Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace reuníronse en Bruxelas con representantes de partidos políticos para alertar do grave impacto socioambiental que carrexaría a macrocelulosa de Palas de Rei
Compostela, 18 de abril, 2024. Unha delegación das organizacións ecoloxistas galegas Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace estivo esta semana en Bruxelas reuníndose con europarlamentarios españois para informarlles dos graves impactos ambientais e sociais que carrexaría a instalación do proxecto GAMA, unha macrocelulosa que a empresa portuguesa Altri pretende instalar en Palas de Rei, a través da sociedade mercantil que constituíu en Galicia denominada Greenfiber S.L. A delegación viaxou xunto á Plataforma Ulloa Viva grazas á facilitación de Ana Miranda (BNG) e prolongou a axenda reuníndose tamén con Nicolás González Casares (PSOE) e María Eugenia Rodríguez Palop (Unidas Podemos).
Segundo as entidades ecoloxistas, o que nun principio o presidente da Xunta anunciou como “un proxecto ecolóxico”, revelouse, coa presentación da documentación, como o que realmente é, unha industria para producir ata 400.000 toneladas celulosa soluble e 200.000 de Lyocell, ademais doutros subproductos como biomasa e xeso. É dicir, unha nova pasteira a base de madeira de eucalipto. Isto requirirá unha captación de 46.000 m³/día de auga –tanto como consome toda a provincia de Lugo– e un permiso de vertedura industrial ao río Ulla de 30.000 m³/día de augas residuais. Tamén emitirá xofre reducido total, óxidos de xofre, óxidos de nitróxeno, monóxido de carbono e material particulado. Asemade, supón unha afección directa sobre a rede Natura e os seus proxectos de ampliación.
Por iso, as representantes de Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace solicitánronlle aos europarlamentarios que se opoñan á posible asignación dos fondos Next Generation para financiar este proxecto, xa que a propia empresa, firmemente apoiada pola Xunta de Galicia, manifestou que necesita optar cando menos a un cuarto do seu investimento –uns 250 millóns de euros dos 900 que di investirá– de diñeiro público de entrada, centrando actualmente as súas miradas nos fondos Next Generation e o PERTE de descarbonización da industria.
Carta a comisarias europeas
Ademais destes contactos cos representantes das forzas políticas, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace, xunto con SEO/Birdlife e WWF dirixíronse por carta á Sra. Céline Gauer, á Sra. María Teresa Fábregas Fernández e ao Sr. Giulio Federico, respectivamente responsable, directora e xefe de unidade do Grupo de Traballo de Recuperación e Resiliencia (Recovery and Resilience Task Force), tendo tamén en Bruxelas unha xuntanza con parte do equipo mesmo grupo de traballo.
As cinco organizacións ecoloxistas trasladáronlle aos comisarios europeos que o proxecto GAMA de Altri-Greenfiber terá impactos ambientais irreparables e acelerará os efectos do cambio climático sobre esta área de especial protección e de biodiversidade. Nas cartas á Comisión Europea resaltan o incomprensible que sería conceder fondos públicos a unha actividade tan destrutiva, con afeccións directas á Rede Natura 2000 e varias especies ameazadas e en perigo de extinción, e que en absoluto cumpre o Principio DNSH (Do Non Significant Harm), condicionante indispensable para vixiar que o destino dos cartos non afecte a cuestións tan viais como a “protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas”, o “uso sostíbel e a protección dos recursos hídricos e mariños”, ou a “mitigación e adaptación ao cambio climático”.
Alegacións ao proxecto de celulosa
Por outra banda, o pasado mércores 17 de abril, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace rexistraron alegacións ao proxecto GAMA, realizadas conxuntamente polas tres organizacións ecoloxistas galegas. Entre os moitos impactos negativos que detectaron salientan o emprazamento da instalación. As súas máis de 360 hectáreas, dez veces o tamaño da celulosa Ence na ría de Pontevedra, distan cero metros do ZEC Serra do Careón (ES1110014) e o punto de vertedura moi preto –río arriba– do ZEC Sistema Fluvial Ulla-Deza (ES1140001). Ademais, ponse tamén en risco o ZEC Sobreirais do Arnego (ES1140015), igualmente situado na conca do río Ulla, e os ecosistemas mariños da ría de Arousa. Neste territorio desemboca o río Ulla e emprázase a Illa de Cortegada, integrante do Parque Nacional dás Illas Atlánticas de Galicia, e nun radio de menos de 30 Km de distancia se situan as Reservas da Biosfera: Terras do Miño, Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
Nas alegacións sinalan que a posta en marcha de semellante industria tería tamén un impacto enorme no tecido socioeconómico tanto da comarca da Ulloa, eminentemente rural, agrogandeira e paso obrigado do Camiño de Santiago, como da Ría de Arousa, os seus bancos marisqueiros e a súa pesca tradicional. Asemade, argumentan que Galicia non pode soportar outra industria que leve implícita unha maior eucaliptización do territorio, que está directamente relacionada co abandono do rural, a perda de biodiversidade, a deficiente integridade ecolóxica do país, a inflamabilidade da paisaxe e mesmo coas limitacións á hora de mitigar o cambio climático.
Por último, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace puideron entregar as súas alegacións por rexistro dixital, pero denuncian que multitude de veciñas e veciños non puiideron entregar físicamente as súas alegacións particulares nos rexistros municipais pola incapacidade das administracións de xestionar a súa recollida así como pola elevadisima resposta da sociedade en contra deste proxecto. Demandan á Xunta de Galicia que amplíe o prazo cando menos 15 días máis, xa que non facelo sería vulnerar a posibilidade de exercer un dereito fundamental da cidadanía.



















Castro destacou o labor da Asociación e o potencial da tradición do ferro como motor económico, social e cultural para Riotorto, subliñando a importancia de impulsar iniciativas que garantan futuro para estes oficios. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa entidade, cunha achega de 14.000 euros. No marco deste apoio, a Asociación avanzou na documentación dos oficios do ferro, catalogando ferramentas, técnicas e a historia das antigas “ferrerías de monte”.
O responsable provincial destacou "o traballo realizado pola organización ao longo destes anos para consolidar unha proba deportiva de primeiro nivel, que atrae tanto deportistas do máximo nivel competitivo como participación popular"
O grupo teatral O Centiño de San Martiño (Foz) actuou este sábado en Marzán, convidado pola asociación veciñal Torques de Marzán. O local quedou pequeno ante a resposta do público: 73 persoas, un récord de asistencia para unha obra de teatro na parroquia. A comedia provocou constantes risas e un ambiente moi participativo. A iniciativa volve demostrar o valor de levar actividade cultural e teatro afeccionado ás parroquias e barrios, achegando propostas escénicas a lugares afastados dos grandes circuítos. O Centiño continuará a xira de “O Autobús” nas vindeiras semanas: Sábado 25 de abril: Vilaronte (Foz). Sábado 2 de maio: Casa da Cultura de Trabada
A xornada contou con degustación gratuíta de viños elaborados por adegas da contorna, unha cata comentada e un mercado de produtos gastronómicos locais, permitindo aos asistentes coñecer de primeira man a riqueza do produto de proximidade. O pregón desta edición correu a cargo de Alejandro Gándara, quen presentou o seu proxecto audiovisual 360 curvas, unha obra que reflexiona sobre a distancia entre A Fonsagrada e Lugo e sobre o conflito social e político asociado á perda da súa condición de cabeceira de comarca, no marco da loita contra a despoboación.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
A cita contará con charlas, obradoiros, concurso de fotografía e unha ampla zona expositiva. A feira será de acceso gratuíto e está pensada para gozar en familia.



