
A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.



