Barreiros, 17 de xuño, 2023. A nacionalista Ana Ermida, tal e como sucedía hai catro anos, seguirá á fronte do consistorio grazas ao apoio da socialista, Carmen Veiga, quen continuará no goberno local. Nacionalistas e socialistas suman un concelleiro máis na corporación que o PP.
Discurso de Ana Ermida
Hai hoxe exactamente catro anos entraba nesta casa por primeira vez sendo alcaldesa. Facíao convencida de que estábamos a transformar os anceios de moita xente en realidades e disposta a coverter as ideas en feitos.
Sabía (sabíamos) que non ía ser sinxelo, mais sentimos coma nunca a responsabilidade de facelo por mandato do pobo. Hoxe, catro anos despois, abrimos unha nova etapa na que o goberno de Barreiros vén de consolidarse no seu proxecto. Temos por diante catro anos nos que florecerán esas sementes que puxemos coidadosamente e ás que lles dispensamos os coidados necesarios para que xerminen. Porque non chega a primavera sen que antes pase o inverno e, na época do frío, é necesario contar co calor das corazóns valentes que non se arredan.
Hai unha lenda preciosa que conta que cando o inverno e as neves cubrían o Cebreiro, as avoas ao ver un paporroibo dicíanlle ás cativas que estes paxariños viñan de visita para lembrarnos que por moi cativos que sexamos se levamos lume no corazón non hai frío que nos conxele.
E así é: en Barreiros puidemos ver que a forza do noso amor non é inutil, como dicía o poeta. Camiñamos con paso curto e vista ao lonxe. E fixémolo amosando o que somos sen complexos. Nun camiño non exento de espiñas nin paus nas rodas, con momentos doces e non tanto, mais coa certeza absoluta de quen avanza na senda da honestidade, a honradez e o traballo desinteresado por riba de todo.
Quero agradecer desde aquí ese apoio que recibín nos momentos máis duros: as compañeiras e compañeiros do goberno (que hoxe recuncamos), as miñas amizades e familia (que tantas veces soportan -e reconfortan- problemas alleos), ás veciñas e veciños comprensivos e cooperadores (que foron quen de poñer por diante o colectivo e aparcar o individual) e ás traballadoras e traballadores desta casa que quixeron ser verdadeiro sostén dunha acción de goberno complexa e arriscada, polos tempos e polos espazos.
Recollía hai catro anos das mans amigas dunha veciña un simbólico bastón de mando que ofrecía ao pobo. Foi un bastón usado máis a xeito de vara de pastoreo que de mando, construíndo equipos e aglutinando persoas boas e xenerosas para reescribir o futuro de Barreiros. Non sempre atopamos quen quixera construír e por iso non podo deixar de lembrar nun día coma hoxe a necesidade de ser escrupulosas nas nosas labores de servizo público, sexa onde for que nos toque exercelo, e a decencia de facelo desde o máximo respecto ás persoas ás que nos debemos: as veciñas e os veciños.
Comezamos hoxe catro novos anos. Catro novos anos nos que o camiño xa está iniciado e no que a forza que recollemos nos dá folgos para continuar construíndo un Barreiros libre, un Barreiros democrático, un Barreiros das persoas. Catro anos nos que aplicaremos con humildade as aprendizaxes recollidas, mais tamén a disciplina necesaria para avanzar.
Sumaremos todo con quen queira facelo, multiplicaremos por mil con quen estea en disposición de aportar. E só aplicaremos resta a quen pretenda dividir. Estamos aquí para unir, para medrar, para seguir avanzando na crenza de que é posible facelo desde o orgullo do propio, desde o traballo por este concello no que nacemos e vivimos.
Vou rematar con outra lenda -que se recolle no diccionario dos seres míticos galegos e que non deixa de ter relación coa que mencionaba hai uns instantes sobre a existencia dos paporroibos: “Resulta que, no tempo no que os animais falaban, cando non se coñecía o lume na Terra, reuníronse os paxaros en consello e decidiron buscar un voluntario para ir ata o Sol e traer o lume. Ofreceuse o pisco e alá foi. O sol deulle xenerosamente o lume, pero advertiulle a posibilidade de facer a viaxe en balde se queimaba. Mesmo ao final da viaxe, comezaron a arderlle as plumas do peito; pero chegou coa candea ardente. Tódolos paxaros en agradecemento acordaron darlle cadansúa pluma, agás a curuxa que se negou, e desde aquela, obrigada polo resto dos paxaros, quedou condenada a voar só pola noite. Se algunha vez tenta outra cousa, os paxaros máis pequenos perséguena até facela desistir”.
Cadaquén que escolla a lenda que máis lle praza para os paporroibos, mesmo podemos escoller ambas. E cada vez que os vexamos, abondosos, por Barreiros, lembraremos que somos centos e honraremos, novamente, a Castelao facendo que a fogueira do espíritu siga quentando as nosas vidas e a fogueira do lume nunca deixe de quentar os nosos fogares.
Unha vez máis, grazas por permitirme nun día coma hoxe volver a dirixirme a vós como alcaldesa e continuar a representar a este meu pobo con orgullo e dignidade.
Viva Barreiros e vivan as e os barreirenses!























López agradeceu á Academia Galega do Audiovisual por escoller Lugo e destacou a importancia do evento para visibilizar o talento local e o apoio provincial ao sector. A gala contou cunha ampla representación lucense: Nuno Pico e Xaime Miranda polo videoclip Antes fun moi malo; Fran Fórneas e Sergio Marey por Ferido do Xoán; Sabela Ramil e Andrea Mesa por Non cho podo dar; o dúo Fillas de Cassandra; e o burelés Breixo Llano, do equipo de Cos pés na terra. Ademais, a película Sirāt, do naviego Oliver Laxe, foi unha das grandes favoritas con 14
A proposta combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos. As entradas, cun prezo de 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes do inicio. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
O presidente, José Luis Sáez, agradeceu o apoio da empresa, clave para reforzar os equipos nesta segunda volta e garantir a continuidade da entidade, que segue loitando pola permanencia en Primeira División Iberdrola e Segunda División.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



