Tras unha primeira parte na que o Burela non se atopou e unha mellor versión na segunda, o Pecados Rubén continúa imbatible nesta tempada
Burela, 23 de marzo, 2024. Ás 18.45h desta tarde, no pavillón municipal Vista Alegre, de Burela, disputábase o partido da 23ª xornada de Primeira División Iberdrola, Pescados Rubén Burela FS – LBTL Futsal Alcantarilla, cun resultado final 3-2. Complicado partido para as de Julio Delgado que se enfrontaron ao seu primeiro encontro sen a súa porteira titular, Caridad, que se recupera da súa lesión de menisco, e á que substitúe Ana Eliza que comeza con moi boas sensacións no seu primeiro partido de entrada. O conxunto murciano está realizando unha segunda volta con moi bos resultados, non puntuando soamente en tres partidos, hoxe e ante o segundo e terceiro clasificados, Futsi e Torreblanca. Cun inicio de tempada máis frouxo que lles custou ese oitavo posto, o equipo de Alicia Morell está a apertar moito este ano, sendo tamén un posible rival para a semifinal da Copa da Raíña, no hipotético caso de gañar nós a Futsi e elas a Castro. Nun encontro moi competido no que as locais non se atopan do todo en pista durante a primeira metade e saen cunha versión mellorada, aínda que non no seu maior esplendor, na segunda.
Comeza presionando o Burela nas primeiras xogadas sen atopar a portería. No minuto 6 Irene Samper téntao cun disparo que se vai por encima do traveseiro e case volve conseguir o primeiro tanto un minuto despois cun disparo lateral que detén a porteira do conxunto murciano. No minuto 7 chega o primeiro gol da tarde cun disparo que entra por toda a escuadra case desde a liña de fondo de Melli tras unha saída moi boa de Ana Romero ata a área rival. Numerosos intentos por parte do equipo local que se ve desconcentrado e descolocado, sufrindo moitos roubos de balón e pases errados ata o descanso. Con poucas oportunidades por parte do conxunto rival, pero moi claras, como no minuto 18 cun dobre disparo que para en primeira instancia Ana Eliza e vaise por encima do traveseiro no segundo, continúa tentándoo o Burela buscando o gol antes do descanso. Tamén no 18 Aroa lanza ao segundo pau rozándoo. No último minuto tras unha boa combinación Emilly non chega a un rexeite tras un disparo de Aroa ao segundo pau e outra a 2 segundos do descanso cun disparo tamén de Aroa que vai fóra.
Na segunda parte comeza presionando o Burela con dous tiros a porta nos primeiros segundos, un segundo moi preto do gol cun disparo de Aroa que detén Ana Romero tras un saque de esquina. No minuto 23 chega o empate cun gol de Irene Samper tras un pase de Emilly nun libre indirecto. Continúa loitando o Pescados Rubén, con numerosas oportunidades que non finalizan con éxito. No minuto 30 chega o 1-2 cun gol de Miriam nunha contra que case detén Ana Eliza pero escápaselle entre as pernas e un minuto despois chega o empate cun gol de Irene Samper dende fóra da área. Dúas oportunidades clarísimas sucédense a este gol no seguinte minuto, pero non conseguen adiantar o marcador para as Guerreiras Laranxas ata o minuto 33 no que nunha bonita xogada Emilly métea desde o segundo pau a pase de Antía Pérez. No minuto 36 paradón de Ana Eliza a un saque de libre directo tras unha man de Antía. No 37 outra clarísima de Irene Samper que detén Ana Romero cun disparo frontal desde dentro da área. Presiona o LBTL con Pao de porteira-xogadora no minuto 38 buscando o empate pero non conseguindo sequera lanzar a portería. Tras un tempo morto a 49 segundos da bucina aproveita o Burela unha última xogada, na que Dany se atopa coas mans de Ana Romero. Continúan mantendo a posesión de balón ata o asubío final.
Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS 3-2 LBTL Futsal Alcantarilla
Pescados Rubén Burela FS (3): Ana Eliza; Cilene, Cami, Rafinha, Patricia, – cinco inicial-, Dany (C), Antía Pérez, Aroa, Irene Samper, Emilly, Ester (P). Entrenador: Julio Delgado
LBTL Futsal Alcantarilla (2): Ana Romero; Bet, Mari, Miriam, Melli -cinco inicial-, Ana Belén, Iraia, Blanca, Anita, Lydia, Pao, Irene Franco (P). Entrenadora: Alicia Morell
Goles: 0-1, min.7: Melli. 1-1, min.23: Irene Samper. 1-2, min.30: Miriam. 2-2, min.31: Irene Samper. 3-2, min.33: Emilly.
Árbitros: Adrián Calleja Rubio, Gael García Schmid.
TA: Anita, Francisco Javier Cano Solana.




















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.


