Ribadeo, 4 de febreiro de 2023. O coñecido actor Carlos Blanco será o pregoeiro do Entroido de Ribadeo. Entre as novidades que inclúe o programa destacan os sorteos da noite temática e das mascaritas do domingo lardeiro, así como a animación musical prevista para o baile infantil a cargo de Paco Nogueiras e o obradoiro de mascaritas para as nenas e os nenos que se desenvolverá o luns 20 de febreiro e ao que seguirá un pequeno desfile guiado por música tradicional polo Cantón.
A concelleira de Cultura, Pilar Otero, explicou que “Concello e Acisa ultimamos estes días os detalles do Entroido 2023, que arrincará o 17 de febreiro co pregón que pronunciará o coñecido actor, autor e director Carlos Blanco. Será ás sete e media da tarde no Teatro. E despois a partires das nove da noite ofrecerá unha función no auditorio municipal Hernán Naval”.
A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado indicou que “o sábado, día 18, temos a festa temática de heroes e heroínas. As persoas que se disfracen e consuman nos establecementos hostaleiros adheridos o 17 e o 18 entrarán no sorteo de 3 premios de 100 euros en metálico cada un. Temos que aclarar que por heroes e heroínas entendemos, por exemplo, todas esas mulleres que tiveron un papel fundamental ao longo da historia, que nadaron moitas veces contracorrente, mulleres pioneiras no seu tempo, e tamén esas súper mulleres da vida cotiá, as súper avoas, como a que nos deixou Yoseba MP na avenida de Galicia, onde temos esa imaxe de Concha de Ove, que xa quedará para sempre na nosa memoria, en fin, todas as persoas que son verdadeiros heroes e heroínas loitando na vida, ademais deses outros heroes ou heroínas que podemos ter na cabeza como Superman ou similares”.
O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, contou que “o 19 de febreiro, o domingo lardeiro, sairá a comparsa do cocho, acompaña de charangas, de gaitas e de mascaritas. No Cantón haberá unha concentración de mascaritas, entre as que se sorteará unha noite de aloxamento en Paradores e unha cea para dúas persoas no restaurante Javier Montero. E xa pola tarde será o baile infantil na discoteca Rosalar, que contará coa animación musical de Paco Nogueiras. Esta é unha das novidades importantes do programa do Entroido 2023 de Ribadeo”.
A concelleira de Cultura, Pilar Otero, suliñou que “outra das novidades será o obradoiro de mascaritas, que terá lugar o luns, 20 de febreiro, no campo de San Francisco para as nenas e os nenos de Ribadeo, que deberán levar algún pano, mandilón ou bata de casa para gozar desta xornada, que rematará cun pequeno desfile pola contorna do Cantón ao compás dun gaiteiro. Queremos animar a toda a xente miúda de Ribadeo a participar nesta cita”.
O edil ribadense, Vizoso Galdo, seguiu a relatar que “o martes, día 21, será o Gran Desfile de Entroido, que partirá ás cinco da tarde da rúa Rosalía de Castro e rematará diante do Concello, onde terá lugar a entrega de premios. En total imos repartir máis de 3.500 euros e outros agasallos. Que todo o mundo estea pendente da web do Concello e das redes sociais para poder facer as inscricións. Todas as persoas que queiran obter máis información poden dirixirse ao teléfono da oficina de turismo de Ribadeo, que é o 982 128 689”.
Carmen Cruzado engadiu que “esta tradicional cita rematará coa Queima do Entroido o 25 de febreiro, sábado, na avenida Rosalía de Castro, como ven sendo habitual. Sabemos que hai moitas ganas de vivir este momento, que non se puido celebrar nos anos 2021 e 2022 por mor da pandemia da covid. A Queima desenvolverase no medio de fogos artificiais e cunha monumental traca como peche de festa”.
Concello e Acisa agradecen a colaboración das charangas de Ribadeo e animan “ás e aos ribadenses e tamén á veciñanza de toda a contorna galega e asturiana a disfrazarse e a gozar do Entroido de Ribadeo. Hai moitos premios agardando por vós, tanto no desfile, como na festa temática ou para as mascaritas. Imos desempoar a roupa e que viva o Entroido”.
O cartel e o programa do Entroido 2023 foron presentado polo alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, a concelleira de Cultura, Pilar Otero, o concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso e o xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez.





















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



