- A Gastropraza volverá este mércores ao Mercado de Abastos de Ribadeo
Será ás 12 do mediodía. Nesta ocasión os asistentes poderán gozar da elaboración e degustación de receitas con peixes de baixo valor económico, unha oportunidade para descubrir novas formas de cociñar e saborear o mellor produto de proximidade. Na praza de abastos estiveron xa facendo promoción desta actividade a concelleira de Promoción Económica e Comercio, Marta Saiz, e o alcalde, Dani Vega.
- A deputada de Cultura, Iria Castro, e o deputado de Rural, Mar e Mocidade, Daniel García, asistiron este luns en Mondoñedo á inauguración da rúa Andrea López Chao en homenaxe á mestra mindoniense, pioneira na loita polo dereito das mulleres á educación e á saúde na emigración galega en Cuba
A descuberta da praca culminou unha nutrida axenda de actos de recoñecemento e divulgación do legado de Andrea López Chao que se desenvolveu nos últimos catro anos, da man dun grupo de traballo coordinado por Luis Ansedes. Tras a inauguración, na que particiou a bisneta da homenaxeada, Patricis Ares, estreouse no Auditorio Municipal o documental "Andrea López Chao. O poder de educar" da realizadora hispano cubana Violeta Ramos Valdés. Iria Castro parabenizou "as persoas que participaron no recoñecemento e divulgación da figura de Andrea López Chao, ampliando o coñecemento do seu legado e documentándoo e proxectándoo para as xeracións futuras"
- A obra teatral Zozobra chega a Vilalba a través do programa “Escena Camino Norte” e a área de Cultura
"Zozobra" en palabras do propio autor, Maxi Rodríguez, é unha 'labazada de teatro que axita conciencias'. A cita é este domingo 21 de Setembro ás 20:00h. no Auditorio Municipal con entrada de balde
- Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, asistiu este domingo á ofrenda á Virxe dos Remedios en Mondoñedo, un dos actos relixiosos e culturais máis relevantes da Mariña e da provincia
As delegacións municipais participan neste acto solemne que mantén viva a devoción pola patroa da cidade de Mondoñedo e reforza a unión entre os concellos da contorna. Mariña Gueimunde subliñou que «para Viveiro é unha honra participar nesta celebración tan arraigada que une ás nosas vilas a través da tradición e da cultura». Engadiu que «é fundamental preservar estas manifestacións colectivas que forman parte da nosa identidade e que fortalecen os lazos de fraternidade entre os pobos veciños».
- Ás cinco da tarde deste sábado saía das inmediacións do Parque de San Francisco a XI Media Maratón Ribadeo-As Catedrais na que se inscribiron máis dun milleiro de corredoras e corredores
O encargado de dar a saída foi o alcalde, Dani Vega, que estivo acompañado pola concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, e pola presidenta de Acisa, Carmen Cruzado. Por diante 21 quilómetros de percorrido por paraxes espectaculares ata chegar á meta na praia das Catedrais. A proba desenvolveuse nunha tarde soleada e moi calorosa.
- O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu á III Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, que se celebrou este sábado en Ribeiras de Lea (Castro de Rei)
O evento está organizado pola asociación de veciños da parroquia, co apoio do Goberno galego. Arias puxo en valor o traballo do colectivo organizador para "facer medrar este evento ano tras ano, consolidándoo en soamente tres anos como unha das citas destacadas no calendario festivo da comarca".
- A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, reuniuse este sábado co alcalde da Fonsagrada, Carlos López, para abordar algunhas cuestións de interese para este municipio
Na xuntanza, que tivo lugar no Departamento Territorial da Xunta en Lugo, avaliouse a posibilidade de establecer vías de colaboración para mellorar as infraestruturas rurais da localidade. A maiores, estudouse a situación dos instrumentos de mobilización da terra agraria que se desenvolveron na localidade e afondouse na mellora da súa xestión forestal.