Será presentada nun acto na Casa de Galicia en Madrid o 25 de xaneiro. A escritora e xornalista Sonsoles Ónega será a encargada de dar a coñecer os potenciais ribadenses
Ribadeo, 16 de xaneiro de 2024. Ribadeo a contrapunto é a nova marca turística do Concello, que será presentada nun acto na Casa de Galicia o vindeiro 25 de xaneiro. A escritora e xornalista Sonsoles Ónega será a encargada de dar a coñecer os potenciais ribadenses. O alcalde, Dani Vega, presentou esta mañá no salón de plenos a campaña de promoción, xunto á concelleira de Turismo, Marta Saiz, e á presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.
Concello e Acisa asistirán xuntos a Fitur 2024 con tres obxectivos: “evidenciar o potencial turístico de Ribadeo, expoñer as liñas estratéxicas que nos guían e mostrar as ferramentas que utilizaremos para consolidarnos como un dos piares turísticos do norte de Galicia. En Madrid presentaremos a nova campaña publicitaria, manteremos reunións e estableceremos contacto con diversos axentes turísticos e entidades relacionadas coa promoción do turismo”, segundo puxo de manifesto o alcalde, Daniel Vega.
A Casa de Galicia acollerá o 25 de xaneiro ás nove da noite a presentación da nova marca turística de Ribadeo: “que reflexa un Ribadeo con carácter propio marcado pola súa historia, tradición, cultura e xeografía. Unha forma diferente de coñecer Galicia, rompendo estereotipos e dando outra visión do que pode ser a nosa terra, pois Ribadeo baila con ritmo propio. No acto de presentación acompañaranos Sonsoles Ónega, periodista, presentadora de televisión e escritora, na actualidade conduce o programa televisivo Y Ahora Sonsoles. O seu amor por Galicia e Ribadeo converterana na mellor das anfitrioas”.
A imaxe que reflicte Ribadeo, a contrapunto é un metrónomo, un aparato que empregan os músicos para medir os tempos das súas composicións: “Ribadeo ten o seu ritmo propio, dinámico e constante. E niso queremos incidir”.
O rexedor explicou que “poñendo o toque culinario e representando a gastronomía ribadense uniranse ao acto os establecementos hostaleiros A Horta de San Roque, El Oviedo, La Solana e Ramonita. Todas e todos eles prepararán unha serie de petiscos baseados en produtos de proximidade”. A velada estará amenizada por Guillermo Cruzado, músico ribadense afincado en Madrid.
Vega indicou que “con esta nova campaña de comunicación, mostraremos que esta singularidade que nos caracteriza non é froito do azar, o noso territorio presenta grandes contrastes, infinidade de espazos, dende unha costa monumental ata unha ría de augas mansas, dende vales de interior ata os horizontes abertos da rasa, dende as aldeas tradicionais, ata a sofisticación cosmopolita das casas indianas. Mar e montaña, tradición e modernidade móstranse en harmonía nun destino vivo enriquecido pola súa oferta gastronómica, comercial e cultural, ben preparado para recibir visitantes”.
E engadiu: “somos conscientes de que debemos seguir traballando e avanzando como espazo turístico innovador, accesible para todas e todos, consolidado sobre unha infraestrutura tecnolóxica de vangarda que garanta o desenvolvemento sostible do territorio, que facilite a interacción e integración do visitante coa contorna e incremente a calidade da súa experiencia; e á súa vez, aumente a calidade de vida dos e das residentes”. O rexedor agradeceu o traballo realizado para a promoción turística por parte de todos os alcaldes e os gobernos municipais anteriores.
Iñaki Gazterumendi, consultor estratéxico do sector e fundador de Verne Tourism Experts, será o encargado de desenvolver o ambicioso Plan Estratéxico de Turismo que, durante os próximos 4 anos, acabará de consolidar a Ribadeo como un dos destinos vacacionais máis desexados.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, dixo que “Acisa acompañará un ano máis ao Concello na promoción turística que realizará en Madrid, na Casa de Galicia, a vindeira semana e participará nas reunións de traballo en Fitur co obxectivo común de atraer visitantes ao longo de todo o ano”.
Cruzado sinalou que “Ribadeo ten potenciais dabondo para mostrar a quen nos visite durante todo o ano. Temos costa e interior, temos mar, ría e monte; Ribadeo ten un pasado comercial, ilustrado e indiano espectacular… Ribadeo conta cuns produtos da horta incribles, a hostalería sempre está disposta a sorprender a quen se achega ata aquí con exquisitos peixes, mariscos e carnes. Temos hostalería tradicional e innovadora, temos un comercio referentes en toda a contorna… E estamos moi ben comunicados por autovía, e a tiro de pedra do aeroporto e do tren de alta velocidade da veciña Asturias”.























A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
A convocatoria está fixada para as 19.30 horas no salón de sesións da Casa Consistorial. Un dos puntos da orde do día inclúe a proposta para designar as festividades locais de 2027. Tamén se presentarán dous expedientes de recoñecemento extraxudicial de crédito. Ademais, a corporación someterá a aprobación as actas das sesións celebradas os días 8 e 15 de xullo. A orde do día completarase coa parte de control, na que se dará conta das resolucións da Alcaldía e se abrirá a quenda de rogos e preguntas.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.



