Na derradeira semana do ano 2004, preto de vinte persoas participamos nun curso de iniciación á curtametraxe. Ao longo dos cinco días que durou, levamos á práctica as ensinanzas do mesmo gravando unha curta, “O Paquete”, cuxa acción se desenvolvía no parque ribadense de San Francisco tendo por testemuña estelar á Torre dos Moreno e a Casa de Raimundo Ibáñez (actual sede do concello). A súa estrea fíxose na primavera de 2005, no ciclo de Noites Curtas, tamén organizado polo Concello de Ribadeo
O que nun primeiro momento foi unha experiencia piloto, que nalgúns outros concellos tamén se puxo en marcha, en Ribadeo acabou cristalizando nun festival audiovisual (nas catro primeiras edicións, On&Off Festival Creativo de Curtas; desde 2009 OFestivalON) desde o que se promocionaba o mundo das curtametraxes entre o público en xeral, ofrecíase unha plataforma desde a que dar a coñecer a capacidade creativa da xente nova (A Toda Mecha: gravar unha curta de 5 minutos en 75 horas), desde a que gozar das curtametraxes que se presentaban ao concurso na sección oficial (na selección previa chegou a haber nas distintas edicións ata cincocentas obras das cales eran escollidas en torno á trintena).
Unha das ideas chave deste certame foi a da cultura como elemento de dinamización económica. Se ben se abordou, en distintas edicións, o tema da produción, da promoción audiovisual, dunha Film Commision, e tamén o da formación audiovisual, así mesmo sempre se tivo presente a importancia da industria cultural (nomeadamente o mundo do cine) como factor de desenvolvemento económico. Estas xornadas teñen proporcionado a Ribadeo unha nada desprezábel promoción. Que en cada edición de “A Toda Mecha” se cheguen a gravar en torno a 20 curtas ambientadas na vila, garante unha promoción da mesma alí onde posteriormente vaian ser proxectadas. Tamén supón un revulsivo económico considerábel. Nalgunha edición chegáronse a facturar ata 7000€ só en hospedaxe por parte da organización (poñan a maiores xantar e divertimento). A cobertura mediática (radio e TV) sempre se dou a escala galega e da veciña Asturias, ademais de diversos medios dixitais.
Ao longo dos últimos anos houbo unha clara aposta polo On&Off (agora OFestivalON). Desde a Concellaría de Cultura do Concello de Ribadeo petouse en todas e cada unha das portas nas que podía obter financiamento. Porén, desde que a cultura galega está dirixida por alguén que se estreou no seu cargo embebido dunha visión “limitad(or)a” da nosa cultura, corren malos tempos. Nesta edición agora rematada houbo certo apoio desde a Consellaría de Cultura, quen sabe se para compensar as promesas incumpridas da edición anterior (do 2009) que deixaron seriamente tocada á organización. Pero para o vindeiro ano a situación complícase. A crise? Ou máis ben ese sentimento (feito público) de que a cultura galega só vive da subvención? Pódese tratar este tema, despois dos datos aportados, como un malgastar os cartos en zarapalladas? Por suposto que non.
Que algunhas persoas só vexan jipiosos bloqueiros neste tipo de actividades mostra ben ás claras que tipo de prexuízos aniñan aínda nalgúns cadros políticos. Nunha situación tan delicada como a que estamos a atravesar non podemos consentir que uns irresponsábeis poñan en perigo o potencial económico dun sector que supón en torno ao 2 por cento do noso PIB. Para o audiovisual non hai axudas, para mudar libros do galego ao castelán, si; ou para promocionar o decreto contra o galego, ou fomentar o ensino e a sanidade privados.
Con todo quero rematar o artigo apelando á actitude combativa do noso Luis Tosar: “o audiovisual ten que agarrar os machos”, ten que turrar cara a adiante, traballar con máis forza. E darlle na testa a esta xente que non cre en nós nin no noso (só no deles). E cando haxa unha nova oportunidade, tirarlles das orellas alí onde moito lles doe: votando, decidindo libremente que política cultural queremos, non deixándonos enlear por algúns capitostes da comunicación que gozan vendo como ficamos na casa, mentres eles logran asentar gobernos que ben que os subvencionan despois.
Farruco GRAÑA








A representación terá lugar este sábado día 18, ás 19:30 horas, no local social da Asociación de Veciños de Marzán, un dos destinos habituais nas xiras anuais da compañía. O Centiño mantén así a tradición de visitar este espazo, onde agarda compartir co público unha tarde divertida e chea de humor. A agrupación teatral continúa así coa difusión da súa nova obra, que segue a percorrer diferentes escenarios da comarca.
Dezaoito locais hostaleiros de Ribadeo, Rinlo e Vilaframil ofrecerán diversas preparacións ata o vindeiro domingo: en escabeche, en salpicón, en empanada, ao allo, á prancha, en albóndega, etc… Todas as propostas poden consultarse nas redes sociais de Acisa Ribadeo, que agradece “unha vez máis o apoio da OPP do Porto de Burela, que nos doou 90 quilos de cabala para estas xornadas, produto que entregamos de xeito gratuíto aos locais participantes. Achegámoslles así unha parte do peixe que empregarán nesta nova cita gastronómica na que tamén colabora o Concello de Ribadeo”. Ata o porto, ao restaurante Marinero, se achegaron este mediodía o director territorial da Consellería de Mar, Alexandre Piñeiro, as concelleiras ribadenses Montse Seijo, Elena Sierra e Begoña Sanjurjo, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, o xerente do colectivo empresarial, Jesús Pérez, e o técnico de Acisa, Jorge Fernández, que puideron degustar as elaboracións realizadas por este establecemento hostaleiro.
Durante a xornada Lionel compartirá a súa experiencia no mundo da escrita, dando a coñecer os seus procesos creativos e as temáticas que caracterizan os seus libros. O acto incluirá un coloquio participativo cos asistentes do club onde poderán preguntar e intercambiar opinións co autor sobre o libro lido “A raíña das velutinas”.
O sábado terá lugar no Casino o III Showcooking, con cociña en directo e maridaxe de viños. O público poderá votar os seus pinchos favoritos e participar no sorteo dunha noite no hotel Marqués de Riscal. A entrega de premios será o luns 20 ás 19:00 h. O Concello e Destino Navia animan a veciños e visitantes a gozar desta cita gastronómica.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
As persoas interesadas poden anotarse ata o 24 de abril na Casa do Concello (Cervo) ou na Casa da Cultura (San Cibrao). A actividade está dirixida a persoas pensionistas empadroadas no municipio. Trátase dunha xornada pensada para compartir, celebrar e desfrutar en comunidade.



