O “control” da contaminación da auga vertida correu a cargo dunha empresa privada pagada pola propia Alcoa
Lugo, 29 de Xullo 2024. A través da publicación no BOE do pasado 16 de xullo do anuncio do Servizo de Costas de Lugo da solicitude de concesión administrativa para un emisario de evacuación das augas residuais de Alcoa en San Cibrao, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas detectamos que se trataba nin máis ni menos que da legalización do actual emisario xa en funcionamento.
Trátase dunha tubería de mil metros de lonxitude, que á vista da súa solicitude de legalización foi construída sen permiso non se sabe cando nin por quen, sendo supostamente detectada recentemente nunha revisión realizada pola propia Alcoa.
Ademais, resulta que estes vertidos ían dar a unha zona de augas de baño cuxa calidade estivo sendo supervisada por unha empresa privada chamada APPLUS, pagada pola propia Alcoa. Consideramos que sería moi conveniente, en aras da saúde e seguridade da cidadanía, que canto antes a Xunta de Galicia amplíe os controis de contaminación orgánica en augas para o baño engadindo tamén os producidos por contaminación química industrial, tanto na zona afectada por este emisario ilegal como noutras áreas do país que se atopan en circunstancias similares.
Resulta totalmente indignante este novo capítulo de interesada permisividade con esta empresa por parte da Xunta de Galicia, que se vén a engadir a lamentables episodios como as ampliacións sen permiso da balsa de lodos roxos onde se acumulan milleiros de toneladas de material altamente contaminante.
Que esta empresa pretenda argumentar que non tiña coñecemento de por onde estaba a verter as súas augas residuais constata tanto o seu nulo respecto pola legalidade ambiental como o papel subalterno e vergoñento da Xunta e dos Concellos de Cervo e Xove, incapaces de controlala nin tan sequera en cuestións tan básicas para a seguridade da poboación como é a emisión das súas augas residuais.
Canda a saúde de milleiros de persoas, cómpre lembrar tamén que esta industria está próxima a San Cibrao e espazos da Rede Natura coma os Illotes dos Farallóns, e afecta directamente a hábitats protexidos, e que o mes pasado a contaminación por po do depósito de lodos vermellos obrigou a pechar cautelarmente unha finca de froiteiras en Xove.
Cantos casos de contaminación máis son precisos para que a Xunta de Galcia reaccione? No ano 2010 a rotura dunha balsa en Hungría co mesmo tipo de residuos tóxico provocou unha auténtica catástrofe medioambiental, a de Alcoa é corenta veces máis grande.
Alcoa é unha industria con múltiples ilegalidades á que se lle “permite” vixiarse a si mesma. O silencio sobre os seus prexuízos convive coa carreira desbocada cara a ampliación da balsa de lodos roxos e de construción de polígonos industriais eólicos para garantir a continuidade dunha actividade que hipoteca o futuro de toda a comarca para manter uns salarios sempre inferiores ás axudas públicas recibidas pola propia empresa.
Esiximos á Xunta de Galicia que exerza as súas responsabilidades na supervisión e control desta industria, aclarando dende cando e por que estaba a evacuar augas residuais a través dunha infraestrutura non legalizada, e analizando a calidade das augas expulsadas a través do mesmo a fin de aclarar se puido ter lugar algún tipo de afección á saúde das persoas e o mediambiente.





















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.



